ARTIGO DE ESTUDO 23
CANCIÓN sjj 2 Teu nome é Xehová
Por que é tan importante para nós o nome de Xehová?
“Vós sóde-las miñas testemuñas —é o Señor quen fala—” (IS. 43:10).
OBXECTIVO
Aprender cal é o noso papel na santificación e vindicación do nome de Xehová.
1, 2. Como sabemos que o nome de Xehová é importante para Xesús?
PARA Xesús o máis importante é o nome de Xehová. Ninguén fixo tanto coma el para dalo a coñecer. Como vimos no artigo anterior, estivo disposto a morrer polo nome de Xehová e por todo o que este representa (Mar. 14:36; Heb. 10:7-9). Cando acabe o seu Reinado de Mil Anos, Xesús estará disposto a ceder toda autoridade para santificar o nome do seu Pai (1 Cor. 15:26-28). O amor que sente polo nome de Deus tamén nos ensina moito sobre a relación que ten con el. Demostra sen dúbida ningunha que el ama a Persoa que hai detrás deste nome.
2 Xesús veu á Terra no nome do seu Pai (Xoán 5:43; 12:13). El deulles a coñecer ese nome ós seus discípulos (Xoán 17:6, 26). Cando lles ensinaba ás persoas e facía milagres, deixaba claro que fora Xehová quen lle dera a sabedoría e o poder para facer estas cousas (Xoán 10:25). De feito, pediulle que coidase dos seus discípulos “polo [Seu] propio nome” (Xoán 17:11). Está claro que o nome de Deus era máis importante para Xesús que calquera outra cousa. Entón, como pode alguén afirmar que é cristián se non coñece nin usa o nome de Xehová?
3. Que veremos neste artigo?
3 Como somos verdadeiros cristiáns, imitamos a Xesús amando e respectando o nome de Xehová (1 Ped. 2:21). Neste artigo veremos como ese nome identifica os que predican as “boas noticias do Reino” (Mat. 24:14). Tamén analizaremos o que debería significar para cada un de nós persoalmente.
“UN POBO PARA O SEU NOME”
4. a) Que lles dixo Xesús ós seus discípulos xusto antes de volver ó ceo? b) Que pregunta analizaremos?
4 Xusto antes de volver ó ceo, Xesús díxolles ós seus discípulos: “Cando recibades o espírito santo, teredes poder e seredes as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda Xudea e Samaria, e ata a parte máis distante da terra” (Feit. 1:8). Así que as boas noticias predicaríanse por todas partes, non só en Israel. Co tempo, persoas de todo o mundo terían a oportunidade de facerse seguidoras de Xesús (Mat. 28:19, 20). Pero el dixo: “Seredes as miñas testemuñas”. Necesitarían estes novos discípulos coñecer o nome de Xehová, ou só ían ser testemuñas de Xesús? Feitos capítulo 15 axúdanos a responder esta pregunta.
5. Como demostraron os apóstolos e os anciáns de Xerusalén que é importante coñecer o nome de Xehová? (Ver tamén a imaxe).
5 No ano 49 n. e., os apóstolos e os anciáns de Xerusalén xuntáronse para decidir se os non xudeus tiñan que circuncidarse para ser cristiáns. Ó final desa reunión, Santiago —o medio irmán de Xesús— dixo o seguinte: “[Pedro] contounos con todo detalle como foi a primeira vez que Deus se fixou nas nacións para sacar de entre elas un pobo para o seu nome”. Citando do profeta Amós, engadiu: “Para que os que queden busquen a Xehová con tódalas súas forzas xunto con xente de tódalas nacións, persoas ás que se lles chama polo meu nome. Isto é o que di Xehová” (Feit. 15:14-18). Os novos discípulos non só aprenderían sobre Xehová, senón que tamén serían chamados polo Seu nome. Isto significaba que darían a coñecer a outros o nome de Deus e que a xente os identificaría por el.
Nunha reunión do consello reitor do primeiro século, aqueles homes fieis déronse conta de que os cristiáns tiñan que ser un pobo para o nome de Deus (ver o parágrafo 5).
6, 7. a) Por que veu Xesús á Terra? b) Que outra razón máis importante había para que Xesús viñese?
6 O nome de Xesús significa “Xehová é salvación” e el demostrou ser o medio que usou Xehová para salvar a tódalas persoas que teñen fe. O Fillo de Deus veu á Terra para dar a súa vida polos humanos (Mat. 20:28). Cando pagou o rescate fixo posible que se perdoasen os pecados da humanidade e que esta puidese conseguir vida eterna (Xoán 3:16).
7 Por que necesitabamos o rescate? Polo que sucedeu no xardín de Edén. Como vimos no artigo anterior, Adán e Eva rebeláronse contra Xehová e por iso perderon a oportunidade de vivir para sempre. Como resultado da súa rebelión, todos herdamos o pecado e a morte (Xén. 3:6, 24). Así que Xesús veu á Terra para salvar os humanos, pero tamén veu para facer algo aínda máis importante. Satanás contara mentiras terribles sobre Xehová (Xén. 3:4, 5). Así que a humanidade necesitaba saber que Deus non fixera nada malo e que o seu nome é santo. Xesús foi a mellor persoa para demostrar isto, porque representou a Xehová e fixo á perfección todo o que el quería.
Como pode alguén afirmar que é cristián se non coñece nin usa o nome de Xehová?
8. Que necesitarían entender tódolos seguidores de Xesús?
8 Tódolos que puxesen fe en Xesús, tanto xudeus coma xentís, terían que recoñecer que a Fonte da súa salvación era Xehová, o Pai de Xesús (Xoán 17:3). Ademais, igual que a Xesús, identificaríanos polo nome de Xehová. Tamén terían que entender a importancia de santificar ese nome. A súa salvación dependería disto (Feit. 2:21, 22). Así que tódolos cristiáns necesitarían aprender sobre Xesús pero tamén sobre Xehová. Agora podemos entender por que Xesús acabou a súa oración rexistrada en Xoán 17 coas seguintes palabras: “Deilles a coñecer o teu nome e seguireino dando a coñecer, para que o amor que me mostraches estea neles e eu estea unido a eles” (Xoán 17:26).
“VÓS SÓDE-LAS MIÑAS TESTEMUÑAS”
9. Como podemos demostrar que o nome de Xehová é importante para nós?
9 Polo que vimos ata agora, está claro que para seguir a Xesús temos que santificar o nome de Xehová (Mat. 6:9, 10). Para nós este ten que ser o nome máis importante, e debemos demostralo coas nosas accións. Pero, que podemos facer nós para santificar o nome de Xehová e deixar claro que o que Satanás dixo sobre el é mentira?
10. Que xuízo simbólico se describe nos capítulos 42 a 44 do libro de Isaías? (Isaías 43:9; 44:7-9, TNM) (Ver tamén a imaxe).
10 En Isaías capítulos 42 a 44 aprendemos o que podemos facer para santificar o nome de Xehová. Estes capítulos describen un xuízo simbólico no que Xehová desafía a tódolos que din ser deuses a que demostren que realmente o son. Ademais, pregunta se hai testemuñas que poidan probalo, pero non as hai (le Isaías 43:9; 44:7-9, TNM).
Hai moitas maneiras nas que podemos demostrar que somos testemuñas de Xehová (ver os parágrafos 10 e 11).
11. Que lle di Xehová ó seu pobo en Isaías 43:10-12?
11 Le Isaías 43:10-12. Xehová dilles ós seus servos: “Vós sóde-las miñas testemuñas [...], mentres eu son Deus”. Estalles pedindo que respondan á seguinte pregunta: “¿Hai acaso un Deus fóra de min?” (Is. 44:8). Nós temos o privilexio de respondela. Polas nosas palabras e accións damos testemuño de que Xehová é o único Deus verdadeiro e de que o seu nome está por enriba de tódolos demais. Coa nosa maneira de vivir demostramos que amamos de verdade a Xehová e que lle somos leais sen importar que proba nos poña o Demo. Desta maneira temos a oportunidade de axudar a santificar o nome de Deus.
12. Como se cumpriu a profecía de Isaías 40:3, 5?
12 Isaías tamén predixo que alguén “[prepararía] o camiño ó Señor” (Is. 40:3). Como se cumpriu isto? Xoán o Bautista preparou o camiño para Xesús, quen veu no nome de Xehová e falou nese nome (Mat. 3:3; Mar. 1:2-4; Luc. 3:3-6). Esta mesma profecía tamén dicía: “Vaise revela-la gloria do Señor” (Is. 40:5). Como pasou isto? Cando Xesús veu á Terra, representou a Xehová dunha maneira tan perfecta que foi coma se Xehová mesmo viñese (Xoán 12:45).
13. Como podemos imitar a Xesús?
13 Cando santificamos o nome de Xehová, imitamos a Xesucristo. Igual ca el, somos testemuñas de Xehová. Levamos o seu nome e falámoslles a tódolos que podemos das súas marabillosas obras. Pero para facer isto ben, tamén temos que contarlles ás persoas todo o que fixo Xesús para santificar o nome de Deus (Feit. 1:8). El foi a mellor testemuña de Xehová, e nós seguimos o seu exemplo (Apoc. 1:5). Pero, que máis podemos facer para demostrar que o nome de Deus é importante para nós?
OUTRAS MANEIRAS DE DEMOSTRAR QUE O NOME DE XEHOVÁ É IMPORTANTE PARA NÓS
14. Segundo 1 Corintios 1:31, que sentimos polo nome de Xehová?
14 Estamos orgullosos do nome de Xehová (le 1 Corintios 1:31). A Deus encántalle que presumamos do seu nome (Xer. 9:22, 23 [9:23, 24, TNM]; 2 Cor. 10:17). Para nós é un privilexio honrar o seu nome e defender a súa reputación. Nunca debería darnos vergonza dicirlles ós nosos compañeiros de traballo, de escola, veciños ou outras persoas que somos testemuñas de Xehová. O Demo quere que deixemos de falarlles a outros do nome de Deus (Xer. 11:21; Apoc. 12:17). De feito, tanto el coma os que espallan as súas mentiras pretenden que as persoas esquezan ese nome (Xer. 23:26, 27). Pero o noso amor polo nome de Xehová fai que queiramos louvalo “o día enteiro” (Sal. 5:12 [5:11, TNM]; 89:17 [89:16, TNM]).
15. Que significa invocar o nome de Xehová?
15 Seguimos invocando o nome de Xehová (Xoel 3:5 [2:32, TNM]; Rom. 10:13, 14). Isto implica máis que simplemente coñecer e usar o nome de Deus. Chegamos a coñecelo como Persoa, a confiar nel, e a buscar a súa axuda e guía (Sal. 20:8 [20:7, TNM]; 99:6; 116:4; 145:18). Tamén implica falarlles a outros do seu nome e das súas cualidades, e axudarlles a cambiar para ter a aprobación de Xehová (Is. 12:4; Feit. 2:21, 38).
16. Como podemos demostrar que Satanás é un mentireiro?
16 Estamos dispostos a sufrir polo nome de Xehová (Sant. 5:10, 11). Ó manternos leais a Deus incluso cando sufrimos, demostramos que Satanás é un mentireiro. Nos días de Xob, o Demo fixo a seguinte acusación sobre os servos de Xehová: “Por salva-la vida dá o home todo canto ten” (Xob 2:4). Con isto afirmaba que as persoas só servirían a Xehová cando lles resultase fácil facelo pero, se tiñan problemas, abandonaríano. Xob demostrou que isto non é verdade. Nós tamén temos o privilexio de demostrar que, sen importar o difícil que nolo poña Satanás, nunca deixaremos de servir a Xehová. Podemos estar totalmente convencidos de que Xehová coidará de nós polo seu nome (Xoán 17:11).
17. Segundo 1 Pedro 2:12, de que outra maneira lle podemos dar gloria ó nome de Xehová?
17 Mostramos respecto polo nome de Xehová (Prov. 30:9; Xer. 7:8-11). Como a xente sabe que somos testemuñas de Xehová, o que facemos pode honrar ou deshonrar o seu nome (le 1 Pedro 2:12). Por iso queremos esforzarnos ó máximo para que todo o que dicimos e facemos lle dea honra. Desta maneira, darémoslle gloria ó seu nome a pesar das nosas imperfeccións.
18. Cal é outra maneira na que podemos demostrar que o nome de Xehová é importante para nós? (Ver tamén a nota).
18 Preocupámonos máis polo nome de Xehová que pola nosa reputación (Sal. 138:2). Por que é tan importante que sexa así? Porque a miúdo ás persoas non lles gusta que fagamos as cousas como Xehová quere e din cousas malas sobre nós.a Xesús estivo disposto a morrer coma un criminal e a que a xente o detestase con tal de honrar o nome de Deus. Non lles deu “importancia ás aldraxes” porque non lle preocupaba demasiado o que outros pensasen del (Heb. 12:2-4). Centrouse en facer a vontade de Deus (Mat. 26:39).
19. Que sentes polo nome de Xehová, e por que?
19 Sentímonos orgullosos de servir a Deus e de que se nos chame testemuñas de Xehová. É por iso que estamos dispostos a louvalo aínda que outros nos desprecen por facelo. O seu nome impórtanos máis que a nosa reputación. Así que esteamos decididos a seguir honrando o nome de Xehová sen importar que o Demo trate de impedírnolo. Desta maneira demostraremos que ese nome é o máis importante para nós, igual que o é para Xesucristo.
CANCIÓN sjj 10 Louvemos o noso Deus Xehová
a Incluso o fiel Xob empezou a pensar demasiado no que opinaría a xente sobre el cando aqueles tres homes o acusaron de facer algo mal. Ó principio, cando perdeu os seus fillos e tódalas súas posesións, “non pecou Xob botando renegos contra Deus” (Xob 1:22; 2:10). Pero cando o acusaron de actuar mal, empezou a defenderse a si mesmo e a falar sen pensar. Deulle máis importancia á súa propia reputación que a honrar o nome de Xehová (Xob 6:3; 13:4, 5; 32:2; 34:5).