Congreso en Indianapolis, Indiana, 1925
1925 | Hai cen anos
“OS CRISTIÁNS esperamos que pasen cousas importantes este ano”, afirmou a revista The Watch Tower do 1 de xaneiro de 1925. Pero, o artigo continuaba dicindo: “Non debemos preocuparnos demasiado polo que poida pasar. Senón poderiamos distraernos e deixar de facer a obra que Xehová nos encargou”. Que esperaban os Estudantes da Biblia que pasase en 1925? E como se mantiveron ocupados predicando a pesar de que non sucedeu o que esperaban?
ESPERANZA APRAZADA
Moitos Estudantes da Biblia pensaban que a Terra se convertería nun paraíso en 1925. Por que? O irmán Albert Schroeder, quen máis tarde formou parte do Consello Reitor, explicou: “Criamos que en 1925 os unxidos irían ó ceo e que algúns servos fieis, como Abrahán e David, serían resucitados para dirixir as persoas na Terra”. Así que, cando iso non pasou, algúns irmáns sentíronse decepcionados (Prov. 13:12).
A pesar desta decepción, moitos Estudantes da Biblia continuaron predicando e empezaron a darse conta de que dar testemuño sobre Xehová era o máis importante que podían facer. Vexamos, por exemplo, como usaron a radio para predicarlles a moitas persoas.
CONSTRÚENSE MÁIS ESTACIÓNS DE RADIO
En 1924 moitas persoas escoitaban a estación de radio WBBR, polo que en 1925 os Estudantes da Biblia construíron outra estación de radio moi potente, esta vez cerca de Chicago, en Illinois. O nome desta nova estación foi WORD. Ralph Leffler, un enxeñeiro de radio que traballou na súa construción, recordaba: “Nas noites frías de inverno escoitábase a estación WORD dende moi lonxe”. Por exemplo, unha familia que vivía a máis de 5000 quilómetros, na cidade de Pilot Station, en Alasca, puido escoitar un dos primeiros programas. Despois de escoitalo, a familia escribiulles unha carta ós que traballaban na estación para darlles as grazas por preparar un programa espiritual tan animador.
Esquerda: As torres da emisora WORD en Batavia, Illinois
Dereita: Ralph Leffler traballando na estación de radio
O número da revista The Watch Tower do 1 de decembro de 1925 explicou por que a estación de radio podía emitir tan lonxe, dixo: “WORD é unha das estacións de radio máis potentes dos Estados Unidos. As persoas poden escoitala tanto dende a costa leste como a oeste dos Estados Unidos, dende Cuba e dende a parte máis ó norte de Alasca. Moitos que nunca antes escoitaran a verdade queren saber máis porque escoitaron esta emisora de radio”.
George Naish
Durante esa época, os Estudantes da Biblia tamén estaban traballando en usar a radio para predicar as boas noticias no Canadá. En 1924, construíuse a estación de radio CHUC na cidade de Saskatoon, en Saskatchewan. Foi unha das primeiras estacións de radio relixiosas no Canadá. En 1925, tiñan que buscar outro lugar máis grande para a estación, así que a organización trasladouna a Regent Building, un antigo teatro que compraran e reformaran con este propósito en Saskatoon.
Grazas a esta emisora, moitas persoas que vivían en pequenas vilas e zonas rurais de Saskatchewan puideron escoitar as boas noticias por primeira vez. Por exemplo, nunha vila illada unha muller escribiu pedindo recibir publicacións despois de escoitar o programa. O irmán George Naish recorda: “A súa petición por recibir máis información parecía tan urxente que lle enviamos tódolos tomos de Estudios de las Escrituras”. Pouco despois, a muller empezou a predicar aínda máis lonxe.
ACLARANDO AS NOSAS CRENZAS
O número da revista The Watch Tower do 1 de marzo de 1925 tiña un importante artigo titulado: “O nacemento da nación”. Por que era tan importante este artigo? Os Estudantes da Biblia sabían que Satanás controla os demos, as relixións falsas, os gobernos e o sistema económico da terra. Pero, grazas a este artigo, o “escravo fiel e prudente” axudou á irmandade mundial a entender que Xehová tamén ten unha organización, unha que é completamente diferente á de Satanás e que está en oposición a ela (Mat. 24:45). Ademais, explicou que o Reino de Deus xurdiu en 1914 e que nese ano, como resultado da “guerra no ceo”, botouse a Satanás e os seus demos fóra do ceo e agora están confinados na terra (Apoc. 12:7-9).
Algúns Estudantes da Biblia non estaban de acordo con este novo entendemento. Tendo en conta isto, o artigo dicía: “Se algúns lectores da The Watch Tower non están de acordo co que está escrito aquí, recomendámoslles que sexan pacientes e que confíen en Xehová mentres continúan servíndolle fielmente”.
En cambio, Tom Eyre, un colportor (o que agora se coñece como pioneiro) do Reino Unido, contou o que lles pareceu o artigo á maioría dos Estudantes da Biblia: “Os irmáns estaban moi contentos de escoitar a explicación de Apocalipse 12. Unha vez nos demos conta de que o Reino de Deus estaba establecido nos ceos, sentimos moita emoción por poder compartir estas boas noticias con outros. Isto fixo que quixésemos predicar aínda máis e axudounos a ver que Xehová fará cousas marabillosas no futuro”.
DANDO TESTEMUÑO DE XEHOVÁ
Na actualidade, as testemuñas de Xehová estamos moi familiarizadas co que di Isaías 43:10: “Vós sóde-las miñas testemuñas —é o Señor quen fala—; si, o meu servo que eu escollin”. Antes de 1925, este texto non aparecera moitas veces nas nosas publicacións. Non obstante, iso cambiou. Durante o ano 1925, a revista The Watch Tower falou sobre Isaías 43:10 e 12 en 11 números diferentes!
A finais de agosto de 1925, os Estudantes da Biblia foron a un congreso en Indianapolis, Indiana. No programa, o irmán Joseph Rutherford escribira unha mensaxe de benvida que dicía: “Viñemos a este congreso para recibir [...] forzas do noso Señor para ir de volta a nosa obra de predicar cun desexo máis forte de ser as súas Testemuñas”. Neste congreso de oito días, tódolos presentes foron animados a dar testemuño sobre Xehová en calquera oportunidade que tivesen.
O sábado 29 de agosto, o irmán Rutherford deu un discurso titulado: “Unha chamada á acción”. Nel falou da importancia de predicar dicindo: “Xehová dille ó seu pobo [...]: ‘Vós sóde-las miñas testemuñas [...], mentres eu son Deus’. Despois ordénalle con estas firmes palabras: ‘Erguede a bandeira para os pobos’. Non hai ninguén na Terra que levante unha bandeira ou sinal para a xente excepto [o seu pobo], os que teñen o espírito do Señor, e que polo tanto son as súas Testemuñas” (Is. 43:12; 62:10).
A folliña Message of hope
Despois do discurso, o irmán Rutherford leu a resolución titulada “Message of hope” (Mensaxe de esperanza). Todo o auditorio estivo de acordo cando dixo que o Reino de Deus é a única esperanza de recibir “a bendición de ter paz, prosperidade, saúde, vida, liberdade e felicidade eterna”. Máis adiante, este documento traduciuse a moitos idiomas e imprimiuse para usar na predicación. Deixáronse unhas 40 millóns de copias.
Aínda pasarían varios anos ata que os Estudantes da Biblia chegaran a chamarse oficialmente Testemuñas de Xehová. Pero xa estaban empezando a entender o importante que era para eles representar a Xehová.
VOLVENDO VISITAR AS PERSOAS INTERESADAS
Xa que agora había moitos máis Estudantes da Biblia arredor do mundo, a organización animounos a, non só deixar publicacións, senón a volver visitar a quen mostrara interese nas boas noticias. Despois da campaña para deixar a folliña Message of Hope, o Bulletina dixo: “Visitade de novo os fogares nos que se deixase a folliña Message of Hope”.
No Bulletin de xaneiro de 1925 incluíuse o seguinte comentario dun Estudante da Biblia de Plano, Texas: “Impresionounos que cando volvemos a territorios nos que xa se predicara temos mellores resultados que cando predicamos nos que nunca foramos antes. Unha pequena cidade no noso territorio foi predicada cinco veces nos últimos 10 anos. [...] Hai pouco, a irmá Hendrix e a miña nai volveron predicar alí e deixaron máis libros ca [nunca] antes”.
En Panamá, un colportor escribiu: “Moitas persoas que non quixeron escoitarme cando os visitei por primeira vez teñen unha actitude diferente cando volvo unha segunda ou terceira vez. Neste último ano, a maior parte do meu tempo predicando invertino en volver visitar as persoas coas que falei e tiven moitas boas experiencias con algunhas delas”.
PENSANDO NO FUTURO
A finais de 1925, o irmán Rutherford escribiulles ós pioneiros sobre o que se fixera na predicación ese ano e o que deberían facer a continuación. El dixo: “Durante o último ano tivestes o privilexio de consolar a quen estaba triste. Isto fixo que o voso corazón estivese feliz. [...] Este ano poderedes ter moitas oportunidades de ser as testemuñas de Deus e do seu Reino e de demostrar quen son de verdade os seus adoradores. [...] Continuemos usando as nosas voces para louvar o noso Deus e o noso Rei”.
A finais de 1925, os irmáns empezaron a planear a expansión do Betel de Brooklyn. O ano 1926 marcaría o inicio do maior proxecto de construción da nosa organización ata aquel entón.
Construción na rúa Adams en Brooklyn, Nova York, 1926
a O que agora é Caderno de Estudo Vida e Actividades Cristiás.