BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w25 outubro páxs. 6-11
  • Xehová pode axudarnos a ser felices de verdade

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Xehová pode axudarnos a ser felices de verdade
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • A FONTE DA VERDADEIRA FELICIDADE
  • NON DEIXES QUE NADA CHE ROUBE A ALEGRÍA
  • Como podemos sentir máis alegría na predicación
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Sexamos humildes e aceptemos que hai cousas que non sabemos
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Dar farate máis feliz
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Aprende das últimas palabras duns homes fieis
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
Ver máis
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
w25 outubro páxs. 6-11

ARTIGO DE ESTUDO 40

CANCIÓN sjj 111 Os motivos da miña ledicia

Xehová pode axudarnos a ser felices de verdade

“Achegareime ó [...] Deus da miña alegría” (SAL. 43:4).

OBXECTIVO

Axudarnos a identificar o que nos pode roubar a felicidade e como podemos recuperala se a perdemos.

1, 2. a) Como se senten hoxe en día as persoas? b) Que veremos neste artigo?

O MUNDO está obsesionado con perseguir a felicidade. Pero, a pesar dos seus esforzos, as persoas non son felices. Moitas están moi tristes e senten que a súa situación nunca vai mellorar. Os servos de Deus non somos inmunes a estes sentimentos. Vivimos nos “últimos días”, así que pode ser que pasemos por problemas difíciles que nos fagan sentir moi angustiados e tristes (2 Tim. 3:1, TNM).

2 Neste artigo veremos que cousas poden roubarnos a felicidade e como podemos recuperala se a perdemos. Pero primeiro temos que identificar a Fonte da verdadeira felicidade.

A FONTE DA VERDADEIRA FELICIDADE

3. Que nos ensina a creación sobre Xehová? (Ver tamén as imaxes).

3 Xehová sempre foi feliz e quere que nós tamén o sexamos. Por iso non nos sorprende apreciar isto na súa creación cando vemos o noso fermoso planeta con tantas cores, cando vemos os animais xogar e cando desfrutamos de toda a comida deliciosa que hai. Deus ámanos de verdade e quere que desfrutemos da vida!

Serie de imaxes: A natureza divertida de varios animais. 1. Un bebé elefante salpicando na auga. 2. Crías de pingüín camiñando torpemente pola neve. 3. Crías de cabra dando brincos polo campo. 4. Golfiños saltando fóra da auga.

Baby elephant: Image © Romi Gamit/Shutterstock; penguin chicks: Vladimir Seliverstov/500px via Getty Images; baby goats: Rita Kochmarjova/stock.adobe.com; two dolphins: georgeclerk/E+ via Getty Images

Ver como xogan os animais recórdanos o feliz que é Xehová (ver o parágrafo 3).


4. a) Por que é feliz Xehová a pesar do sufrimento que ve no mundo? b) Como nos axuda Xehová? (Salmo 16:11).

4 Aínda que Xehová é o “Deus feliz”, el sabe perfectamente a angustia e o sufrimento que hai no mundo (1 Tim. 1:11, TNM). De todas formas, el non permite que esta situación acabe coa súa felicidade. Sabe que todo este sufrimento é temporal porque el mesmo escolleu o día no que acabará, e está aguantando con paciencia ata que poida eliminar toda tristeza e sufrimento para sempre. Mentres tanto, preocúpase moito por como nos sentimos. Cando sufrimos, el cóidanos e axúdanos. Como o fai? Unha das maneiras é axudándonos a ser felices de verdade (le Salmo 16:11). Vexamos como conseguiu isto Xesús ó coñecer a Xehová.

5, 6. Por que é feliz Xesús?

5 Despois de Xehová, Xesús é a persoa máis feliz. Por que? Analicemos dúas razóns: 1) “El é a imaxe do Deus invisible” e reflicte perfectamente a personalidade do seu Pai (Col. 1:15). 2) É a persoa que pasou máis tempo co seu Pai, quen é a fonte da felicidade.

6 A Xesús sempre lle fixo feliz facer o que o seu Pai lle pide (Prov. 8:30, 31; Xoán 8:29). Por iso Xehová está tan orgulloso del (Mat. 3:17).

7. Como podemos ser felices de verdade?

7 Nós tamén podemos ser felices de verdade se seguimos coñecendo a Xehová. Canto máis tempo pasemos aprendendo o que pensa e sente, poderemos imitalo mellor e iso faranos máis felices. Tamén nos sentiremos felices cando fagamos o que Deus nos pida e ó saber que temos a súa aprobación (Sal. 33:12).a E que pasa se sentimos que non somos felices ás veces ou incluso durante moito tempo? Quere dicir iso que non temos a aprobación de Deus? Non! Xehová comprende que sexamos imperfectos e que ás veces suframos, esteamos tristes ou teñamos depresión (Sal. 103:14). Vexamos que cousas poden roubarnos a felicidade e como podemos recuperala se a perdemos.

Como nos fai felices Xehová

Pídelle a Xehová o seu espírito santo. Só podemos ser realmente felices coa axuda do espírito santo de Xehová (Gál. 5:22). Se contamos con el, poderemos “aguantar todo con paciencia e felicidade” incluso cando temos problemas (Col. 1:11).

Fai que a adoración a Xehová sexa o máis importante na túa vida. Estuda regularmente a Palabra de Deus e as nosas publicacións. Aproveita cada oportunidade para predicar as “boas noticias que [...] van traer moita alegría” (Luc. 2:10). Cando o máis importante na nosa vida é adorar a Xehová, somos realmente felices (Sal. 65:5 [65:4, TNM]).

Obedece sempre a Xehová. Recorda que as normas de Xehová son para o teu propio ben. Obedecer a Xehová non nos quita liberdade, senón que nos permite desfrutar máis da vida (Luc. 11:28).

NON DEIXES QUE NADA CHE ROUBE A ALEGRÍA

8. Como nos poden afectar os problemas da vida?

8 1º. Os problemas da vida. Estás sendo maltratado ou perseguido por ser servo de Xehová? Ou estás sufrindo por culpa dun desastre natural, dos problemas económicos, dalgunha enfermidade ou da idade avanzada? É moi fácil que nos rouben a alegría cando nos temos que enfrontar a problemas coma estes, sobre todo se sentimos que temos pouco ou ningún control sobre eles. A Biblia di que podemos estar tan tristes que sintamos que non volveremos a ser felices nunca máis (Prov. 15:13). Babis, un ancián que en catro anos perdeu na morte a seu irmán e a seus pais, di: “Sentíame só e que ninguén me podía axudar. Ás veces partíaseme o corazón ó non poder pasar tanto tempo como me gustaría con eles porque tiña que ocuparme de moitas cousas”. Está claro que os problemas da vida poden esgotarnos mental e emocionalmente.

9. Que nos pode axudar a recuperar a felicidade? (Xeremías 29:4-7, 10).

9 Que nos pode axudar a recuperar a felicidade? Podemos conseguilo se deixamos de preocuparnos polas cousas que non podemos cambiar e estamos agradecidos polo que temos. O mundo promove a idea de que a nosa vida ten que ser perfecta para que sexamos felices. Pero iso non é verdade. Por exemplo, Xehová díxolles ós xudeus que estaban no exilio en Babilonia que aceptasen a súa nova realidade e que se esforzasen por desfrutar da súa vida alí (le Xeremías 29:4-7, 10). Que podemos aprender disto? Intentemos ver as boas cousas que temos na vida e desfrutemos delas. Lembremos que Xehová nunca nos deixará sós e que sempre nos axudará (Sal. 63:8 [63:7, TNM]; 146:5). Effie, quen ten unha parálise por culpa dun accidente, di: “Xehová, a miña familia e os irmáns da congregación axúdanme e anímanme. Quero mostrarlles o agradecida que estou polo que fixeron e seguen facendo, así que intento esforzarme ó máximo por seguir sendo feliz”.

10. Por que podemos ser felices aínda que teñamos problemas?

10 Aínda cando temos problemas ou cando nos pasan cousas malas a nós ou á nosa familia, podemos seguir sendo felices (Sal. 126:5).b Por que? Porque a nosa felicidade non depende das nosas circunstancias. Unha pioneira, chamada María, di: “Cando estamos pasando por problemas, podemos manternos felices porque lembramos o que Xehová nos prometeu. Iso non quere dicir que nunca choremos ou expresemos como nos sentimos. Pero o noso Pai pode axudarnos a ser felices sen importar o que suframos”. Recorda que sen importar o difíciles que se poñan as cousas agora, tódolos nosos problemas son temporais, como as pisadas que deixamos na area da praia. Moi pronto desaparecerán sen deixar rastro.

11. Como te anima o exemplo do apóstolo Paulo?

11 Ás veces podemos pensar que pasamos por problemas porque xa non temos a aprobación de Xehová. Se nos sentimos así, podemos pensar noutros servos fieis de Xehová do pasado que tamén viviron situacións moi difíciles. Por exemplo, vexamos o caso do apóstolo Paulo. El fora escollido polo propio Xesús para levarlles a verdade “ás nacións e tamén a reis e ós fillos de Israel” (Feit. 9:15). Que privilexio tan grande! Aínda así, non tivo unha vida nada fácil (2 Cor. 11:23-27). Significaban os problemas que parecían non ter fin polos que pasaba Paulo que non tiña a aprobación de Xehová? Por suposto que non. En realidade, que conseguise aguantar demostrou que contaba coa súa bendición (Rom. 5:3-5). Agora pensa na túa situación. Ti tamén estás aguantando fielmente a pesar de tódalas dificultades polas que estás pasando. Así que podes estar seguro de que tamén contas coa aprobación de Xehová.

12. Como poden roubarnos a alegría as expectativas que non se cumpren?

12 2º. Expectativas que non se cumpren (Prov. 13:12). O noso amor por Xehová e o agradecidos que lle estamos motívanos a poñernos metas para darlle o mellor de nós. Pero se esas metas non son realistas tendo en conta as nosas circunstancias poderiamos desanimarnos (Prov. 17:22). Unha pioneira chamada Holly conta: “Quería ir á Escola de Evanxelizadores para predicar no estranxeiro ou axudar no proxecto de construción de Ramapo. Pero as miñas circunstancias cambiaron e xa non podía alcanzar esas metas. Sentíame decepcionada. É frustrante cando queres conseguir algo pero non podes”. Moitos servos de Xehová senten o mesmo.

13. Se as nosas circunstancias limitan o que podemos facer, que metas realistas nos podemos poñer?

13 Que nos pode axudar a recuperar a felicidade? Recorda que Xehová non é esixente, e non nos pide máis do que podemos facer nin determina o valiosos que somos segundo o que consigamos no seu servizo. Xehová quere que sexamos modestos e fieis (Miq. 6:8; 1 Cor. 4:2). Impórtanlle máis os nosos pensamentos, sentimentos e cualidades que o que poidamos facer. Sería razoable que nos esixísemos a nós mesmos máis que Xehová?c Pois claro que non! Así que se as túas circunstancias limitan o que podes facer por Xehová, intenta centrarte no que está ó teu alcance. Poderías axudar a capacitar a algún rapaz ou darlle ánimos a alguén maior da congregación? Poderías poñerte a meta de animar a alguén en persoa, por teléfono ou cunha mensaxe? Se te esforzas por conseguir estas metas valiosas e realistas, Xehová bendicirate facendo que sexas feliz. E recorda que moi pronto, no novo mundo de Xehová, teremos infinitas oportunidades de servilo de maneiras que nin nos podemos imaxinar. Isto é o que animou a Holly. Ela conta: “Cando me desanimo, paro e penso: ‘Teño toda a eternidade’. Coa axuda de Xehová poderei cumprir algunhas das miñas metas no novo mundo”.

14. Que máis nos pode roubar a alegría?

14 3º. Que a nosa felicidade dependa de pasalo ben. Nas redes sociais quizais vexamos xente que parece ser moi feliz porque sempre está pasándoo ben. Hoxe anímasenos a facer que os hobbies, ir de compras e viaxar sexa o principal na nosa vida. E é certo que non está mal desfrutar disto. Xehová quere que desfrutemos das cousas preciosas que creou para nós. Pero moitos descubriron que o que pensaban que os faría felices, en realidade lles rouba a alegría. Unha pioneira chamada Eva conta: “Cando a túa vida xira arredor de pasalo ben, nunca tes suficiente”. Se só intentamos compracernos a nós mesmos, sentirémonos desanimados e baleiros.

15. Que lección aprendemos do rei Salomón?

15 Podemos aprender da experiencia do rei Salomón sobre o triste resultado de só querer compracerse a un mesmo. El intentou encontrar a felicidade satisfacendo os seus desexos persoais, como desfrutando de boa comida, música moi bonita e todo o que podía comprar con cartos naqueles tempos. Pero non era feliz. El dixo: “O ollo non se dá farto de ver, non se enche a orella de oír” (Ecl. 1:8; 2:1-11). As ideas que ten este mundo do que dá verdadeira felicidade son como o diñeiro falso: parecen valiosas pero con elas non se pode conseguir nada.

16. Como pode axudarnos a recuperar a alegría dar a outros? (Ver tamén as imaxes).

16 Que nos pode axudar a recuperar a felicidade? Xesús ensinounos que “hai máis felicidade en dar que en recibir” (Feit. 20:35). Un ancián chamado Alekos di: “Intento centrarme en facer pequenas cousas polos demais. Canto máis lles dou ós demais, menos me centro no que eu quero e son feliz”. Que podes facer ti polos demais? Se ves que alguén o está pasando mal, intenta animalo. Quizais non poidas solucionar os seus problemas, pero poderás consolalo ó escoitalo con atención e intentando comprender como se sente. Recórdalle que busque a axuda de Xehová (Sal. 55:23 [55:22, TNM]; 68:20 [68:19, TNM]). E asegúralle que Deus non o abandonou (Sal. 37:28; Is. 59:1). Incluso poderías ofrecerte a axudarlle dalgunha maneira práctica, como preparándolle unha comida ou simplemente dando un paseo xuntos. Tamén podes invitalo a que vaia a predicar contigo, algo que a todos sempre nos fai máis felices. Deixa que Xehová te use para animar a outros. Centrarnos nos demais en vez de en nós mesmos faranos realmente felices! (Prov. 11:25).

Serie de imaxes: 1. Unha irmá sentada soa nunha cafetería mentres mira o seu teléfono. Ten varias bolsas de tendas ó seu redor. 2. Ela visitando moi alegre a unha irmá maior na súa casa e dándolle un ramo de flores.

En vez de centrarte no que ti queres, céntrate no que outros necesitan (ver o parágrafo 16).d


17. Como está relacionada a nosa alegría con Xehová? (Salmo 43:4).

17 Podemos ser realmente felices se seguimos acercándonos ó noso Pai celestial. A Biblia asegúranos que Xehová é a nosa maior alegría (le Salmo 43:4). Así que sen importar o que nos pase, podemos sentirnos a salvo. Se Xehová é o noso mellor amigo, el pode axudarnos a ser felices para sempre! (Sal. 144:15).

QUE RESPONDERÍAS?

  • Por que son felices Xehová e Xesús?

  • Que nos pode roubar a alegría?

  • Como podemos recuperar a felicidade?

CANCIÓN sjj 155 Ledicia sen final

a Mira o recadro “Como nos fai felices Xehová”.

b Por exemplo, mira en jw.org a entrevista de Dennis e Irina Christensen no vídeo Consello Reitor. Informe 5 do 2023.

c Para saber máis, mira o artigo “Las expectativas realistas contribuyen a nuestra felicidad” da revista La Atalaya do 15 de xullo de 2008.

d DESCRICIÓN DA IMAXE: Unha irmá compra moitas cousas para ela mesma pero é máis feliz cando lle compra unhas flores a unha irmá maior que necesitaba ánimo.

    Publicacións en galego (1993-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir