ARTIGO DE ESTUDO 41
CANCIÓN sn 18 O amor de Xehová
O amor de Deus dura para sempre
“Dádelle grazas a Xehová porque el é bo; o seu amor leal dura para sempre” (SAL. 136:1, TNM).
OBXECTIVO
Explicar por que ver o amor de Xehová coma unha ensinanza básica da Biblia pode animarnos cando pasamos por unha situación difícil.
1, 2. A que desafío se enfrontan moitos cristiáns?
IMAXINA un barquiño que está no medio dunha gran tormenta. As xigantescas ondas móveno dun lado para outro, e levarano para onde elas queiran a non ser que se use unha áncora. Esta manterá o barco estable evitando que se siga indo á deriva durante a tormenta.
2 Cando pasamos por problemas difíciles podemos sentirnos como ese barquiño. As emocións poden levarnos dun lado para outro. Un día estás seguro de que Xehová te ama e che axuda, e ó seguinte dubidas de se tan sequera sabe polo que estás pasando (Sal. 10:1; 13:2 [13:1, TNM]). Quizais un amigo che di algo que te anima e te sentes mellor por un tempo (Prov. 17:17; 25:11). Pero despois volven as dúbidas. Se cadra, ata penses que Xehová se deu por vencido contigo. Neses casos, como poderías botar a áncora? É dicir, como podes estar seguro, e continuar estando seguro, de que Xehová te quere e che axuda?
3. a) Que significa o amor leal, mencionado no Salmo 31:7 (TNM) e no 136:1 (TNM)? b) Por que podemos dicir que Xehová é o mellor exemplo del? (Ver tamén a imaxe).
3 Unha maneira na que podes manter a áncora botada durante as dificultades é recordando o amor leal de Xehová (le Salmo 31:7, TNM; 136:1, TNM). O termo amor leal transmite a idea dun cariño profundo e duradeiro que unha persoa ten por outra. Xehová é o mellor exemplo de amor leal. De feito a Biblia descríbeo como alguén “cheo de amor leal” (Éx. 34:6, 7, TNM). E tamén di del: “O teu amor leal por tódolos que te chaman é inmenso” (Sal. 86:5, TNM). Pensa no que isto significa: Xehová nunca abandona os seus servos leais! Recordar que Deus é leal pode ser a túa áncora cando pases por situacións difíciles (Sal. 23:4).
Igual que unha áncora evita que un barco se vaia á deriva durante unha forte tormenta, a nosa confianza no amor de Xehová manteranos estables cando pasemos por dificultades (ver o parágrafo 3).
RECORDA QUE O AMOR DE XEHOVÁ É UNHA ENSINANZA BÁSICA DA BIBLIA
4. Pon algúns exemplos de ensinanzas básicas da Biblia, e explica por que cremos firmemente nelas.
4 Outra maneira na que podes deixar a áncora botada durante os problemas é ver o amor de Xehová coma unha ensinanza básica da Biblia. Para ti, que é unha “ensinanza básica da Biblia”? Quizais penses nas crenzas que aprendiches da Palabra de Deus. Por exemplo, aprendiches que o nome de Deus é Xehová, que Xesús e o Fillo unixénito de Deus, que os mortos non teñen conciencia de nada e que haberá un paraíso na Terra onde os humanos viviremos para sempre (Sal. 83:19 [83:18, TNM]; Ecl. 9:5; Xoán 3:16; Apoc. 21:3, 4). Unha vez aceptaches estas ensinanzas, non era fácil que alguén te convencese de deixar de crer nelas. Por que? Porque te deches conta de que estaban baseadas en feitos. Agora imos analizar como ver o amor de Xehová coma unha ensinanza básica da Biblia pode axudarche a deixar de dubidar de se el se preocupa ou se fixa no que che pasa.
5. Describe como unha persoa é capaz de rexeitar as ensinanzas falsas.
5 Cando empezaches a estudar a Biblia, que che axudou a rexeitar as ensinanzas falsas? É posible que che axudase comparar o que che ensinaran na túa relixión co que din as Escrituras. Vexamos un exemplo: supoñamos que no pasado crías que Xesús é o Deus Todopoderoso. Pero, mentres estudabas a Biblia, preguntácheste: “É esta ensinanza realmente certa?”. Despois de analizar as probas que dá a Biblia, puideches responder que non. Así que, en vez de seguir crendo esa ensinanza falsa, empezaches a crer nesta verdade bíblica: que Xesús é “o primoxénito de toda a creación”, o “Fillo unixénito de Deus” (Col. 1:15; Xoán 3:18). Claro, as ensinanzas falsas poden estar “profundamente arraigadas” e ser difíciles de superar (2 Cor. 10:4, 5). Pero unha vez que o consegues, non volves a crer nelas (Filip. 3:13).
6. Por que podes estar seguro de que o amor leal de Xehová “dura para sempre”?
6 Podes facer algo parecido co que ensina a Biblia sobre o amor de Xehová. Cando pases por un problema, se empezas a dubidar de se Xehová te ama, pregúntate: “Estou pensando con claridade?”. Compara as dúbidas que tes sobre o amor de Xehová coas palabras do Salmo 136:1 (TNM), o texto temático deste artigo. Por que di Xehová que o seu amor é leal? Por que se repite 26 veces neste Salmo a idea de que “o seu amor leal dura para sempre”, ou é eterno? Tal e como analizamos, o amor leal de Xehová polo seu pobo é unha ensinanza bíblica fundamental, igual que outras que aceptaches con facilidade. A idea de que Xehová non nos valora e que pensa que non merecemos o seu amor é mentira. Rexéitaa tal e como farías con calquera outra ensinanza falsa!
7. Pon algúns exemplos de textos da Biblia que che aseguran que Xehová te ama.
7 A Biblia contén moitas máis probas de que Xehová nos ama. Por exemplo, Xesús díxolles ós seus seguidores: “Vós valedes máis que moitos gorrións” (Mat. 10:31). Xehová mesmo díxolle ó seu pobo: “Eu dareiche forzas. Si, eu axudareiche. Coa miña man dereita de xustiza, de veras te sosterei” (Is. 41:10, TNM). Fíxate no firmes que son estas afirmacións. Xesús non di: “Quizais vós valedes máis”. E Xehová tampouco di: “Quizais che axude”. Máis ben din: “Vós valedes máis” e “Eu axudareiche”. Se algunha vez dubidas do amor de Xehová cando pases por problemas, estes textos non só farán que te sintas mellor, senón que poden asegurarche que el te ama porque están baseados en feitos. Se meditas nisto baixo oración poderás dicir as palabras de 1 Xoán 4:16: “Nós xa o coñecemos e temos posta a nosa fe neste amor”.a
8. Que podes facer se ás veces dubidas do amor de Xehová?
8 Pero que podes facer se ás veces segues dubidando do amor de Xehová? Compara o que sentes co que sabes. Non se pode confiar tanto nos sentimentos coma nos feitos, e o amor de Xehová é un feito que a Biblia nos ensina. Se non cremos que Xehová nos ama, é coma se estivésemos dicindo que non é certo o que di a Biblia de que “Deus é amor” (1 Xoán 4:8).
MEDITA NO AMOR QUE CHE TEN XEHOVÁ
9, 10. De que estaba falando Xesús cando dixo: “O Pai quérevos”, tal e como lemos en Xoán 16:26, 27? (Ver tamén a imaxe).
9 Podemos aprender máis sobre o amor de Xehová analizando o que lles dixo Xesús ós seus seguidores: “O Pai quérevos” (le Xoán 16:26, 27). Xesús non dixo isto só para que os seus discípulos se sentisen ben. De feito, polo contexto podemos saber que nestes versículos non se estaba centrando principalmente nos seus sentimentos, senón na oración.
10 Xesús acababa de dicirlles ós seus discípulos que orasen no seu nome, non que lle orasen a el (Xoán 16:23, 24). Era importante que eles soubesen isto porque, despois da súa resurrección, é probable que quixesen orarlle a el. Ó fin e ó cabo, era o seu amigo e puideron chegar á conclusión de que ese cariño que lles tiña o movería a escoitar as súas súplicas e a presentarlle as súas peticións ó Pai. Pero Xesús díxolles que non razoasen así. Por que? El díxolles: “O Pai quérevos”. Xesús estaba ensinando que Xehová mesmo quería escoitar as súas oracións. Isto é parte da ensinanza básica da Biblia sobre a oración. Pensa no que isto significa para ti: a través do teu estudo da Biblia chegaches a coñecer e a querer a Xesús pero, igual que aqueles discípulos do primeiro século, podes orarlle a Deus coa confianza de que el te quere moito (Xoán 14:21). Cada vez que lle oras a Xehová demostras que cres nisto (1 Xoán 5:14).
Podes orarlle a Xehová coa confianza de que el te quere moito (ver os parágrafos 9 e 10).b
ENTENDE DE ONDE VEÑEN AS DÚBIDAS
11. Por que se alegraría Satanás se dubidásemos do amor de Xehová?
11 Que fai que dubidemos do amor de Xehová? Quizais penses que é culpa de Satanás que pensemos así, e isto é en parte certo. O Demo está intentando devorarnos, e encantaríalle que dubidásemos do amor de Xehová (1 Ped. 5:8). Despois de todo, o amor de Xehová motivouno a dar o rescate, algo que Satanás quere que sintamos que non merecemos (Heb. 2:9). Quen se alegraría de que dubidásemos do amor de Xehová? Satanás. E quen se alegraría se deixásemos de servir a Xehová? De novo, Satanás. Pensa na ironía do intento do Demo de facernos dubidar do amor de Xehová. En realidade é el quen perdeu o seu amor. E aínda así, cunha das súas mellores “trampas astutas” intenta facernos sentir que somos nós os que Xehová non quere e rechaza (Ef. 6:11). Cando nos damos conta do que intenta facer o noso inimigo, estamos máis decididos a “[facerlle] fronte” (Sant. 4:7).
12, 13. Por que o feito de nacer pecadores pode facer que dubidemos do amor de Xehová?
12 Pero hai algo máis que pode facernos dubidar do amor de Xehová. O que? A imperfección ou tendencia a pecar que herdamos (Sal. 51:7 [51:5, TNM]; Rom. 5:12). O pecado danou a relación entre os humanos e o seu Creador. Tamén ten un efecto negativo na nosa maneira de pensar, emocións e saúde.
13 O pecado ten un efecto negativo nas nosas emocións, facendo que sintamos culpa, angustia, inseguridade e vergonza. É posible que teñamos estes sentimentos cando cometemos un pecado. Pero tamén pode ser que os teñamos porque continuamente recordamos que somos imperfectos, e non como nos creou Xehová orixinalmente (Rom. 8:20, 21). Igual que un vehículo cunha roda desinchada non é como mellor funciona, nós sendo imperfectos non “funcionamos” con todo o potencial co que fomos creados. Por iso non nos sorprende que ás veces dubidemos de se Xehová nos quere. Cando nos pase isto, debemos recordar que el é “grande e temible, que [garda a] alianza e a fidelidade para con aqueles que [o] aman e cumpren os [seus] mandamentos” (Neh. 1:5).
14. Como nos pode axudar meditar no rescate a estar seguros de que Xehová nos quere? (Romanos 5:8). (Mira tamén o recadro “Teñamos coidado co ‘poder enganoso do pecado’”).
14 Pode ser que ás veces sintamos que non merecemos o amor de Xehová e tecnicamente non o merecemos, pero iso é o que o fai tan especial. Non nos gañamos o amor de Xehová polos nosos propios méritos. Pero, aínda así, Xehová deunos un rescate que cobre os nosos pecados porque nos quere (1 Xoán 4:10). Recorda tamén que Xesús veu salvar a pecadores, non a persoas perfectas (le Romanos 5:8). Ningún de nós pode facer todo perfecto, e Xehová non espera que o fagamos. Cando comprendemos que a nosa imperfección ou tendencia a pecar pode facernos dubidar do amor de Xehová, podemos estar aínda máis decididos a non deixar que o consiga (Rom. 7:24, 25).
DECIDE MANTERTE LEAL
15, 16. Se nos mantemos leais a Xehová, de que podemos estar seguros, e por que? (2 Samuel 22:26).
15 Xehová quere que tomemos a decisión correcta e nos “[apeguemos] a El” (Deut. 30:19, 20). Se o facemos, podemos estar seguros de que el sempre se manterá leal a nós (le 2 Samuel 22:26, TNM). E mentres nós nos manteñamos leais a el, podemos contar coa súa axuda en calquera situación á que nos enfrontemos na vida.
16 Como vimos, temos moitas razóns para sentir que temos a mesma estabilidade que dá unha áncora ó enfrontarnos a problemas. Sabemos que Xehová nos quere e nos apoia. Iso é o que ensina a Biblia. Se algunha vez dubidamos do seu amor, podemos meditar no que sabemos que é certo, en vez de no que sentimos nese momento. Esteamos convencidos de que o amor leal de Xehová dura para sempre, tal e como di a Biblia.
CANCIÓN sjj 159 Deámoslle gloria a Xehová!
a Outros exemplos son Deuteronomio 31:8, Salmo 94:14, e Isaías 49:15.
b DESCRICIÓN DA IMAXE: Un irmán ora para que Xehová lle axude a coidar da súa muller, a tomar boas decisións sobre os cartos e a ensinarlle á súa filla a amar a Xehová.