Preguntas dos lectores
Que “pensamento” poñerá Xehová nos corazóns das nacións moi pronto?
Apocalipse 17:16 e 17 di o seguinte sobre o inicio da gran tribulación: “Os 10 cornos que viches e a besta salvaxe odiarán a prostituta, sacaranlle tódalas súas posesións e deixarana espida. Comerán a súa carne e a ela queimarana totalmente no lume. Porque Deus púxolles no seu corazón a idea de levar a cabo o pensamento del, é dicir, que cumprisen o obxectivo que eles teñen en común, dándolle a autoridade que teñen como reis á besta salvaxe”. No pasado, as nosas publicacións explicaron que “o pensamento” que Xehová poñerá no corazón das nacións é destruír a relixión falsa.
Pero é necesario facer un axuste. “O pensamento” que Xehová poñerá no corazón das nacións é que lle dean “a autoridade que teñen como reis á besta salvaxe”. Para entender como se cumprirá isto, imos responder as seguintes preguntas.
Quen son os personaxes principais da profecía? Á “prostituta” tamén se lle chama “Babilonia a Grande” e representa o imperio mundial da relixión falsa. A “besta salvaxe que era dunha cor vermella intensa” representa as Nacións Unidas. Esta organización creouse en 1919 para manter a paz no mundo e daquela chamábaselle Sociedade de Nacións (Apoc. 17:3-5). Os “10 cornos” representan tódolos gobernos que apoian a besta salvaxe.
Cal é a relación entre a prostituta e a besta salvaxe de cor vermella intensa? A prostituta está “sentada sobre” a besta salvaxe, o que significa que a apoia e intenta controlala.
Que lle pasará á prostituta? A besta salvaxe e os 10 cornos que a apoiaban “odiarán a prostituta” tanto que lle quitarán todo o que ten e lle mostrarán a todo o mundo o malvada que é. Entón destruirana, tal e como Xehová dixo que pasaría (Apoc. 17:1; 18:8). Este será o final das relixións falsas. Pero antes de que isto suceda, Xehová provocará que as nacións fagan algo sen precedentes na historia dos gobernos humanos.
Que provocará Xehová que fagan as nacións? Poñerá no corazón dos 10 cornos “o pensamento del”. Isto significa que fará que lle dean “a autoridade que teñen como reis á besta salvaxe [de cor vermella intensa]”, é dicir, ás Nacións Unidas (Apoc. 17:13). Pensa no que isto implica. Non serán os gobernos os que teñan a idea de darlle o seu poder e autoridade á besta salvaxe. A profecía mostra que Deus mesmo influirá neles para que fagan isto (Prov. 21:1; compara con Isaías 44:28). Será un cambio de poder gradual? Non! Será de repente. Entón a besta salvaxe chea de poder executará o xuízo de Xehová contra as relixións falsas e destruiraas a todas por completo.
Que podemos esperar que pase no futuro? Non esperemos ver nas noticias como pouco a pouco os gobernos apoian máis as Nacións Unidas, senón que, de maneira repentina, Xehová fará que todos lle dean o seu poder. Cando isto suceda, saberemos que a gran tribulación está a punto de empezar. Mentres tanto, “sigamos despertos e manteñamos o noso bo xuízo” porque pronto chegarán cambios repentinos! (1 Tes. 5:6).