Dous tradutores que restableceron o nome de Deus no Novo Testamento
Unha das primeiras oracións que moitas persoas aprenden é o nosopai. Esa famosa oración que Xesús ensinou, atópase no que moitos coñecen como o Novo Testamento. A oración comeza así: “Noso Pai que estás no ceo, santificado sexa o teu nome” (Mateo 6:9). Pero, o nome de Deus, traducido en inglés como “Jehovah” ou ás veces “Yahweh”, rara vez se atopa nas traducións ó inglés do Novo Testamento. En cambio, si que aparecen os nomes doutros deuses falsos como Zeus, Hermes e Artemisa. Entón, non deberían mencionar tamén o nome do Deus verdadeiro, o Autor da Biblia? (Feitos 14:12, 19:35; 2 Timoteo 3:16).
Xa que o Novo Testamento fala de varios deuses falsos, non se esperaría que mencionase tamén o nome do Deus verdadeiro?
Os tradutores ingleses Lancelot Shadwell e Frederick Parker crían que o nome de Deus tiña que volver a aparecer no Novo Testamento. Por que dicimos “volver”? Porque chegaron á conclusión de que o nome de Deus si aparecía nos manuscritos orixinais, pero cos anos quitouse. Por que chegaron estes homes a esta conclusión?
Shadwell e Parker sabían que os manuscritos do que se coñece como o Antigo Testamento, que estaban escritos principalmente en hebreo, incluían o nome persoal de Deus miles de veces. Así que se preguntaron por que os manuscritos que tiñan do Novo Testamento omitían a forma completa do nome de Deus.a Ademais, os manuscritos do Novo Testamento usaban expresións comúns do Antigo Testamento, como por exemplo “o anxo de Xehová”. Shadwell decatouse de que neses casos, os copistas do Novo Testamento grego substituíran o nome de Deus por termos como Kyrios, que significa “Señor” (2 Reis 1:3, 15; Feitos 12:23).
O nome de Deus en hebreo
Moito antes de que Shadwell e Parker publicasen as súas traducións ó inglés, outros tradutores xa restableceran o nome de Deus nas súas traducións ó inglés do Novo Testamento, pero só nuns poucos sitios.b Antes de 1863, cando Parker publicou A Literal Translation of the New Testament, non se coñece ningún tradutor inglés que restablecese o nome de Deus de forma extensa nalgún Novo Testamento publicado. Quen foron Lancelot Shadwell e Frederick Parker?
Lancelot Shadwell
Lancelot Shadwell (1808-1861) foi un avogado e fillo de Sir Lancelot Shadwell, o vicechanceler de Inglaterra. O fillo pertencía á Igrexa de Inglaterra. Aínda que cría na Trindade, mostrou respecto polo nome de Deus, describíndoo como “o nome glorioso de XEHOVÁ”. Na súa tradución, The Gospels of Matthew, and of Mark utilizou o nome “Xehová” 28 veces no texto principal e 465 veces nas notas marxinais.
Pode que Shadwell coñecese o nome de Xehová por velo no Antigo Testamento, escrito orixinalmente en hebreo. El dixo que os que substituíran o nome de Deus polo termo Kyrios na tradución ó grego do Antigo Testamento “non eran tradutores honestos”.
The Gospel according to Matthew rendered into English with notes, by L. Shadwell (1859), provided by the Bodleian Libraries. Licensed under CC BY-NC-SA 2.0 UK. Modified: Text highlighted
Mateo 1:20 na tradución de Shadwell
Shadwell utilizou na súa tradución por primeira vez “Xehová” en Mateo 1:20. A nota dese versículo di: “A palabra [Kyrios] nesta e noutras moitas pasaxes do Novo Testamento significa XEHOVÁ, o nome propio de Deus. É moi importante restablecer esta palabra na tradución ó inglés”. Tamén afirmou: “Temos que facelo en honor a Deus. El declarou que o seu nome é XEHOVÁ, e non podemos facer nada mellor que utilizar ese nome cando falamos del”. A continuación dixo: “Na nosa Biblia, a King James Version ou Authorized Version (Versión Autorizada), raras veces aparece o nome XEHOVÁ. [...] En vez diso, lemos O Señor”. Shadwell queixouse cando dixo que “Señor [...] é un título moi indigno” para utilizalo como substituto do nome de Deus, xa que ata a el mesmo o chamaban “Señor” na súa casa de campo.
“[Deus] declarou que o seu nome é XEHOVÁ, e non podemos facer nada mellor que utilizar ese nome cando falamos del” (Lancelot Shadwell).
Shadwell publicou a súa tradución de Mateo en 1859 e a súa versión combinada de Mateo e Marcos en 1861. Pero entón o seu traballo chegou á súa fin. Shadwell faleceu o 11 de xaneiro de 1861, con 52 anos. Non obstante, os seus esforzos mereceron a pena.
Frederick Parker
A tradución de Mateo de Shadwell chegou ás mans dun rico empresario londiniense chamado Frederick Parker (1804-1888), que comezara a traducir o Novo Testamento cando tiña uns 20 anos de idade. A diferenza de Shadwell, Parker non cría na ensinanza da Trindade. El escribiu: “Que toda a Igrexa do querido fillo de [Deus] [...] abrace de corazón a verdade [...] e adore o único Todopoderoso Xehová”. Tamén pensaba que os manuscritos do Novo Testamento que utilizaban a palabra Kyrios para referise tanto a Deus coma a Xesús facían que fose difícil diferencialos. Así que lle chamou a atención que en certos contextos Shadwell traducira a palabra Kyrios por “Xehová”.
Como puido Parker entender estes asuntos? El estudara grego e escribira varios libros e folliñas sobre a gramática grega. Tamén chegou a ser membro do Anglo-Biblical Institute, que promovía a investigación dos manuscritos bíblicos coa fin de producir mellores Biblias en inglés. En 1842, Parker comezou a publicar a súa primeira tradución do Novo Testamento en varias partes e edicións.c
A tradución do Novo Testamento de Parker (Heinfetter)
Os esforzos de Parker por restablecer o nome de Deus
Por varios anos Parker escribira sobre cuestións como: Cando se refire a palabra Kyrios a Xesús e cando se refire a Deus? E por que se utiliza Kyrios en moitas ocasións coma un nome e non coma un título?
Cando Parker viu a tradución de Mateo que fixo Shadwell cos seus comentarios sobre a palabra Kyrios en 1859, convenceuse de que en certos contextos esta palabra “tería que traducirse por Xehová”. Así que revisou por completo a súa tradución do Novo Testamento para incluír o nome “Xehová” onde el cría que así o esixía o contexto ou a gramática do texto grego. Por iso, a edición nun só volume de Parker do ano 1863 de A Literal Translation of the New Testament contiña o nome de Deus no texto principal 187 veces. Polo que se sabe, esta é a primeira versión inglesa publicada que utiliza o nome divino ó longo de tódalas Escrituras Gregas Cristiás.d
Contraportada do Novo Testamento de Parker de 1864
En 1864, Parker tamén publicou A Collation of an English Version of the New Testament [...] With the Authorized English Version, unha comparación entre unha versión do Novo Testamento en inglés e a Versión Autorizada en inglés. A razón pola que combinou os dous Novos Testamentos nun só tomo, foi para mostrar onde e como se diferenciaba a súa versión da outra.e
Para ilustrar o valor de restablecer o nome de Deus, Parker destacou unha serie de versículos da Authorized Version, incluído Romanos 10:13, que di: “Porque todo o que invoque o nome do Señor será salvo”. Parker preguntou: “Ó ler estes versículos na Authorized English Version, alguén pensou algunha vez que estas palabras se están referindo a Xehová e non ó Fillo, Xesús Cristo, o noso Señor [...]?”.
Romanos 10:13 na King James Version (arriba) e na tradución de Parker de 1864
Parker gastou miles de libras, o que era unha fortuna naquel tempo, en publicar e anunciar as súas folliñas e outros escritos. De feito, nun só ano gastou 800 libras, o que equivale hoxe en día a unhas 100.000 libras esterlinas ou uns 115.000 euros. Tamén lles regalou ós seus familiares e a membros importantes do clero copias das súas publicacións para que as lesen.
Imprimíronse poucos exemplares dos escritos e das traducións de Parker. Ademais algúns académicos chegaron a ridiculizalos. Deste xeito, estas persoas demostraron que non valoraban o esforzo que Parker, Shadwell e outros moitos fixeran por restablecer o nome de Deus no Novo Testamento en inglés.
Pode que tamén che guste ver o vídeo de dez minutos: Visita ás exposicións de Warwick. “A Biblia e o nome de Deus”.
a “Xah”, a forma abreviada de “Xehová”, encontrouse en Apocalipse 19:1, 3, 4, 6, TNM na expresión “Aleluia” que significa “Louvade a Xah”.
b Shadwell non traduciu o Novo Testamento enteiro. Os outros tradutores foron Philip Doddridge, Edward Harwood, William Newcome, Edgar Taylor e Gilbert Wakefield.
c Para separar os seus intereses comerciais da súa investigación bíblica, Parker usou o pseudónimo Herman Heinfetter nos seus escritos relixiosos e traducións bíblicas. Ese nome aparece un gran número de veces nos apéndices da Traducción del Nuevo Mundo de las Santas Escrituras.
d En 1864, Parker publicou An English Version of the New Testament que usa o nome de Deus 186 veces.
e Antes das traducións de Parker, moitas traducións hebreas do Novo Testamento incluían o nome de Deus nalgúns versículos. Tamén, no ano 1795, Johann Jakob Stolz publicou unha tradución en alemán que usa o nome de Deus máis de 90 veces de Mateo a Xudas.