As mulleres e a súa seguridade. O que di a Biblia
Arredor do mundo, millóns de mulleres e rapazas foron vítimas de abusos. É o teu caso? Descubre por que a túa seguridade é importante para Deus e que fará coa violencia de xénero.
“Cando era unha nena, o meu irmán maior abusaba de min física e verbalmente tódolos días. Despois de casar, a miña sogra continuou o maltrato. Ela e meu sogro tratábanme coma unha escrava. Tiven que loitar contra pensamentos suicidas” (Mahdu,a A India).
A Organización Mundial da Saúde afirma: “A violencia contra as mulleres está xeneralizada a nivel mundial”. Ademais explica que case unha de cada tres mulleres sufre violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida.
Se pasaches por isto, talvez sintas que podes volver sufrir ataques verbais, físicos ou sexuais en calquera lugar onde vaias. Como resultado da violencia de xénero e do maltrato, pode que sintas que á maior parte das persoas non lle importan as mulleres. Pero, impórtanlle a Deus?
A Biblia demostra que a Deus lle preocupa a seguridade das mulleres.
Como ve Deus as mulleres?
O que di a Biblia: “Creouno varón e femia” (Xénese 1:27).
Significado: Deus creou o home e a muller. El pensa que ámbolos dous merecen respecto. Ademais espera que o marido ame “a súa muller coma a si mesmo” e non que a intente controlar, moito menos usando palabras duras ou violencia (Efesios 5:33; Colosenses 3:19).
“Cando era nena sufrín abusos sexuais por parte dalgúns parentes. Cando tiña 17 anos o meu xefe ameazoume con despedirme se non me deitaba con el. E cando xa fun adulta, o meu home, os meus pais e os meus veciños faltábanme ó respecto. Pero co tempo cheguei a coñecer a Xehová,b o Creador, e aprendín que el respecta as mulleres. Saber iso ensinoume que me quere e que son moi valiosa ós seus ollos” (Maria, A Arxentina).
Como podes comezar a recuperarte en sentido emocional?
O que di a Biblia: “Hai amigos máis íntimos ca irmáns” (Proverbios 18:24).
Significado: Un amigo de verdade vaite apoiar. Se pensas que che pode axudar, comparte o que sentes con alguén en quen confíes.
“Durante vinte anos non lle dixen a ninguén que abusaran sexualmente de min. Por culpa disto, non estaba feliz. Sentía ansiedade e depresión. Pero cando lle contei o que me pasara a alguén que quixo escoitarme de verdade, sentín un alivio incrible” (Elif, Turquía).
O que di a Biblia: “Botade sobre Deus tódalas vosas ansias, que El coida de vós” (1 Pedro 5:7).
Significado: Cando oras, podes estar segura que Deus te escoita (Salmo 55:22, TNM; 65:3 [65:2, TNM]). Deus quérete moito, por iso pode axudarche a ver o valiosa que es.
“Coñecer a Xehová axudoume a comezar a recuperarme das profundas feridas emocionais que me fixeran. Agora podo orarlle para desafogarme con el. Deus é coma un amigo que entende de verdade os meus sentimentos” (Ana, Belize).
Acabará Deus algún día co maltrato á muller?
O que di a Biblia: “Faraslles xustiza ós orfos e ós que están oprimidos para que o home mortal da terra non os atemorice máis” (Salmo 10:18, TNM).
Significado: Xehová pronto acabará con tódalas inxustizas, incluíndo a crueldade e a violencia contra a muller.
“Saber que dentro de pouco Xehová acabará co maltrato contra as mulleres e nenas foi todo un alivio para min e deume paz mental” (Roberta, México).
Para saber máis sobre a esperanza que dá a Biblia, por que podes confiar nas súas promesas e como lles axudamos ás persoas coa Biblia as Testemuñas de Xehová, pide unha visita.
a Cambiáronse algúns nomes.
b Xehová é o nome persoal de Deus. Este nome tamén pode traducirse como Iavé (Isaías 42:8). Mira o artigo “Quen é Xehová?”.