PREGUNTAS DA XUVENTUDE
Por que andan falando de min?
Por que doe
Algúns chismes levan malas intencións, como cando se conta unha mentira para acabar coa reputación de alguén. Pero aínda que non teña esa intención, pode doer moito se vén dun amigo (Salmo 55:13-15 [55:12-14, TNM]).
“Descubrín que unha amiga estivo falando de min. Dixo que non me importaba outra xente. Iso doeume moito. Non entendía como dixera algo así” (Ashley).
Realidade: Sen importar se a persoa que conta o chisme é un amigo ou non, non é nada divertido saber que andan falando sobre ti.
Malas noticias: non podes evitalo
As persoas poden falar de ti por moitas razóns. Por exemplo:
Interese sincero. Os seres humanos somos sociables, por iso é algo natural que falemos con outros e tamén sobre outros. De feito, a Biblia anímanos a interesarnos polos demais (Filipenses 2:4).
“O tema de conversación máis interesante son as persoas” (Bianca).
“Teño que recoñecelo, encántame saber que lles pasa ós demais e comentalo con outros. Non che sei por que, pero é moi divertido” (Katie).
Aburrimento. En tempos bíblicos había persoas que “non facían nada máis que contar ou escoitar cousas novas” (Feitos 17:21). Hoxe ocorre o mesmiño!
“Ás veces, cando non pasa nada interesante, a xente inventa cousas para ter de que falar” (Joanna).
Inseguridades. Con razón, a Biblia di que non nos comparemos con outros (Gálatas 6:4). Por desgraza, hai persoas que para combater as súas inseguridades póñense a falar mal doutros.
“O chisme xa di moito de quen o anda contando. De feito, a miúdo, é por envexa. Falan doutros para sentirse mellor con eles mesmos e para convencerse de que son mellores que os demais” (Phil).
Realidade: Gústeche ou non, a xente vai falar doutros. Incluído de ti.
Boas noticias: non ten por que paralizarte
É moi probable que non poidas evitar que outros falen de ti. Pero o que si podes facer é controlar como vas reaccionar. Se sabes que andan falando de ti, podes facer polo menos dúas cousas.
OPCIÓN 1: Pasa do tema. A miúdo a mellor solución é non facer caso, sobre todo, se non ten moita importancia. É mellor que poñas en práctica este consello da Biblia: “Non te alporices axiña” (Eclesiastés 7:9).
“Comezaron a dicir que estaba saíndo cun rapaz ó que nin sequera coñecía! A cousa era tan ridícula que ata me rin” (Elise).
“Contra o chisme, o mellor é ter unha boa reputación. Aínda que se espalle un rumor sobre ti, poucas persoas o van crer se te fas un bo nome. Habitualmente a verdade sempre gaña” (Allison).
Consello: Escribe 1) o que dixeron de ti e 2) como te fixo sentir. Unha vez que o fagas, quizais che sexa máis fácil deixalo pasar (Salmo 4:5 [4:4, TNM]).
OPCIÓN 2: Fala coa persoa que comezou o chisme. Nalgúns casos poderías pensar que o que se dixo é tan grave que necesites falar coa persoa que iniciou o asunto.
“Se falas coa persoa talvez se dea conta de que, co tempo, a vítima pode acabar sabéndoo. É máis, pode axudarche a solucionar o problema” (Elise).
Pero antes de ir falar con esa persoa, pensa nos seguintes principios bíblicos e tamén nas preguntas que hai xunto a eles.
“Quen responde unha cuestión antes de escoitar, conseguirá fatuidade e mais vergonza” (Proverbios 18:13). “Coñezo tódolos detalles? É posible que a persoa que me falou do conto entendese mal o que escoitou?”.
“Todos debedes ser rápidos para escoitar, pero lentos para falar e lentos para a ira” (Santiago 1:19, TNM). “É o mellor momento para falar? Estou vendo a situación dunha forma obxectiva? Ou sería mellor que deixase pasar un tempo e me calmase un pouco?”.
“Facede polos demais todo o que vos gustaría que fixesen por vós” (Mateo 7:12). “Se o caso fose ó revés, como me gustaría que falasen comigo? Onde preferiría que o fixesen? De que maneira me gustaría que falasen comigo?”.
Consello: Antes de conversar coa persoa que empezou a falar sobre ti, escribe o que lle queres dicir e espera unha ou dúas semanas. Despois, le de novo o que escribiches e pensa se farías algún cambio. Ademais, tamén podes falar cos teus pais ou cun amigo maduro e pedirlles consello.
Realidade: Igual que outras moitas cousas na vida, non sempre podes controlar o chisme. Pero iso non significa que el te controle a ti!