PREGUNTAS DA XUVENTUDE
Que fago se me ofende un amigo?
O que debes saber
En tódalas relacións persoais hai problemas. Como somos imperfectos, incluso un bo amigo, ou mesmo o teu mellor amigo, pode facer ou dicir algo que che doia. Ti tamén es imperfecto así que, sendo sinceros, verdade que lembras algunha ocasión na que ti tamén lle fixeches dano a alguén? (Santiago 3:2).
O que vexas en Internet pode facer que te sintas mal. Por exemplo, un adolescente que se chama David di: “Cando miras en Internet e ves fotos dun amigo nunha festa, ben pode que te preguntes por que non te invitaron. Iso podería facer que te sintas triste e traizoado”.
Aprende a facerlle fronte ó problema.
O que podes facer
Analízate. A Biblia di: “Non te alporices axiña, que a xenreira acouga no colo dos necios” (Eclesiastés 7:9).
“Ás veces, cando pasa o tempo, dáste conta de que estás enfadado por algo que non é tan importante” (Alyssa).
Pensa nisto: Oféndeste con facilidade? Poderías aprender a ser máis tolerante coas imperfeccións doutras persoas? (Eclesiastés 7:21, 22).
Pensa nos beneficios de perdoar. A Biblia di: “A súa gloria é deixar de lado a ofensa” (Proverbios 19:11).
“Aínda que teñas razóns para queixarte, é bo perdoar con xenerosidade. Isto significa deixar de recordarlle a ofensa á outra persoa, nin esperar que nos pida perdón cada vez que falamos diso. Unha vez que perdoas, non volvas sacar o tema” (Mallory).
Pensa nisto: De verdade é tan grave o problema? Poderías perdoar para manter a paz? (Colosenses 3:13).
Falar constantemente de cada problema que haxa nunha amizade é como abrir unha e outra vez a porta dun cuarto quentiño e deixar que se arrefríe.
Ten en conta a outra persoa. A Biblia di: “Non mirar cada un polo que lle ten conta a el, senón tamén polo que llela ten ós outros” (Filipenses 2:4).
“Cando o amor e o respecto forman parte dunha amizade, tes boas razóns para solucionar rápido os problemas. Apostaches por esa amizade, puxeches moitos esforzos nela e non queres perdela” (Nicole).
Pensa nisto: Podes atopar algo positivo no punto de vista da outra persoa? (Filipenses 2:3).
En resumo: saber como facerlles fronte ós sentimentos feridos vaiche ser moi útil cando sexas adulto. Por que non empezas a cultivar esa habilidade agora?