CAPÍTULO 28
“Ata a parte máis distante da terra”
As testemuñas de Xehová seguen coa obra que empezaron os seguidores de Xesús no primeiro século.
1. Que teñen en común os primeiros cristiáns e as Testemuñas da actualidade?
PREDICABAN con moito entusiasmo. Aceptaban humildemente a axuda e a guía do espírito santo. Non deixaban de predicar nin sequera cando os perseguían. Contaban coa bendición de Deus. Todo isto cumpriuse nos primeiros cristiáns, e tamén se está cumprindo nas testemuñas de Xehová da actualidade.
2, 3. Que fai único o libro de Feitos?
2 Seguro que a túa fe se fortaleceu moito ó analizar os emocionantes relatos de Feitos dos Apóstolos. Que libro tan especial! É o único libro inspirado por Deus que conta a historia dos primeiros cristiáns.
3 No libro de Feitos menciónanse 95 persoas, 32 países e rexións, 54 cidades e 9 illas. É un emocionante relato sobre xente común, líderes relixiosos arrogantes, políticos orgullosos e perseguidores violentos. Pero sobre todo, fala dos teus irmáns e irmás do primeiro século. Estes homes e mulleres tiñan problemas parecidos ós teus, pero aínda así predicaban as boas noticias con entusiasmo.
4. Por que nos sentimos cerca de cristiáns como o apóstolo Paulo, Tabita, e outras Testemuñas fieis da antigüidade?
4 Aínda que xa pasaron case dous mil anos, sentímonos moi cerca dos incansables apóstolos Pedro e Paulo, do querido médico Lucas, do xeneroso Bernabé, do valente Esteban, da bondadosa Tabita, da hospitalaria Lidia e de tantos outros irmáns fieis. Por que? Porque nós tamén cumprimos coa comisión que Xesús mandou de facer discípulos (Mat. 28:19, 20). Que honor tan grande temos!
“Ata a parte máis distante da terra.” (Feitos 1:8)
5. Por onde comezaron a predicar os discípulos de Xesús?
5 Pensa no que Xesús lles mandou ós seus seguidores: “Cando recibades o espírito santo, teredes poder e seredes as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda Xudea e Samaria, e ata a parte máis distante da terra” (Feit. 1:8). En primeiro lugar, o espírito santo deulles poder ós discípulos para dar testemuño “en Xerusalén” (Feit. 1:1–8:3). Despois guiounos para que predicasen “en toda Xudea e Samaria” (Feit. 8:4–13:3). E por último empezaron a predicar as boas noticias “ata a parte máis distante da terra” (Feit. 13:4–28:31).
6, 7. Con que vantaxe contamos hoxe na predicación en comparación cos irmáns do primeiro século?
6 Os nosos irmáns do primeiro século aínda non dispoñían da Biblia completa para usala na predicación. O Evanxeo de Mateo escribiuse arredor do ano 41. Algunhas cartas de Paulo escribíronse antes de que se completase o libro de Feitos, arredor do ano 61. Pero os cristiáns do primeiro século non tiñan copias persoais da Biblia nin tampouco publicacións para deixarlles ás persoas ás que lles predicaban. Antes de facerse discípulos de Xesús, os cristiáns que foran xudeus ían ás sinagogas para escoitar a lectura das Escrituras Hebreas (2 Cor. 3:14-16). Pero incluso eles tiñan que estudar con atención as Escrituras porque posiblemente citasen de memoria delas cando predicaban.
7 Hoxe, a maioría de nós temos a nosa copia persoal da Biblia e moitas publicacións baseadas nela. Ademais predicamos as boas noticias en centos de idiomas en 240 países e territorios.
Temos forzas grazas ó espírito santo
8, 9. a) Que puideron facer os discípulos de Xesús grazas ó espírito santo? b) Que fai o escravo fiel grazas á axuda do espírito de Deus?
8 Cando Xesús lles mandou ós seus discípulos dar testemuño, díxolles: “Cando recibades o espírito santo, teredes poder”. Grazas á guía do espírito, ou forza activa de Deus, os discípulos de Xesús acabarían dando testemuño en toda a Terra. Pedro e Paulo curaron enfermos, expulsaron demos e incluso resucitaron persoas grazas ó poder dese espírito santo. Pero o espírito deulles poder para facer algo aínda máis importante. Capacitou os apóstolos e outros discípulos para que puidesen levarlles ás persoas o coñecemento que dá vida eterna (Xoán 17:3).
9 O día do Pentecostés do ano 33, os discípulos de Xesús “empezaron a falar en diferentes idiomas, tal e como o espírito lles permitía falar”. Grazas a iso puideron dar testemuño “das cousas magníficas de Deus” en moitos idiomas (Feit. 2:1-4, 11). Na actualidade nós non temos o don milagroso de falar en linguas. Aínda así, coa axuda do espírito de Deus, o escravo fiel está facendo publicacións bíblicas en moitos idiomas. Por exemplo, tódolos meses se imprimen millóns de copias das revistas A Atalaia e Despertade!, e na nosa páxina web, jw.org, tamén hai publicacións e vídeos dispoñibles en máis de mil idiomas. Iso permítenos declarar as “cousas magníficas de Deus” a persoas de tódalas nacións, tribos, pobos e linguas (Apoc. 7:9).
10. Que esforzos se fixeron dende o ano 1989 para traducir a Biblia?
10 Dende o ano 1989 o escravo fiel estalle dando especial importancia a que a Tradución do Novo Mundo estea dispoñible en moitas linguas. Esta Biblia xa se traduciu a máis de douscentos idiomas e imprimíronse máis de douscentos corenta millóns de copias. E estas cifras non deixan de aumentar. Só Deus co seu espírito podería conseguir que a Biblia sexa accesible para tantas persoas.
11. Que se está facendo para traducir as nosas publicacións?
11 Miles de cristiáns voluntarios participan na tradución de vídeos e publicacións bíblicas en máis de cento cincuenta países e territorios. Iso non nos sorprende. Non hai ningunha outra organización na Terra que, guiada polo espírito santo, estea dando por todo o mundo testemuño completo de Xehová, do seu Rei mesiánico e do seu Reino, que xa empezou a gobernar no ceo! (Feit. 28:23).
12. Que lles axudou a Paulo e os demais cristiáns a dar testemuño?
12 Cando Paulo lles predicou ós xudeus e ós xentís en Antioquía de Pisidia, “tódolos que tiñan a actitude correcta para obter vida eterna fixéronse crentes” (Feit. 13:48). Como dixo Lucas ó final do libro de Feitos, Paulo “predicáballes acerca do Reino de Deus [...] con moitísimo valor e sen ningún impedimento” (Feit. 28:31). E onde estaba o apóstolo naquel momento? En Roma, que era a capital dunha potencia mundial! Os primeiros cristiáns cumpriron a comisión de dar testemuño mediante discursos e outros métodos. Está claro que puideron facer todo isto grazas á axuda e a guía do espírito santo.
Séguese predicando a pesar da persecución
13. Por que deberiamos orar cando nos perseguen?
13 Cando os primeiros discípulos de Xesús sufriron persecución, pedíronlle a Xehová que lles dese valor. Cal foi o resultado? O espírito santo deulles poder para seguir falando da palabra de Deus con valor (Feit. 4:18-31). Na actualidade, nós tamén lle pedimos que nos dea a sabedoría e as forzas que necesitamos para seguir predicando a pesar da persecución (Sant. 1:2-8). E conseguímolo grazas á súa bendición e á axuda do espírito. Está claro que nada pode deter a obra de predicar, nin sequera a oposición intensa nin a violenta persecución. Por iso, cando somos perseguidos oramos pedindo espírito santo, sabedoría e valor para seguir predicando as boas noticias (Luc. 11:13).
14, 15. a) Cal foi o resultado da “gran persecución” que xurdiu despois da morte de Esteban? b) Como chegaron a coñecer a verdade moitas persoas de Siberia?
14 Antes de morrer a mans dos seus inimigos, Esteban deu testemuño con valor (Feit. 6:5; 7:54-60). Na “gran persecución” que xurdiu nese momento tódolos discípulos excepto os apóstolos dispersáronse por Xudea e Samaria. Pero non deixaron de predicar. Felipe foi a Samaria para “predicarlle á xente acerca do Cristo” e conseguiu resultados moi bos (Feit. 8:1-8, 14, 15, 25). O relato tamén di: “Os discípulos que foran dispersados pola persecución que empezara despois da morte de Esteban chegaron ata Fenicia, Chipre e Antioquía, pero só lles predicaban a mensaxe ós xudeus. Aínda así, entre eles houbo algúns homes de Chipre e de Cirene que foron a Antioquía e que empezaron a falar coas persoas de fala grega e a anunciarlles as boas noticias do Señor Xesús” (Feit. 11:19, 20). Sorprendentemente, a persecución contribuíu a que a predicación chegase aínda a máis lugares.
15 Na nosa época pasou algo parecido na antiga Unión Soviética. Miles de testemuñas de Xehová foron deportadas a Siberia, sobre todo na década de 1950. Como os ían repartindo por diferentes asentamentos, as boas noticias íanse espallando por esta enorme rexión. Se non fose por iso sería imposible que tantas Testemuñas conseguisen os cartos necesarios para viaxar ata dez mil quilómetros para predicar as boas noticias. Sen querelo, o goberno fixo que a mensaxe do Reino se predicase por todo o país. Un irmán dixo: “Como resultado, as autoridades mesmas fixeron posible que miles de persoas de toda Siberia coñecesen a verdade”.
Recibimos moitas bendicións de Xehová
16, 17. Que probas encontramos no libro de Feitos de que Xehová bendiciu a obra de predicar?
16 Está claro que os cristiáns do primeiro século contaban coa bendición de Xehová. Paulo e os demais plantaban e regaban, pero era Deus quen o facía crecer (1 Cor. 3:5, 6). Os informes que aparecen no libro de Feitos demostran que ese crecemento foi posible grazas a que Xehová bendiciu a obra de predicar. Por exemplo, Feitos 6:7 di: “Isto fixo que a palabra de Deus seguise estendéndose, e o número de discípulos seguiu aumentando moitísimo en Xerusalén”. E Feitos 9:31 di que, mentres a obra de predicar se ía estendendo, “tódalas congregacións de Xudea, Galilea e Samaria fortalecéronse e entraron nun período de paz. Ademais, seguiron medrando porque andaban no temor de Xehová e no consolo do espírito santo”.
17 En Antioquía de Siria, os cristiáns predicáronlles con valor as boas noticias tanto a persoas que falaban hebreo coma grego. O relato explica que “a man de Xehová estaba con eles, e moitos fixéronse crentes e empezaron a seguir o Señor” (Feit. 11:21). Con respecto ó crecemento que houbo nesta cidade, a Biblia di: “A palabra de Xehová seguiu crecendo e estendéndose” (Feit. 12:24). E falando da predicación de Paulo ós xentís tamén se di que “a palabra de Xehová seguiuse estendendo e collendo forza” (Feit. 19:20).
18, 19. a) Como sabemos que “a man de Xehová” está con nós? b) Pon un exemplo que demostre que Xehová axuda ó seu pobo.
18 Está claro que na actualidade tamén percibimos “a man de Xehová”. Ese é o motivo polo que tantas persoas están aceptando a verdade, dedicando a súa vida a Deus e bautizándose. Ademais, igual que os cristiáns do primeiro século, grazas á axuda e a bendición de Xehová podemos seguir predicando cando sufrimos oposición ou incluso violenta persecución (Feit. 14:19-21). Xehová nunca nos vai abandonar. Os “brazos do Eterno” sempre van estar aí para axudarnos a aguantar tódalas nosas probas (Deut. 33:27). Recordemos tamén que por causa do seu nome, Xehová sempre vai coidar do seu pobo (1 Sam. 12:22; Sal. 94:14).
19 Vexamos un exemplo. Durante a II Guerra Mundial, os nazis enviaron o irmán Harald Abt ó campo de concentración de Sachsenhausen por non deixar de predicar. Máis tarde, en maio de 1942, a Gestapo foi á súa casa, levouse a súa filla pequena e arrestou a súa muller, Elsa. Despois disto, Elsa estivo en varios campos de concentración. Ela conta: “Os anos que pasei nos campos de concentración de Alemaña ensináronme unha lección moi importante: puiden comprobar ata que punto che pode axudar o espírito de Xehová cando estás pasando por unha proba extrema. Antes de que me arrestasen, lera a carta dunha irmá na que dicía que o espírito de Xehová pode axudarche cando estás pasando por probas moi difíciles e darche a calma que necesitas. Ó principio pensei que estaba esaxerando un pouco, pero cando tiven que pasar por probas deste tipo deime conta de que non era así. Pasou xusto como ela dicía. É difícil de entender se non o experimentas. Pero foi xusto o que me pasou a min”.
Sigue dando un testemuño completo!
20. Que fixo Paulo mentres estivo baixo arresto domiciliario, e como pode animar o seu exemplo a algúns irmáns?
20 O libro de Feitos termina con Paulo predicando con moito entusiasmo “acerca do Reino de Deus” (Feit. 28:31). Aínda que estaba baixo arresto domiciliario en Roma e non podía ir predicar de casa en casa, aproveitaba ben o tempo para darlle testemuño a calquera que o ía visitar. Na actualidade, moitos dos nosos queridos irmáns e irmás tampouco poden saír da casa, e algúns incluso están encamados. Outros viven nunha residencia pola idade avanzada ou porque sofren algunha enfermidade. Aínda así, o seu amor por Deus e o seu desexo de dar un testemuño completo é máis forte ca nunca. Oramos por eles e pedímoslle ó noso Pai celestial que, dalgunha forma, lles axude a poñerse en contacto con persoas que queiran aprender del e coñecer o seu marabilloso propósito.
21. Por que é máis urxente que nunca que sigamos predicando?
21 A maioría de nós podemos predicar de casa en casa e participar noutras facetas do ministerio. Por iso, fagamos todo o posible por cumprir co noso papel como proclamadores do Reino, dando un testemuño completo “ata a parte máis distante da terra”. Por todo o mundo estase vendo claramente o cumprimento do sinal da presenza de Cristo. Por iso é máis urxente que nunca que sigamos predicando a mensaxe do Reino (Mat. 24:3-14). Non hai tempo que perder! Hai moito que facer na “obra do Señor” (1 Cor. 15:58).
22. Que debemos estar decididos a facer mentres esperamos o día de Xehová?
22 Mentres esperamos “a chegada do día do Señor, do día grande e terrible”, resolvámonos a seguir predicando con fe e valor (Xoel 3:4 [2:31, TNM]). Aínda podemos atopar moitas persoas coa actitude dos bereanos, que “aceptaron a palabra de Deus con moitísimas ganas” (Feit. 17:10, 11). Por iso, sigamos predicando ata que escoitemos as palabras: “Ben feito, escravo bo e fiel!” (Mat. 25:23). Se agora facemos todo o posible por predicar con entusiasmo e nos mantemos fieis a Xehová, poderemos vivir para sempre coa satisfacción de saber que demos “un testemuño completo do Reino de Deus”!