ARTIGO DE ESTUDO 21
CANCIÓN sjj 107 Imitemos o amor de Xehová
Como encontrar unha persoa adecuada para ti
“Unha muller xeitosa ¿quen a atopará?: o seu valer supera o das perlas” (PROV. 31:10).
OBXECTIVO
Analizar algúns principios bíblicos que poden axudar a identificar un cónxuxe adecuado e outros que poden ser útiles para saber como apoiar os solteiros que queren casar.
1, 2. a) Que debería ter en conta un cristián antes de empezar unha relación sentimental con alguén? b) A que nos referimos cando falamos dunha relación sentimental? (Mira a “Idea importante”).
GUSTARÍACHE casar? Estar casado non é imprescindible para ser feliz. Aínda así moitos cristiáns solteiros, tanto novos como maiores, desexan ter un cónxuxe. Por suposto, antes de empezar unha relación sentimental con alguén, deberías estar preparado espiritual, emocional e economicamente para o matrimonio (1 Cor. 7:36).a Se o fas así, será máis probable que consigas ter unha familia feliz.
2 Pero, non sempre é fácil encontrar unha persoa adecuada (Prov. 31:10). E incluso cando atopas alguén a quen che gustaría coñecer mellor, quizais sexa difícil dar os pasos para comezar unha relación sentimental.b Neste artigo veremos que lles pode axudar ós cristiáns solteiros a encontrar alguén que poida ser un bo cónxuxe e a facerse noivos. Tamén imos analizar como poden outros irmáns da congregación apoiar os que queren casar.
ATOPAR A PERSOA ADECUADA
3. Que debería ter en conta un cristián solteiro ó buscar un futuro cónxuxe?
3 Se estás pensando en casar, o mellor é que saibas que cualidades queres que teña a túa futura parella antes de empezar a saír con alguén.c Se non o fas, poderías pasar por alto unha persoa que quizais sexa apropiada para ti ou facerte noivo de alguén que non o sexa. Por suposto, as persoas nas que te fixes deberían ser cristiáns bautizados (1 Cor. 7:39). Pero tampouco penses que polo feito de estar bautizado automaticamente sería un bo cónxuxe para ti. Así que pregúntate: “Cales son as miñas metas na vida? Que cualidades considero imprescindibles na miña futura parella? Teño expectativas razoables?”.
4. Que asuntos incluíron algúns nas súas oracións?
4 Se o teu desexo é casar seguro que xa oraches sobre o asunto (Filip. 4:6). Claro, Xehová non lle promete a ninguén que vaia encontrar parella. Pero si que coidará dos teus sentimentos e necesidades, e tamén che axudará mentres intentas encontrar a persoa adecuada. Así que non deixes de contarlle como te sentes e o que necesitas (Sal. 62:9 [62:8, TNM]). Pídelle que che dea paciencia e sabedoría (Sant. 1:5). John, un irmán solteiro dos Estados Unidos, explica que asuntos inclúe nas súas oracións: “Cóntolle a Xehová que cualidades me gustaría que tivese a miña futura muller. Tamén lle pido que me axude a ter oportunidades de coñecer unha posible parella e a cultivar cualidades que me permitan chegar a ser un bo marido”.d Tanya, unha irmá de Sri Lanka, di: “Mentres busco a persoa apropiada pídolle a Xehová que me axude a manterme fiel, ser positiva e sentirme feliz”. Aínda que tardes en coñecer alguén con quen casar, Deus promete que seguirá coidando das túas necesidades físicas e emocionais (Sal. 55:23 [55:22, TNM]).
5. Que oportunidades teñen os cristiáns solteiros para encontrar alguén que ame a Xehová? (1 Corintios 15:58) (Ver tamén a imaxe).
5 A Biblia anímanos a estar sempre moi ocupados no noso servizo a Xehová (le 1 Corintios 15:58). Isto permitirache pasar tempo con moitos irmáns e irmás diferentes. Desta maneira, non só desfrutarás de boas compañías, senón que tamén terás a oportunidade de coñecer outros solteiros que, igual ca ti, están centrados en servir a Deus. Ademais, ó darlle o mellor a Xehová, serás realmente feliz.
Se te mantés ocupado servindo a Xehová e pasas tempo con distintos irmáns, quizais coñezas a outros que tamén queren casar (ver o parágrafo 5).
6. Que debería recordar un cristián solteiro mentres busca parella?
6 Pero, coidado! Non permitas que buscar parella chegue a ser o máis importante na túa vida (Filip. 1:10). A verdadeira felicidade non depende do teu estado civil, senón da túa relación con Xehová (Mat. 5:3). O certo é que mentres estás solteiro tes máis liberdade para ampliar o teu servizo a Deus (1 Cor. 7:32, 33). Aproveita ben ese tempo. Jessica, unha irmá dos Estados Unidos que casou pouco antes de ter 40 anos, conta: “De solteira estaba moi ocupada na predicación, e isto axudoume a estar contenta a pesar de ter o desexo de casar”.
DEDICAR TEMPO A OBSERVAR
7. Cando cres que alguén pode ser un bo cónxuxe para ti, por que é prudente observar durante un tempo a persoa antes de expresarlle os teus sentimentos? (Proverbios 13:16).
7 Que pasa se cres que alguén podería ser un bo cónxuxe para ti? Deberías falar inmediatamente con esa persoa para expresarlle o que sentes? A Biblia di que o sabio se asegura de ter coñecemento antes de actuar (le Proverbios 13:16). Así que o máis prudente sería que, antes de expresarlle os teus sentimentos a esa persoa, a observases discretamente durante un tempo para coñecela mellor. Un irmán dos Países Baixos que se chama Aschwin di: “Os sentimentos poden desaparecer tan rápido como aparecen. Así que, se dedicas un tempo a fixarte en alguén, non empezarás unha relación baseándote simplemente nunha emoción que pode ser temporal”. Ademais, durante ese período podes darte conta de que esa persoa non é a ideal para ti.
8. Como podería un solteiro observar discretamente alguén no que está interesado? (Ver tamén a imaxe).
8 Como poderías observar discretamente esa persoa para saber máis sobre ela? Tanto nas reunións de congregación como nas reunións sociais podes percibir se é unha persoa espiritual, como é a súa personalidade e que clase de conduta ten. Quen son os seus amigos? Sobre que cousas fala? (Luc. 6:45) Ten metas compatibles coas túas? Quizais poderías falar con algún ancián da súa congregación ou outro cristián maduro que a coñeza ben (Prov. 20:18). Poderías preguntarlles que reputación ten e cales son as súas cualidades (Rut 2:11). Pero, ó observar esta persoa, asegúrate de non facela sentir incómoda. Respecta os seus sentimentos, a súa privacidade e o seu espazo persoal.
Antes de declararte a alguén, fíxate discretamente nesa persoa durante un tempo (ver os parágrafos 7 e 8).
9. Antes de falar dos teus sentimentos coa persoa que che gusta, de que deberías estar seguro?
9 Canto tempo deberías fixarte en como é alguén antes de expresarlle o que sentes? Se lle falas moi pronto podería parecer que actúas por impulso e que non pensas ben as túas decisións (Prov. 29:20). Por outro lado, se esperas moito, poderías parecer indeciso. Sobre todo, se a outra persoa se deu conta de que che gusta (Ecl. 11:4). Recorda que, para dar este paso, non tes que estar convencido de que ides casar. Pero si debes estar seguro de que estás preparado para o matrimonio e de que esa persoa podería chegar a ser un bo cónxuxe para ti.
10. Que deberías facer se te das conta de que lle gustas a alguén pero ti non sentes o mesmo?
10 Entón, que deberías facer se te das conta de que lle gustas a alguén? Se ti non sentes o mesmo por esa persoa, intenta transmitirllo coa túa maneira de actuar. Non sería amoroso facerlle pensar que poderiades chegar a ser noivos se tes claro que non é así (1 Cor. 10:24; Ef. 4:25).
11. Se tes a responsabilidade de escoller o noivo ou o cónxuxe para outra persoa, que cousas deberías ter en conta?
11 Nalgúns lugares, quizais se espere que os pais ou outros adultos escollan unha parella para os seus familiares solteiros. E noutros sitios, a familia ou os amigos do solteiro búscanlle un posible cónxuxe e fan os preparativos para que se coñezan e decidan se queren empezar a saír xuntos. Se che piden que escollas un noivo ou un cónxuxe para alguén, ten en conta as preferencias e as necesidades das dúas persoas implicadas. Cando encontres alguén que penses que é adecuado para o teu familiar ou amigo, asegúrate de coñecelo ben. Fíxate na súa personalidade, en cales son as súas cualidades e, sobre todo, en se é unha persoa espiritual. Unha boa relación con Xehová é moito máis importante que os cartos, a educación ou a posición social. Pero recorda que a irmá e o irmán solteiros son os que deberían tomar a decisión final sobre se van casar ou non (Gál. 6:5).
EMPEZAR A SAÍR CON ALGUÉN
12. Se che gustaría empezar a saír con alguén, como poderías dicirllo?
12 Como lle poderías dicir a alguén que che gustaría que fósedes mozos?e Podes quedar para falar coa persoa nun lugar público, nunha conversación telefónica ou por videoconferencia. Dille claramente que tes interese romántico nela e que che gustaría que vos coñecésedes mellor (1 Cor. 14:9). Se é necesario, dálle tempo para que o pense (Prov. 15:28). E se a persoa non está interesada en saír contigo, respecta os seus sentimentos e acepta a súa resposta.
13. Que podes facer se alguén se che declara? (Colosenses 4:6).
13 E que farás se alguén che di que quere saír contigo? É moi probable que esa persoa necesitase valor para expresarche como se sente, así que sé amable e respectuoso (le Colosenses 4:6). Se necesitas un tempo para darlle unha resposta, dillo. Iso si, intenta contestarlle o antes posible (Prov. 13:12). Se non estás interesado, faillo saber con tacto pero de maneira clara. Fíxate en como Hans, un irmán de Austria, lle respondeu a unha irmá que se lle declarou: “Díxenlle cal era a miña decisión con amabilidade pero tamén con claridade. Fíxeno así porque non quería darlle falsas esperanzas. Por iso, a partir dese momento tamén tiven coidado coa miña forma de tratala para que nada do que dixese ou fixese lle dese a entender que cambiara de opinión”. Por outro lado, se a ti tamén che gustaría que empezásedes unha relación, expresa os teus sentimentos e despois falade de como vos gustaría xestionar esta nova situación. Dependendo da vosa cultura ou doutras circunstancias, quizais teñades expectativas diferentes.
APOIAR OS IRMÁNS SOLTEIROS
14. Como podemos todos nós apoiar os cristiáns solteiros coas nosas palabras?
14 Como podemos todos nós apoiar os cristiáns solteiros que queren casar? Unha maneira é tendo coidado co que dicimos (Ef. 4:29). Poderiamos preguntarnos: “Métome cos que queren casar facendo comentarios que poderían resultar ofensivos? Cando vexo a dous solteiros falando, dou por feito que teñen interese romántico un no outro?” (1 Tim. 5:13). Ademais, nunca lle deberiamos facer sentir a ninguén que, por ser solteiro, dalgunha maneira está incompleto ou é inferior ós que están casados. Hans, do que xa falamos antes, conta: “Algúns irmáns dinme: ‘E por que non casas? Xa non es tan novo’. Comentarios coma estes fan que os solteiros se sintan pouco valorados e só aumentan a presión que quizais xa sintan por casar”. É moito mellor buscar oportunidades para felicitalos (1 Tes. 5:11).
15. a) Segundo o principio de Romanos 15:2, que deberiamos ter en conta antes de axudarlle a alguén a buscar parella? b) Que puntos do vídeo che chamaron a atención? (Ver tamén a nota) (Ver tamén a imaxe).
15 E que pasa se pensas que un irmán e unha irmá farían boa parella? A Biblia di que teñamos en conta os sentimentos dos demais (le Romanos 15:2). Moitos solteiros non queren que outros lles presenten posibles cónxuxes, e deberiamos respectar os seus desexos (2 Tes. 3:11). Outros quizais si agradezan a nosa axuda pero, aínda así, non deberiamos facer nada se non nolo piden (Prov. 3:27).f Algúns solteiros prefiren que non os presenten formalmente. Lydia, unha irmá solteira de Alemaña, di: “Poderías incluír eses irmáns cando fas plans cun grupo grande. Simplemente crea a oportunidade de que se coñezan e pasen tempo xuntos. O resto déixao nas súas mans”.
Facer plans cun grupo grande dá a oportunidade de que os cristiáns solteiros se coñezan (ver o parágrafo 15).
16. Que debería recordar un cristián solteiro?
16 Todos nós, casados e solteiros, podemos ter vidas felices e satisfactorias (Sal. 128:1). Así que, se queres casar pero aínda non encontraches a persoa adecuada, sigue centrándote en servir a Xehová. Unha irmá de Macau que se chama Sin Yi conta: “Comparado co tempo que poderías pasar ó lado do teu cónxuxe no Paraíso, o tempo que estás solteiro é relativamente curto. Desfrútao e úsao ben”. Pero, e se xa atopaches alguén e empezastes a saír? No seguinte artigo analizaremos como podedes ter éxito na vosa relación.
CANCIÓN sjj 137 As nosas fieis irmás
a Para axudarche a saber se estás preparado para casar, mira en jw.org o artigo “Saír con alguén | Parte 1. Estou preparado?”.
b IDEA IMPORTANTE: Neste artigo e no seguinte, cando falamos de ter unha relación sentimental, referímonos ó período de tempo durante o cal un home e unha muller empezan a coñecerse mellor para decidir se serían compatibles un co outro. Nalgúns países a este período de tempo chámaselle noivado, ser noivos, ser mozos, saír con alguén ou estar coñecendo alguén. Este empeza cando os dous deixan claro que teñen interese romántico un no outro, e continúa ata que toman unha das seguintes decisións: romper a súa relación sentimental ou comprometerse para casar.
c Para simplificar, nos seguintes parágrafos ó referirnos a unha posible parella falaremos en masculino. Aínda que, por suposto, estes principios tamén lles aplican ás irmás.
d Cambiáronse algúns nomes.
e Nalgunhas culturas, normalmente é o irmán o que se lle declara á irmá. Pero non hai nada de malo en que unha muller se lle declare a un home (Rut 3:1-13). Para saber máis, mira o artigo “Los jóvenes preguntan... ¿Cómo le digo lo que siento por él?” da revista Despertad! do 22 de outubro de 2004 (dispoñible en español).
f Mira en jw.org o vídeo Loitan con éxito pola fe. Os solteiros.