ARTIGO DE ESTUDO 22
CANCIÓN sjj 127 A persoa que quero ser
Como ter éxito ó saír con alguén
“A personalidade escondida dentro, no corazón, [...] é algo precioso ós ollos de Deus” (1 PED. 3:4).
OBXECTIVO
Saber o que poden facer os que son noivos para tomar unha decisión sabia, e como poden apoialos os demais irmáns da congregación.
1, 2. Que opinan algúns sobre ser noivos?
ESTAR saíndo con alguén pode ser moi bonito e emocionante. Se estás nesta situación seguro que queres que todo vaia ben, igual que lles foi a moitas parellas. Tsion, unha irmá de Etiopía, conta: “Unha das épocas máis felices da miña vida foi cando o meu marido e mais eu eramos noivos. Falabamos sobre cousas importantes pero tamén nos riamos moito. Sentinme moi feliz cando me dei conta de que encontrara alguén que me quería e ó que eu tamén quería”.a
2 Por outro lado, Alessio, un irmán dos Países Baixos, di: “Foi moi bonito coñecer a miña muller mentres estabamos saíndo, pero esa época tamén tivo os seus desafíos”. Neste artigo analizaremos cales son algúns deses desafíos e como os principios bíblicos lles poden axudar ás parellas a superalos con éxito. Tamén imos ver como poden outros irmáns da congregación apoiar os que son noivos.
O PROPÓSITO DE ESTAR SAÍNDO CON ALGUÉN
3. Cal é o obxectivo de estar saíndo con alguén? (Proverbios 20:25).
3 Saír con alguén pode ser moi bonito, pero tamén é un paso importante que podería levar ó matrimonio. O día da voda, a parella promete ante Xehová que se amarán e respectarán un ó outro mentres ambos vivan. Antes de facer unha promesa sempre deberiamos analizar o asunto con moito coidado. E por suposto, isto tamén lles aplica ós votos matrimoniais (le Proverbios 20:25). O tempo durante o que son noivos permítelle á parella coñecerse mellor e tomar unha boa decisión. Algunhas veces esa decisión podería ser casar, e outras romper a relación. Que unha parella rompa non significa que a súa relación fose un fracaso. Máis ben, pódese dicir que cumpriu o seu obxectivo: axudarlles a saber se casar era unha boa decisión ou non.
4. Por que deberiamos ter o punto de vista adecuado sobre estar saíndo con alguén?
4 Por que é importante ter o punto de vista correcto sobre o que implica ser noivos? Cando os solteiros teñen un punto de vista adecuado sobre este asunto, non empezan a saír con alguén se non teñen a intención de casar. Pero os solteiros non son os únicos que teñen que ter a perspectiva apropiada. Todos deberiamos recordar o propósito desta etapa. Por exemplo, algúns pensan que se unha parella empeza un noivado, ten que casar. Como lles podería afectar esta actitude ós cristiáns solteiros? Melissa, unha irmá solteira dos Estados Unidos, di: “Isto fai que as parellas de noivos que son testemuñas de Xehová sintan moita presión. Como resultado, algunhas evitan romper a relación aínda que esta non vaia ben. E a outros dálles medo empezar a saír con alguén. Esta presión pode provocar moito estrés”.
COÑECÉDEVOS BEN
5, 6. Que deberías chegar a saber da túa parella mentres sodes noivos? (1 Pedro 3:4).
5 Se es mozo de alguén, que che pode axudar a decidir se casaredes ou non? Coñecervos ben un ó outro. Probablemente xa descubrises algunhas cousas sobre a outra persoa antes de empezar a saír con ela. Pero agora tes a oportunidade de coñecer a súa “personalidade escondida dentro” (le 1 Pedro 3:4). Isto implica coñecer mellor como é a súa maneira de ser, a súa relación con Xehová e a súa forma de pensar. Co tempo, deberías poder responder preguntas como: “Será esta persoa un bo cónxuxe para min? (Prov. 31:26, 27, 30; Ef. 5:33; 1 Tim. 5:8) Podemos satisfacer as necesidades emocionais un do outro? Podo soportar os seus defectos?” (Rom. 3:23).b A medida que vos vaiades coñecendo, recorda: a compatibilidade non depende de canto vos parezades, senón de canto poidades adaptarvos ás vosas diferenzas.
6 Que outras cousas deberías chegar a coñecer da túa parella mentres sodes noivos? Antes de que os sentimentos sexan moi intensos quizais queiras falar de temas importantes, como cales son as súas metas. Pero, que hai de asuntos persoais como por exemplo os problemas de saúde, a situación económica ou os traumas do pasado? Non é necesario falar de todo isto ó principio da relación (compara con Xoán 16:12). Se sentes que aínda é demasiado pronto para responder preguntas deste tipo, faillo saber á outra persoa. Aínda así, co tempo, o teu posible cónxuxe deberá saber esta información para poder tomar unha boa decisión. Así que, nalgún momento terás que abrirlle o teu corazón e falarlle honestamente destes temas.
7. Como se pode chegar a coñecer mellor unha parella de noivos? (Mira tamén o recadro “Relacións a distancia”) (Ver tamén a imaxe).
7 Como podes saber como é realmente a outra persoa? Unha das mellores maneiras é falando aberta e honestamente, facendo preguntas e escoitando con atención (Prov. 20:5; Sant. 1:19). Para iso quizais sexa útil facer actividades que vos dean a oportunidade de conversar, como por exemplo, comer xuntos, pasear por zonas públicas e predicar. Tamén poderedes coñecervos mellor se pasades tempo coa familia e cos amigos. Ademais sería bo que planificásedes actividades nas que poidades ver como se comporta a outra persoa en diferentes circunstancias e con outra xente. Fíxate no que intentou facer Aschwin, dos Países Baixos, cando era noivo de Alicia: “Buscabamos facer cousas que nos axudasen a coñecernos mellor un ó outro. Moitas delas eran simples, como cociñar ou facer recados xuntos. Isto permitíanos ver as cualidades e os defectos da outra persoa”.
Se mentres sodes noivos facedes actividades que vos dean a oportunidade de conversar, será máis fácil que vos cheguedes a coñecer mellor (ver os parágrafos 7 e 8).
8. Que beneficios podería ter para unha parella de noivos estudar xuntos?
8 Outra maneira de coñecervos mellor é estudando temas bíblicos xuntos. Se casades teredes que sacar tempo para a adoración en familia, de maneira que Deus sexa unha parte fundamental do voso matrimonio (Ecl. 4:12). Así que, por que non programades tempo para estudar xuntos xa agora, mentres sodes noivos? Claro, antes de casar, o irmán aínda non é o cabeza de familia da irmá. Pero estudar xuntos regularmente pode axudarvos a ver como é a relación que ten a outra persoa con Xehová. Max e Laysa, unha parella dos Estados Unidos, menciona outro beneficio. El conta: “Ó pouco de empezar a saír, comezamos a estudar publicacións que falan sobre as relacións sentimentais, o matrimonio e a vida de familia. Isto axudounos a ter conversacións sobre temas importantes que doutra forma non sairían de maneira natural”.
OUTROS ASUNTOS QUE HAI QUE TER EN CONTA
9. Que debería ter en conta unha parella de noivos ó decidir a quen contarlle que están saíndo?
9 A quen lle deberías contar que estades saíndo? Iso terédelo que decidir como parella. Ó principio da vosa relación quizais decidades contarllo só a unhas poucas persoas (Prov. 17:27). Facendo isto poderiades evitar moita presión e preguntas innecesarias. Pero tamén é certo que, se non llo contades a ninguén, poderiades acabar illándovos e pasando tempo sós para que os demais non descubran a vosa relación. E iso pode ser moi perigoso. Así que sería prudente informar polo menos a quen vos poida dar bos consellos e axuda práctica (Prov. 15:22). Estes poderían ser algúns membros das vosas familias, amigos maduros ou os anciáns.
10. Que poden facer os noivos para manterse moralmente limpos? (Proverbios 22:3).
10 Como podedes mantervos limpos moralmente mentres sodes noivos? A medida que vaian medrando os vosos sentimentos, é normal que vos sintades máis atraídos un polo outro. Que pode axudarvos a non facer nada que lle desagrade a Xehová? (1 Cor. 6:18) Evitade as conversacións inmorais, estar sós e beber moito alcohol (Ef. 5:3). Estas cousas poderían aumentar os vosos desexos sexuais e facervos máis difícil actuar correctamente. Por que non falades regularmente das medidas que podedes tomar para que isto non vos pase? (le Proverbios 22:3) Fíxate no que lles axudou a Dawit e Almaz, que son de Etiopía. Eles contan: “Pasabamos tempo xuntos en lugares onde había moita xente ou con amigos. Nunca estabamos sós no coche ou na casa. Así evitamos situacións nas que poderiamos vernos tentados a facer algo malo”.
11. Que debería ter en conta unha parella de noivos ó tomar decisións sobre as mostras de cariño?
11 E que hai das mostras de cariño? A medida que a vosa relación avanza e o amor que sentides un polo outro medra, quizais decidades mostrarvos cariño de maneiras apropiadas (Cant. 1:2; 2:6). Pero, se os desexos sexuais chegan a ser moi fortes, serache máis difícil pensar de maneira obxectiva. Isto non che axudará a tomar unha decisión sabia sobre se a outra persoa é a apropiada para ti. Ademais, podería ser fácil perder o control coas mostras de cariño e acabar facendo algo que lle desagrade a Xehová (Prov. 6:27). Así que, dende o inicio da relación, falade dos principios bíblicos que aplican neste asunto e decidide os límites que ides poñer (1 Tes. 4:3-7).c Por exemplo, preguntádevos: “Como vería a xente onde vivimos as mostras de cariño entre noivos? Poderían estas despertar desexos sexuais nalgún dos dous?”.
12. Que debería ter en conta unha parella de noivos en canto ós problemas e desacordos?
12 Como podedes tratar os problemas e desacordos? Que pasa se non estades de acordo en algo de vez en cando? Significa isto que non estades feitos un para o outro? Non necesariamente, xa que tódalas parellas teñen diferenzas. Un bo matrimonio está formado por dúas persoas que se respectan e que están dispostas a adaptarse ás preferencias un do outro. A maneira na que resolvades os problemas agora pode ser un indicativo de se o voso matrimonio irá ben. Por iso preguntádevos: “Somos capaces de falar as cousas de maneira calmada e respectuosa? Estamos dispostos a admitir os nosos erros e a intentar mellorar? Sabemos ceder, pedir perdón e perdoar rapidamente?” (Ef. 4:31, 32). Claro, se xa estades discutindo continuamente mentres sodes noivos é probable que a situación non mellore despois de casar. Se te das conta de que a outra persoa non é a adecuada para ti, poñer fin á vosa relación será o mellor para os dous.d
13. Que lle axudará a unha parella a decidir canto tempo serán noivos?
13 Durante canto tempo deberiades saír? As decisións precipitadas a miúdo traen malas consecuencias (Prov. 21:5). Así que deberiades saír o tempo suficiente para coñecervos ben. Pero tampouco sería bo alongar esa etapa innecesariamente. A Biblia di: “Esperanza aprazada fai adoece-lo corazón” (Prov. 13:12). Ademais, canto máis tempo dure a relación de noivos máis difícil vos será controlar os desexos sexuais (1 Cor. 7:9). En vez de centrarte no tempo que levades saíndo xuntos, pregúntante: “Que me falta por saber da outra persoa para tomar unha decisión?”.
COMO PODEMOS OS DEMAIS APOIAR AS PARELLAS DE NOIVOS?
14. De que formas prácticas podes axudarlle a unha parella de noivos? (Ver tamén a imaxe).
14 Se coñecemos unha parella de noivos, como podemos axudarlle? Quizais invitándoos a comer, á nosa adoración en familia ou facendo plans para pasar tempo libre xuntos (Rom. 12:13). Desa forma poderán coñecerse aínda máis. Pensa en se poderías ofrecerte para acompañalos, ir con eles no coche ou invitalos á túa casa para que non estean sós (Gál. 6:10). Alicia, da que xa falamos antes, recorda as cousas que lles axudaron a Aschwin e a ela. Alicia di: “Alegrábanos moito cando algúns irmáns nos dicían que podiamos ir á súa casa se necesitabamos un lugar onde estar xuntos pero non totalmente sós”. Se unha parella nos pide que os acompañemos, poderiamos velo como un privilexio e unha boa oportunidade de axudarlles ós nosos amigos. Aínda que debemos ter coidado para non deixalos completamente sós, tamén é bo que lles deamos o tempo e o espazo que necesiten para falar en privado (Filip. 2:4).
Se coñeces unha parella de noivos, podes buscar maneiras prácticas de axudarlle (ver os parágrafos 14 e 15).
15. Que máis poden facer os amigos para axudarlle a unha parella de noivos? (Proverbios 12:18).
15 Tamén podemos apoiar as parellas de noivos se temos coidado co que dicimos ou deixamos de dicir. Ás veces necesitaremos ter autocontrol para non dicir nada (le Proverbios 12:18). Por exemplo, quizais esteamos desexando contarlles a outros que unha parella empezou a saír, pero poida que sexan eles mesmos os que queiran dar a noticia. Non deberiamos andar falando por aí deles nin criticalos por asuntos que son de decisión persoal (Prov. 20:19; Rom. 14:10; 1 Tes. 4:11). Tampouco estaría ben facerlles comentarios ou preguntas que insinúen que deberían casar. Unha irmá que se chama Elise e o seu home recordan: “Sentiámonos moi incómodos cando outros nos preguntaban sobre os plans de voda cando nós nin sequera falaramos sobre iso”.
16. Como deberiamos reaccionar se unha parella decide romper?
16 E que pasa se deciden romper a súa relación? Non deberiamos facerlles preguntas persoais nin botarlle a culpa a ningún deles (1 Ped. 4:15). Unha irmá que se chama Lea di: “Souben que outros estiveran facendo suposicións sobre por que un irmán e mais eu deixaramos de ser mozos. Iso doeume moito”. Como dixemos antes, o feito de que unha parella deixe de saír non ten por que significar que fracasasen. Moitas veces a ruptura simplemente se debe a que a relación cumpriu o seu propósito: axudarlles a tomar unha boa decisión. Aínda así, é posible que despois de romper estean tristes e se sintan sós. Así que poderiamos buscar maneiras de apoialos (Prov. 17:17).
17. Que deberían seguir facendo as parellas de noivos?
17 Como vimos, saír con alguén pode ter desafíos, pero tamén pode ser unha época moi feliz. Jessica recorda: “Sendo sincera, non foi fácil. Pero valeu moito a pena todo o tempo e esforzo que dedicamos a coñecernos ben”. Se estás saíndo con alguén, sigue esforzándote por coñecelo ben. Así cumprirás o propósito da vosa relación: axudarvos a tomar unha boa decisión.
CANCIÓN sn 11 Alegrémoslle o corazón a Xehová
a Cambiáronse algúns nomes.
b Para analizar máis preguntas deste tipo, mira o libro Lo que los jóvenes preguntan. Respuestas prácticas, volumen 2, páxinas 39 e 40 (dispoñible en español).
c Acariciar os órganos xenitais doutra persoa é unha forma de inmoralidade sexual que require que os anciáns da congregación formen un comité xudicial. Acariciar os peitos ou ter conversacións inmorais, aínda que sexan por teléfono ou por mensaxe, tamén podería levar a que se formase un comité xudicial.
d Para saber máis, mira o artigo “Preguntas de los lectores” de La Atalaya do 15 de agosto de 1999 (dispoñible en español).