ARTIGO DE ESTUDO 27
CANCIÓN sjj 79 Ensinémoslles a estar firmes na fe
Axúdalle ó teu estudante a tomar a decisión de servir a Xehová
“Estade firmes na fe, [...] sede fortes” (1 COR. 16:13).
OBXECTIVO
Aprender como podemos axudarlles ós estudantes da Biblia a ter a fe e o valor que necesitan para facer cambios e servir a Xehová.
1, 2. a) Por que algúns estudantes da Biblia dubidan se servir a Deus ou non? b) Que veremos neste artigo?
CANDO estabas pensando en facerte testemuña de Xehová, había algo que che preocupase e che fixese dubidar? Quizais tiñas medo de que os teus compañeiros de traballo, amigos ou familiares se enfadasen contigo. Ou pode ser que pensases que sería moi difícil seguir as normas de Deus. Se é así, poderás entender por que a algúns estudantes da Biblia lles é difícil decidir se facerse ou non testemuñas de Xehová.
2 Xesús sabía que eses medos podían ser o que impedise que alguén servise a Xehová (Mat. 13:20-22). Pero non se deu por vencido con aqueles que dubidaban de se seguilo ou non. En vez diso, ensinoulles ós seus discípulos como axudarlles a 1) identificar que lles impedía progresar, 2) amar máis a Xehová, 3) axustar a súas prioridades na vida e 4) superar os desafíos. Como podemos aplicar o que Xesús lles dixo ós seus discípulos ó usar o libro Desfruta da vida para sempre! para axudarlle a un estudante a decidir se servirá a Deus?
AXÚDALLE Ó TEU ESTUDANTE A IDENTIFICAR O QUE LLE IMPIDE PROGRESAR
3. Que lle impedía a Nicodemo facerse discípulo de Xesús?
3 Había algo que lle impedía a Nicodemo, un importante líder dos xudeus, facerse discípulo de Xesús. Tan só seis meses despois de que Xesús empezase o seu ministerio, Nicodemo deuse conta de que Xesús era o Mesías (Xoán 3:1, 2). Aínda así, decidiu ir falar con el en segredo por “medo ós xudeus” (Xoán 7:13; 12:42). Quizais pensou en todo o que podía perder se se facía discípulo seu e entroulle o medo.a
4. Como axudou Xesús a Nicodemo a entender que esperaba Deus del?
4 Nicodemo coñecía a Lei, pero necesitaba axuda para entender que esperaba Xehová del. Como lle axudou Xesús? El estivo disposto a pasar tempo falando con Nicodemo, incluso pola noite. Ademais, díxolle claramente o que tiña que facer para chegar a ser discípulo seu: arrepentirse dos seus pecados, bautizarse en auga e poñer fe no Fillo de Deus (Xoán 3:5, 14-21).
5. Como podes axudar a un estudante da Biblia a recoñecer que é o que lle está impedindo progresar?
5 Aínda que un estudante da Biblia teña bastante coñecemento, pode ser que necesite axuda para recoñecer que é o que lle está impedindo progresar. Por exemplo, é posible que o seu traballo lle quite demasiado tempo ou que a súa familia non queira que sexa testemuña de Xehová. Se ese é o caso, dedica tempo a axudarlle, igual ca Xesús. Poderías invitalo a tomar algo ou a dar un paseo. En momentos coma estes, quizais te conte máis da súa vida e entón entendas mellor os seus problemas. Despois, axúdalle a facer os cambios necesarios, pero recórdalle tamén que debe facelos por alegrar a Xehová e non a ti.
6. Como podes axudar a un estudante a ter o valor necesario para aplicar o que está aprendendo? (1 Corintios 16:13).
6 Se un estudante da Biblia confía plenamente en que Xehová lle axudará a facer o que está ben, conseguirá o valor necesario para aplicar o que está aprendendo (le 1 Corintios 16:13). O teu papel pode compararse ó dun profesor. De tódolos profesores que che deron clases na escola, cal foi o que máis che gustou? Probablemente foi o que che axudou con paciencia a ver o que eras capaz de conseguir. De maneira parecida, un bo mestre da Biblia non só ensina o que Deus quere que fagamos, senón que tamén lle asegura ó estudante que coa axuda de Xehová poderá facer tódolos cambios necesarios. Como podes facer isto?
AXÚDALLE Ó TEU ESTUDANTE A QUERER MÁIS A XEHOVÁ
7. Como axudou Xesús ós que o escoitaban a querer aínda máis a Xehová?
7 Xesús sabía que o amor que os seus discípulos tiñan por Xehová motivaríaos a aplicar o que aprendían. A miúdo ensinoulles cousas que farían que ese amor que tiñan polo seu Pai celestial crecese. Por exemplo, comparou a Xehová cun pai que lles dá cousas boas ós seus fillos (Mat. 7:9-11). Pode ser que algúns dos que o estaban escoitando non tivesen un pai tan cariñoso. Así que imaxínate como se deberon sentir cando Xesús lles contou o relato do pai compasivo que recibiu de volta ó fillo que fixera tantas cousas malas. Desta maneira fíxolles ver canto os amaba Xehová e canto quería axudarlles (Luc. 15:20-24).
8. Como podes axudar a alguén que está estudando a Biblia a querer máis a Xehová?
8 Ti tamén podes axudar a alguén que está estudando a Biblia a querer aínda máis a Xehová destacando as Súas fermosas cualidades. Cada vez que estudedes, axúdalle a relacionar o que está aprendendo co amor de Xehová. Cando faledes sobre o rescate, destaca que Deus non só o fixo porque ama a tódolos humanos, senón tamén porque o ama a el en concreto (Rom. 5:8; 1 Xoán 4:10). Se un estudante entende que Xehová o ama a el persoalmente, sentirase impulsado a querelo cada vez máis (Gál. 2:20).
9. Que motivou a Michael a empezar a servir a Xehová?
9 Vexamos o exemplo dun irmán de Indonesia que se chama Michael. El criouse na verdade pero non chegou a bautizarse. Cando tiña 18 anos, foi traballar de camioneiro a outro país. Máis tarde casou en Indonesia, pero volveu marchar para seguir co seu traballo. Durante ese tempo, a súa muller e a súa filla empezaron a estudar a Biblia e a aplicar o que ían aprendendo. Despois de que morrese súa nai, Michael decidiu volver a casa para coidar do seu pai e tamén aceptou un curso da Biblia. Cando analizaron a sección “Afonda máis” da lección 27 do libro Desfruta da vida para sempre! houbo algo que lle chegou ó corazón. Meditar en como se tivo que sentir Xehová ó ver o seu fillo sufrir, fixo chorar a Michael. Deuse conta de canto o querían Xehová e Xesús e isto motivouno a cambiar a súa vida e a bautizarse.
AXÚDALLE Ó TEU ESTUDANTE A POÑER A XEHOVÁ EN PRIMEIRO LUGAR
10. Como axudou Xesús ós primeiros discípulos a cambiar as súas prioridades? (Lucas 5:5-11) (Ver tamén a imaxe).
10 Os primeiros discípulos recoñeceron rapidamente a Xesús coma o Mesías prometido, pero para eles a predicación aínda non era a súa prioridade. Pedro e Andrés xa levaban tempo sendo os seus discípulos cando Xesús os invitou a seguilo a tempo completo (Mat. 4:18, 19). Eles tiñan un negocio de pesca que ía moi ben xunto con Santiago e Xoán (Mar. 1:16-20). Pero cando Pedro e Andrés “deixaron as redes”, seguro que fixeron plans para que a súa familia tivese o necesario mentres seguían a Xesús. Que os animou a cambiar as súas prioridades? No relato de Lucas lemos que Xesús fixo un milagre que lles deixou claro que Xehová sempre coidaría deles se o poñían en primeiro lugar nas súas vidas (le Lucas 5:5-11).
Que aprendemos da maneira na que Xesús lles axudou ós seus discípulos a axustar as súas prioridades? (Ver o parágrafo 10).b
11. Que podemos facer para fortalecer a fe do noso estudante?
11 Nós non podemos facer milagres coma Xesús, pero podemos compartir experiencias que demostren como Xehová coida dos que o poñen a El en primeiro lugar nas súas vidas. Por exemplo, recordas como che axudou Xehová cando empezaches a ir ás reunións? Quizais tiveches que explicarlle ó teu xefe por que non poderías facer máis horas extra se estas interferían co horario das reunións. Cando compartas estas experiencias co teu estudante, cóntalle como se fortaleceu a túa fe ó ver como Xehová sempre che axudou cando decidiches poñelo a el en primeiro lugar na túa vida.
12. a) Se diriximos un curso da Biblia, por que deberiamos invitar a diferentes irmáns? b) Como podes usar os vídeos de maneira efectiva para axudarlle ó teu estudante? Pon un exemplo.
12 Tamén será moi bo que o teu estudante escoite como outros irmáns fixeron cambios para poñer en primeiro lugar a Xehová. Así que invita ó curso a outros irmáns con diferentes antecedentes e pídelles que expliquen como coñeceron a verdade e que fixeron para que servir a Xehová fose a súa prioridade. Ademais, dedica tempo a ver con el os vídeos das seccións “Afonda máis” e “Investiga” do libro Desfruta da vida para sempre! Por exemplo, cando estudedes a lección 37, poderiades ver o vídeo Xehová cubrirá as nosas necesidades e falar sobre como Deus lle axudará se fai que el sexa a súa prioridade.
AXÚDALLE Ó TEU ESTUDANTE A SUPERAR OS DESAFÍOS
13. Como preparou Xesús os seus discípulos para a oposición?
13 Xesús díxolles en moitas ocasións ós seus seguidores que terían que enfrontarse á oposición, incluso por parte das súas familias (Mat. 5:11; 10:22, 36). Pouco antes de morrer, advertiulles ós seus discípulos que quizais eles tamén terían que enfrontarse á morte por adorar a Xehová (Mat. 24:9; Xoán 15:20; 16:2). Tamén os animou a ter coidado na predicación. Por exemplo, díxolles que non discutisen cos que falasen mal das súas crenzas e que fosen coidadosos co que dicían e facían para poder seguir predicando.
14. Como podemos axudarlle ó noso estudante a prepararse para a oposición? (2 Timoteo 3:12).
14 Podemos axudar a un estudante a prepararse para a oposición se lle explicamos que poderían dicir ou facer algúns dos seus compañeiros de traballo, amigos ou familiares (le 2 Timoteo 3:12). Por exemplo, pode ser que algúns compañeiros se rían do seu novo estilo de vida. E incluso a familia quizais critique as súas crenzas baseadas na Biblia. Canto antes falemos con eles sobre a oposición, mellor preparados estarán para facerlle fronte.
15. Como podes axudarlle ó teu estudante a enfrontarse á oposición da súa familia?
15 Se os familiares do teu estudante se opoñen a que estude a Biblia, podes explicarlle que non é o único. Isto pasoulle incluso a Xesús, pois a algúns dos seus familiares non lles gustaba o que facía (Mar. 3:21; Xoán 7:5). Anímao a preguntarse cal é o motivo do seu enfado. Quizais pensen que o están enganando, ou simplemente teñan prexuízos contra as testemuñas de Xehová. Ensínalle a manter a calma e a falar con amabilidade cos demais, incluídos os seus familiares.
16. Como podes axudarlle ó teu estudante a compartir as súas crenzas con tacto?
16 Incluso se ós familiares lles interesa saber que está aprendendo, é bo que o estudante non lles explique demasiadas cousas á vez. Senón poderían sentirse superados por tanta información e quizais xa non queiran escoitar máis. Así que anímao a que explique as súas crenzas dunha forma sinxela e desta maneira deixar a porta aberta para outras conversacións (Col. 4:6). Pode invitalos a entrar en jw.org e así eles aprenderán máis sobre as testemuñas de Xehová ó seu ritmo.
17. Como podes axudarlle ó teu estudante a responder preguntas sobre as testemuñas de Xehová? (Ver tamén a imaxe).
17 Poderías usar a serie de artigos “Preguntas frecuentes” de jw.org para axudarlle ó estudante a preparar respostas sinxelas a preguntas que quizais lle fagan os seus familiares ou compañeiros de traballo (2 Tim. 2:24, 25). Ó final de cada lección repasade a sección “Hai quen di”, ou “Alguén podería preguntar”, do libro Desfruta da vida para sempre! Anímao a practicar as respostas coas súas propias palabras e non dubides en aconsellalo no que vexas que necesite mellorar. Estas sesións de práctica axudaranlle a defender a súa fe con confianza.
Practica co teu estudante como predicar durante o curso para que despois lle sexa máis fácil (ver os parágrafos 17 e 18).c
18. Como podes animar o teu estudante a facerse publicador non bautizado? (Mateo 10:27).
18 Xesús mandoulles ós seus discípulos que predicasen as boas noticias ás persoas (le Mateo 10:27). Canto antes empece un estudante a compartir a súa fe, antes aprenderá a confiar en Xehová. Como podes axudarlle a conseguilo? Cando se anuncie na congregación unha campaña de predicación, anímao a pensar en como podería cumprir cos requisitos para ser publicador. Explícalle por que lle será máis fácil empezar a predicar nesas campañas. Outra meta que se podería poñer é a de participar nas asignacións das reunións de entre semana. Mentres intente cumprir cos requisitos para alcanzar esa meta, aprenderá a explicar mellor as súas crenzas.
DEMOSTRA QUE CONFÍAS NO TEU ESTUDANTE
19. Como demostrou Xesús que confiaba nos seus discípulos, e como podemos imitalo?
19 Antes de que morrese e marchase de volta ó ceo, Xesús díxolles ós seus discípulos que volverían a estar xuntos. Eles non entenderon que lles estaba dicindo que tamén irían ó ceo. Aínda así, Xesús centrouse na súa lealdade e non nas dúbidas que tiñan (Xoán 14:1-5, 8). Sabía que necesitarían tempo para entender certas cousas, como a súa esperanza de ir ó ceo (Xoán 16:12). Nós tamén podemos demostrarlle ó noso estudante que estamos seguros de que el quere agradarlle a Xehová.
Canto antes empece un estudante a compartir a súa fe, antes aprenderá a confiar en Xehová
20. Como demostrou unha irmá de Malaui que confiaba na súa estudante?
20 Confiemos en que o noso estudante queira facer o que está ben. Fíxate no exemplo de Chifundo, unha irmá de Malaui. Ela empezou un curso bíblico usando o libro Desfruta da vida para sempre! cunha muller católica chamada Alinafe. Cando acabaron de analizar a lección 14, Chifundo preguntoulle que pensaba sobre usar imaxes para adorar a Deus. Alinafe molestouse e díxolle: “Iso é unha decisión persoal!”. Despois disto, a nosa irmá pensou que Alinafe querería deixar de estudar, pero foi paciente e seguiu estudando con ela porque esperaba que co tempo entendese o asunto. Uns meses despois, fíxolle a seguinte pregunta da lección 34: “Como te beneficiou ata agora estudar a Biblia e coñecer a Xehová, o Deus verdadeiro?”. Entón Alinafe mencionou moitos puntos interesantes, e un deles foi que as Testemuñas non facemos nada que a Biblia diga que está mal. Pouco despois, deixou de usar imaxes e bautizouse.
21. Como podemos axudarlle ó noso estudante a tomar a decisión de servir a Xehová?
21 Aínda que Xehová é “quen o fai medrar”, nós podemos axudarlle ó noso estudante a progresar (1 Cor. 3:7). Nós non só lle ensinamos o que Deus quere que faga, senón que tamén lle axudamos a amalo profundamente. Tamén o animamos a demostrar canto o quere poñéndoo a El en primeiro lugar. Ademais, ensinámoslle que pode estar seguro de que Xehová lle axudará cando pase por problemas. Se o noso estudante ve que confiamos nel, sentirase motivado e coas forzas necesarias para servir a Xehová.
CANCIÓN sn 33 “Non lles teñades medo”
a Dous anos e medio despois de falar con Xesús, Nicodemo aínda era membro do tribunal supremo xudeu (Xoán 7:45-52). Algúns historiadores opinan que Nicodemo se fixo discípulo de Xesús despois de que este morrese (Xoán 19:38-40).
b DESCRICIÓN DA IMAXE: Pedro e outros pescadores deixando o seu negocio para seguir a Xesús.
c DESCRICIÓN DA IMAXE: Unha irmá axudando á súa estudante a prepararse para predicar.