Luns 13 de outubro
Xehová ve o corazón (1 Sam. 16:7).
Se ás veces sentimos que non valemos para nada, recordemos que foi Xehová quen nos trouxo a el (Xoán 6:44). El coñece o noso corazón e pode ver as boas cualidades que temos, aínda que quizais nós mesmos non as vexamos (2 Crón. 6:30). Así que o podemos crer cando nos di que somos moi valiosos ós seus ollos (1 Xoán 3:19, 20). Antes de coñecer a verdade, algúns de nós practicamos cousas que quizais aínda nos fan sentir culpables (1 Ped. 4:3). E outros cristiáns fieis quizais teñan que seguir loitando contra malas tendencias. E que hai de ti? Tamén sentes ás veces que non mereces o perdón de Xehová? Se é así, animarate moito saber que houbo outros servos fieis de Deus que loitaron contra sentimentos parecidos. Por exemplo, cando o apóstolo Paulo pensaba nas súas debilidades, desanimábase moito (Rom. 7:24). El arrepentírase dos seus pecados e bautizárase pero, aínda así, dicía que era “o menor dos apóstolos” e “o primeiro” dos pecadores (1 Cor. 15:9; 1 Tim. 1:15). w24.03 páx. 27 pars. 5, 6
Martes 14 de outubro
Abandonaron a casa de Xehová (2 Crón. 24:18).
Unha lección que aprendemos da mala decisión que tomou o rei Ioax é que necesitamos escoller compañías que sexan unha boa influencia para nós, é dicir, que amen a Xehová e que queiran facelo feliz. Podemos escoller como amigos persoas que sexan máis maiores ou máis novas ca nós. Recorda, Ioax era moito máis novo que Iehoiadá. Pensa nas túas amizades e pregúntate: “Axúdanme a fortalecer a miña fe? Esfórzanse por darlle o mellor a Xehová e anímanme a min a facer o mesmo? Falan sobre Deus e das cousas que aprenden na Biblia? Dinme só o que quero escoitar, ou teñen o valor de aconsellarme se me equivoco?” (Prov. 27:5, 6, 17). Sendo sinceros, se os teus amigos non aman a Xehová, esas non son as compañías que necesitas. Pola contra, se tes amigos que si o aman, mantente unido a eles porque será bo para ti (Prov. 13:20). w23.09 páx. 9 pars. 6, 7
Mércores 15 de outubro
Eu son o Alfa e o Omega (Apoc. 1:8).
O alfabeto grego comeza coa letra alfa e conclúe coa letra omega. Ó usar a expresión “o Alfa e o Omega”, Xehová indica que cando empeza algo, lévao a cabo ata que o remata con éxito. Despois de que Xehová crease a Adam e Eva “bendiciunos así: ‘Reproducídevos, crecede, enchede a terra e sometédea’” (Xén. 1:28). Nese momento, Xehová dixo “Alfa” porque deixou claro cal era o seu propósito. El quería que a Terra estivese chea de descendentes perfectos e obedientes de Adam e Eva e que a transformasen nun paraíso. No momento no que se cumpra por completo o seu propósito, será coma se dixese “Omega”. Despois de completar a creación do ceo e da Terra, Xehová mencionou algo que demostra que o seu propósito se cumprirá sen falta. El deunos a garantía de que cando acabe o sétimo día, o seu propósito para a humanidade e para a terra xa estará cumprido por completo (Xén. 2:1-3). w23.11 páx. 5 pars. 13, 14