Martes 14 de outubro
Abandonaron a casa de Xehová (2 Crón. 24:18).
Unha lección que aprendemos da mala decisión que tomou o rei Ioax é que necesitamos escoller compañías que sexan unha boa influencia para nós, é dicir, que amen a Xehová e que queiran facelo feliz. Podemos escoller como amigos persoas que sexan máis maiores ou máis novas ca nós. Recorda, Ioax era moito máis novo que Iehoiadá. Pensa nas túas amizades e pregúntate: “Axúdanme a fortalecer a miña fe? Esfórzanse por darlle o mellor a Xehová e anímanme a min a facer o mesmo? Falan sobre Deus e das cousas que aprenden na Biblia? Dinme só o que quero escoitar, ou teñen o valor de aconsellarme se me equivoco?” (Prov. 27:5, 6, 17). Sendo sinceros, se os teus amigos non aman a Xehová, esas non son as compañías que necesitas. Pola contra, se tes amigos que si o aman, mantente unido a eles porque será bo para ti (Prov. 13:20). w23.09 páx. 9 pars. 6, 7
Mércores 15 de outubro
Eu son o Alfa e o Omega (Apoc. 1:8).
O alfabeto grego comeza coa letra alfa e conclúe coa letra omega. Ó usar a expresión “o Alfa e o Omega”, Xehová indica que cando empeza algo, lévao a cabo ata que o remata con éxito. Despois de que Xehová crease a Adam e Eva “bendiciunos así: ‘Reproducídevos, crecede, enchede a terra e sometédea’” (Xén. 1:28). Nese momento, Xehová dixo “Alfa” porque deixou claro cal era o seu propósito. El quería que a Terra estivese chea de descendentes perfectos e obedientes de Adam e Eva e que a transformasen nun paraíso. No momento no que se cumpra por completo o seu propósito, será coma se dixese “Omega”. Despois de completar a creación do ceo e da Terra, Xehová mencionou algo que demostra que o seu propósito se cumprirá sen falta. El deunos a garantía de que cando acabe o sétimo día, o seu propósito para a humanidade e para a terra xa estará cumprido por completo (Xén. 2:1-3). w23.11 páx. 5 pars. 13, 14
Xoves 16 de outubro
Preparádelle o camiño a Xehová. Endereitádelle na estepa a calzada ó noso Deus (Is. 40:3).
A viaxe desde Babilonia a Israel era perigosa e levaba uns catro meses. Pero Xehová prometeu que quitaría calquera obstáculo que puidese impedir que os xudeus volvesen á súa terra. Para os xudeus fieis, os beneficios de volver a Israel superaban por moito calquera sacrificio que tivesen que facer. Pero a recompensa máis grande tiña que ver coa súa adoración a Xehová. Non había ningún templo de Xehová en Babilonia. Tampouco había un sacerdocio organizado nin un altar para que se puidesen ofrecer os sacrificios que mandaba a Lei mosaica. Ademais, os servos de Xehová estaban rodeados de persoas que adoraban deuses falsos e que non respectaban as normas de Deus. Así que había miles de xudeus fieis que estaban desexando volver á súa terra para poder restaurar a adoración pura. w23.05 páxs. 14-15 pars. 3, 4