Domingo 19 de outubro
Botade alí as redes para pescar (Luc. 5:4).
Xesús aseguroulle ó apóstolo Pedro que Xehová coidaría del. Despois de resucitar, Xesús fixo un milagre no que lles axudou ós seus apóstolos a conseguir outra vez unha gran cantidade de peixe (Xoán 21:4-6). Sen dúbida, isto aseguroulle a Pedro que Xehová podería coidar facilmente das súas necesidades materiais. É posible que nese momento o apóstolo recordase as palabras de Xesús, cando dixera que Xehová coidaría de tódolos que buscan “primeiro o Reino” (Mat. 6:33). Todo isto axudoulle a poñer a predicación en primeiro lugar na súa vida, en vez de centrarse no seu negocio de pesca. De feito, anunciou a verdade con valor no día do Pentecostés do ano 33 n. e., e isto fixo que miles de persoas aceptasen as boas noticias (Feit. 2:14, 37-41). A partir dese momento, Pedro axudou a samaritanos e a xentís a seguir a Cristo (Feit. 8:14-17; 10:44-48). Está claro que Xehová o usou dunha maneira sobresaliente para que toda clase de persoas chegasen a formar parte da congregación. w23.09 páx. 20 par. 1; páx. 22 par. 11
Luns 20 de outubro
Se non me dicíde-lo soño e maila súa interpretación, vós seredes cortados en anacos (Dan. 2:5).
Uns dous anos despois de que os babilonios destruísen Xerusalén, o rei Nabucodonosor de Babilonia tivo un soño que o asustou moito no que viu unha estatua enorme. E ameazou con matar tódolos homes sabios, incluído Daniel, se non lle dicían o que soñara e tamén o seu significado (Dan. 2:3-5). Este fiel servo de Deus tivo que actuar moi rápido para evitar que moita xente morrese. Así que “acudiu onda o rei e suplicoulle que lle concedese un prazo para lle dar a coñece-la interpretación” (Dan. 2:16). Daniel demostrou ser moi valente e ter moita fe. Por que? A Biblia non di que el interpretase ningún soño antes. De feito, o relato di que lles pediu ós seus compañeiros “que implorasen misericordia do Deus do ceo para que lles revelase aquel segredo” (Dan. 2:18). Xehová contestou as súas oracións. Coa súa axuda, Daniel interpretou aquel soño e salvou tanto a súa vida coma a dos seus amigos. w23.08 páx. 2 par. 4
Martes 21 de outubro
Deus salvará a quen aguante ata o fin (Mat. 24:13).
Pensa nos beneficios de ser paciente. Se somos pacientes seremos máis felices e estaremos máis tranquilos, e iso mellorará a nosa saúde mental e física. Tamén fará que nos levemos mellor cos demais e que a nosa congregación estea máis unida. Se non nos enfadamos rapidamente cando alguén nos provoca, contribuiremos a que o problema non vaia a peor (Sal. 37:8; Prov. 14:29). Pero, sobre todo, estaremos imitando o noso Pai celestial e acercándonos aínda máis a el. A paciencia é unha calidade moi atraente e que nos beneficia moito. Aínda que non sempre nos resulta fácil demostrala, coa axuda de Xehová podemos seguir mellorando. E, mentres esperamos con paciencia polo novo mundo, podemos estar seguros de que “os ollos do Señor miran polos seus fieis, polos que esperan na súa misericordia” (Sal. 33:18). Polo tanto, esteamos decididos a seguir demostrando paciencia. w23.08 páx. 22 par. 7; páx. 25 pars. 16, 17