Martes 21 de outubro
Deus salvará a quen aguante ata o fin (Mat. 24:13).
Pensa nos beneficios de ser paciente. Se somos pacientes seremos máis felices e estaremos máis tranquilos, e iso mellorará a nosa saúde mental e física. Tamén fará que nos levemos mellor cos demais e que a nosa congregación estea máis unida. Se non nos enfadamos rapidamente cando alguén nos provoca, contribuiremos a que o problema non vaia a peor (Sal. 37:8; Prov. 14:29). Pero, sobre todo, estaremos imitando o noso Pai celestial e acercándonos aínda máis a el. A paciencia é unha calidade moi atraente e que nos beneficia moito. Aínda que non sempre nos resulta fácil demostrala, coa axuda de Xehová podemos seguir mellorando. E, mentres esperamos con paciencia polo novo mundo, podemos estar seguros de que “os ollos do Señor miran polos seus fieis, polos que esperan na súa misericordia” (Sal. 33:18). Polo tanto, esteamos decididos a seguir demostrando paciencia. w23.08 páx. 22 par. 7; páx. 25 pars. 16, 17
Mércores 22 de outubro
Pois o mesmiño pasa coa fe: se non ten feitos, leva a morte no seu cerne (Sant. 2:17).
Santiago indicou que poida que un home diga que ten fe, pero que demostran as súas obras? (Sant. 2:1-5, 9) Tamén falou dunha persoa que ve que un irmán necesita roupa e comida pero non lle axuda. Aínda que esa persoa diga que ten fe, non o demostra con feitos, polo tanto esa fe é inútil (Sant. 2:14-16). Santiago mencionou a Rahab como un exemplo de alguén que demostra cos seus actos a fe que ten (Sant. 2:25, 26). Ela escoitara falar de Xehová e dérase conta de que os israelitas tiñan o seu apoio (Xos. 2:9-11). Demostrou a súa fe con obras, xa que protexeu a dous espías israelitas cando estaban en perigo. Como resultado, esta muller imperfecta que ademais non era israelita foi declarada xusta, igual que fora Abrahán. O seu exemplo destaca a importancia de que a nosa fe quede demostrada polas nosas accións. w23.12 páx. 5 pars. 12, 13
Xoves 23 de outubro
Estade ben arraigados e establecidos no fundamento (Ef. 3:17).
Os cristiáns non nos contentamos con ter un coñecemento superficial da Biblia. Coa axuda do espírito santo de Xehová, desexamos entender “mesmo as profundidades de Deus” (1 Cor. 2:9, 10). Por que non empezas un proxecto de estudo persoal que te acerque máis a Xehová? Por exemplo, poderías investigar sobre como lles mostrou amor ós seus servos no pasado e como iso demostra que tamén te ama a ti. Ou podes estudar sobre como quería Xehová que o adorasen os israelitas e comparalo con como nos pide que o fagamos os cristiáns hoxe en día. Outra idea sería estudar a fondo as profecías que cumpriu Xesús ó longo da súa vida e do seu ministerio na Terra. Tamén sacarás moito proveito doutros temas que aparecen no Índice de las publicaciones Watch Tower (dispoñible en español) ou na Guía de estudo para as testemuñas de Xehová. Ter un estudo profundo da Biblia fortalecerá a túa fe e axudarache a atopar o “coñecemento de Deus” (Prov. 2:4, 5). w23.10 páxs. 18-19 pars. 3-5