BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w25 outubro páxs. 18-23
  • Como mellorar as nosas oracións

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Como mellorar as nosas oracións
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • ÓRALLE A XEHOVÁ CON CONFIANZA
  • COMO FACER ORACIÓNS MÁIS SIGNIFICATIVAS
  • MEDITA NAS ORACIÓNS SINCERAS REXISTRADAS NA BIBLIA
  • SIGUE ACERCÁNDOTE A XEHOVÁ EN ORACIÓN
  • Non te esquezas de orar por outros
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Acheguémonos a Xehová mediante a oración
    Que ensina realmente a Biblia?
  • Achégate a Deus mediante a oración
    Desfruta da vida para sempre! Curso da Biblia interactivo
  • Melloremos a calidade das nosas oracións
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2023
Ver máis
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
w25 outubro páxs. 18-23

ARTIGO DE ESTUDO 42

CANCIÓN sjj 44 A oración do desconsolado

Como mellorar as nosas oracións

“Chámote de todo corazón; respóndeme, Señor” (SAL. 119:145).

OBXECTIVO

Meditar nas oracións rexistradas na Biblia para mellorar as nosas propias.

1, 2. a) Que pode evitar que nos abramos a Xehová? b) Como sabemos que Xehová escoita con atención as nosas oracións?

SENTES ás veces que as túas oracións se volveron unha rutina ou que agora son repetitivas ou superficiais? Se é así, non es o único. Como estamos todos tan ocupados, ás veces pode ser que só fagamos oracións curtiñas. Ou tamén é posible que nos custe abrirnos a Xehová porque sentimos que non merecemos dirixirnos a el.

2 A Biblia asegúranos que a Xehová non lle importa o ben que nos expresemos nas nosas oracións, senón que llas fagamos con humildade desde o noso corazón. El escoita “o rogo dos mansos” e lle presta moita atención a cada unha das nosas palabras porque se interesa de verdade por nós (Sal. 10:17, TNM; 139:1-3).

3. Que preguntas analizaremos neste artigo?

3 Quizais nos preguntemos: Por que podemos orarlle con liberdade a Xehová? Como podemos facer que as nosas oracións sexan máis significativas? Como pode axudarnos a mellorar as nosas oracións meditar nas que aparecen na Biblia? E que podemos facer se estamos tan preocupados que non sabemos como expresarlle os nosos sentimentos a Xehová? Vexamos as respostas a estas preguntas.

ÓRALLE A XEHOVÁ CON CONFIANZA

4. Que pode axudarnos a orarlle a Xehová con confianza? (Salmo 119:145).

4 Cando entendemos que Xehová é un amigo leal que quere o mellor para nós, dámonos conta de que podemos orarlle con liberdade e confianza. O escritor do Salmo 119 intentaba ter unha relación así de boa con el. Pero na súa vida non faltaban problemas: ás veces se desanimaba polos erros que cometera e algunhas persoas contaron mentiras crueis sobre el (Sal. 119:5, 23, 69, 78). Aínda así, non lle daba medo abrirlle o seu corazón a Xehová (le Salmo 119:145).

5. Por que non deberiamos permitir que os sentimentos negativos nos impidan orar? Pon un exemplo.

5 Xehová quere que lle oremos incluso se cometemos un pecado grave (Is. 55:6, 7). Así que non debemos deixar que os sentimentos negativos nos impidan falar con el. Pensa nisto: un piloto de avión sabe que pode comunicarse cos controladores aéreos se necesita axuda. Debería dubidar en facelo pola vergonza que sente por perderse ou por cometer un erro? Pois claro que non! Da mesma maneira, incluso se ás veces nos sentimos perdidos ou cometemos un pecado, podemos orarlle a Xehová con confianza (Sal. 119:25, 176).

COMO FACER ORACIÓNS MÁIS SIGNIFICATIVAS

6, 7. Como pode axudarnos a facer as nosas oracións máis significativas meditar nas cualidades de Xehová? Pon un exemplo. (Ver tamén a nota).

6 Cando nos abrimos a Xehová e lle contamos o que realmente sentimos e pensamos, as nosas oracións vólvense máis significativas. Entón, que podemos facer para orar así?

7 Medita nas cualidades de Xehová.a Canto máis medites nas súas cualidades, máis fácil che será expresarlle os teus sentimentos e pensamentos con liberdade (Sal. 145:8, 9, 18). Fíxate no exemplo de Kristine, unha irmá que tiña un pai violento. Ela conta: “Non era fácil para min falarlle a Xehová coma un pai. Tamén cría que non era suficientemente boa para el e que deixaría de quererme polos meus erros”. Que lle axudou? Ela segue dicindo: “O amor leal de Xehová faime sentir segura. Sei que non soltará a miña man e, incluso se caio, el vaime levantar con agarimo. Isto axúdame a falarlle das cousas que me fan feliz, pero tamén das que me poñen triste”.

8, 9. Cales son algúns beneficios de pensar no que queremos dicir antes de orar? Pon un exemplo.

8 Pensa no que vas dicir. Antes de orar, podes facerte algunhas preguntas, como por exemplo: “Cales son exactamente os problemas que teño agora mesmo? Necesito perdoar a alguén? Teño algunha nova dificultade coa que necesito a axuda de Xehová?” (2 Reis 19:15-19). Ademais, recorda como nos ensinou Xesús a orar e pensa no que lle podes dicir a Xehová en oración sobre o seu nome, o seu Reino e a súa vontade (Mat. 6:9, 10).

9 Cando unha irmá chamada Aliska soubo que seu home tiña cáncer cerebral en fase terminal, facíaselle difícil orar. Ela recorda: “Estaba tan angustiada que non era capaz de pensar coa claridade suficiente como para facer unha oración”. Que lle axudou? Aliska explica: “Antes de orar penso no que lle vou dicir a Xehová para non falarlle só de min mesma e da enfermidade do meu marido. Isto axúdame a estar máis calmada e con máis ánimo para orarlle”.

10. Por que deberiamos intentar tomarnos o noso tempo para orar? (Ver tamén as imaxes).

10 Tómate o teu tempo para orar. Aínda que as oracións curtas poden ser significativas, é máis probable que expresemos mellor como nos sentimos cando nos tomamos o noso tempo para orar.b Elijah, o marido de Aliska, conta: “Intento facerlle oracións a Xehová moitas veces durante o día, pero cando empecei a facelas máis longas sentinme aínda máis cerca del. El non está esperando impacientemente a que acabe a miña oración, así que podo tomarme o meu tempo”. Intenta isto: encontra un momento e un lugar que che permitan orar sen distraccións e onde poidas facer unha oración longa, incluso en voz alta. Despois fai disto un costume.

Serie de imaxes: 1. Antes do amencer, un irmán medita mentres está sentado no seu escritorio coa Biblia aberta e unha cunca de café. 2. Despois do amencer, segue sentado mentres se toma o seu tempo para orar.

Encontra un momento e un lugar que che permitan orar todo o tempo que necesites (ver o parágrafo 10).


MEDITA NAS ORACIÓNS SINCERAS REXISTRADAS NA BIBLIA

11. Como nos axuda meditar en oracións de servos de Xehová en tempos bíblicos? (Mira tamén o recadro “Sénteste igual ca eles?”).

11 Pode resultarche de axuda meditar no que dixeron servos de Xehová de tempos bíblicos nas súas oracións e cancións de louvanza. Cando vexas como expresaron os seus pensamentos máis profundos, sentiraste motivado a abrirlle o teu corazón a Xehová. Ademais, quizais descubras novas expresións que podes usar nas túas oracións. E pode ser que encontres oracións nas que servos de Xehová demostraron ter os mesmos sentimentos e pediron as mesmas cousas ca ti.

Sénteste igual ca eles?

Houbo servos fieis de Deus que lle abriron o seu corazón en circunstancias moi diferentes. Algunha vez te sentiches coma eles?

  • Cando Xacob estaba moi asustado, non só lle falou a Xehová dos seus medos senón tamén do agradecido que lle estaba e canto confiaba nel (Xén. 32:9-12).

  • Cando o rei Salomón sentía que aínda era moi novo e inexperto como para cumprir coa tarefa que Deus lle dera, pediulle a súa axuda (1 Reis 3:7-9).

  • Despois de pecar con Batxeba, David suplicoulle a Xehová que lle dese “un corazón puro” (Sal. 51:11-14 [51:9-12, TNM]).

  • Cando Xehová lle deu a María unha responsabilidade especial, ela louvouno (Luc. 1:46-49).

Proxecto de estudo: Analiza o contido da oración dun servo de Xehová de tempos bíblicos. Despois investiga como lle respondeu Deus e pon en práctica calquera lección que aprendeses.

12. Que preguntas podemos facernos cando lemos unha oración na Biblia?

12 Cando leas unha oración na Biblia, pregúntate: “Quen está falando e en que circunstancias? Síntome identificado co que di? Que leccións podo aprender?”. Quizais necesites investigar máis para responder estas preguntas, pero vale a pena o esforzo. Vexamos algúns exemplos.

13. Que aprendemos sobre a oración co exemplo de Ana? (1 Samuel 1:10, 11). (Mira tamén a imaxe).

13 Le 1 Samuel 1:10, 11. Cando Ana fixo esta oración estábase enfrontando a dous problemas importantes: era estéril e a outra muller do seu marido facía que a súa vida fose horrible (1 Sam. 1:4-7). Se ti tamén tes un problema que non deixa de facerche a vida difícil, que podes aprender da oración de Ana? Despois de tomarse o seu tempo para contarlle a Xehová as súas preocupacións, sentiuse moito mellor (1 Sam. 1:12, 18). Nós tamén nos sentiremos mellor se botamos a nosa “carga sobre Xehová”, é dicir, se lle contamos as nosas preocupacións e como nos fan sentir (Sal. 55:22, TNM).

Serie de imaxes: 1. Ana mirando cara a outro lado con tristeza mentres Elcanah xoga con dous dos seus fillos. 2. Peninah sorrí mentres abraza o seu bebé que acaba de nacer. 3. Ana chorando mentres ora con intensidade. 4. O Sumo Sacerdote Elí sentado cos brazos cruzados xulgando coa mirada a Ana.

Ana contoulle a Xehová o triste que estaba por non poder ter fillos e os problemas constantes que tiña na casa (ver o parágrafo 13).


14. a) Que máis aprendemos do exemplo de Ana? b) Como podemos mellorar as nosas oracións ó meditar nas Escrituras? (Mira a nota).

14 Uns poucos anos despois de que nacese seu fillo Samuel, Ana levoullo ó sumo sacerdote Elí (1 Sam. 1:24-28). Nunha oración que fixo de corazón, ela dixo o segura que estaba de que Xehová protexe e se preocupa polos seus servos leais (1 Sam. 2:1, 8, 9).c Os seus problemas na casa quizais non desaparecesen, pero Ana centrouse en como Xehová a bendicira. Cal é a lección para nós? Poderemos enfrontarnos mellor ás dificultades se nos centramos en como Xehová nos apoiou ata agora.

15. Que podemos aprender da oración do profeta Xeremías? (Xeremías 12:1).

15 Le Xeremías 12:1. En certo momento, Xeremías desanimouse ó ver como había persoas que facían cousas moi malas e aínda así tiñan unha vida feliz. Tamén lle afectou a maneira na que o trataron outros israelitas (Xer. 20:7, 8). Podemos sentirnos identificados con el ó ver como lles vai ben na vida ás persoas que fan cousas malas ou cando se burlan de nós. Aínda que Xeremías expresou a súa frustración, nunca cuestionou a xustiza de Deus. Ver como Xehová disciplinaba ó seu pobo rebelde debeu fortalecer a confianza que tiña na súa xustiza (Xer. 32:19). Nós tamén podemos expresarlle en oración a Xehová as cousas que nos frustran, confiando en que el corrixirá no momento apropiado calquera inxustiza que esteamos sufrindo.

16. Que aprendemos da oración dun levita exiliado? (Salmo 42:2-5 [42:1-4, TNM]). (Mira tamén as imaxes).

16 Le Salmo 42:2-5 (42:1-4, TNM). Esta canción escribiuna un levita exiliado que non podía servir no templo con outros israelitas. O seu salmo transmite como se sentía. Quizais podemos sentirnos coma el se non podemos saír da nosa casa, por exemplo por unha enfermidade, ou se estamos encarcerados pola nosa fe. Ás veces podemos sentirnos ben e outras podemos sentirnos tristes. Pero sen importar cales sexan os nosos sentimentos, é bo que lle falemos a Xehová sobre eles. Isto pode axudarnos a analizar os nosos pensamentos e ver as cousas con perspectiva. Por exemplo, o levita deuse conta de que tería novas oportunidades de louvar a Deus (Sal. 42:6 [42:5, TNM]). Tamén meditou en como Xehová estaba coidando del (Sal. 42:9 [42:8, TNM]). Orarlle con sinceridade a Deus pode axudarnos a analizar os nosos sentimentos, recuperar o equilibrio e conseguir as forzas necesarias para aguantar.

Serie de imaxes: 1. Un levita orando con intensidade no medio da natureza. 2. Un irmán nunha cama dun hospital orando coa Biblia aberta no seu colo.

O levita que escribiu o Salmo 42 abriulle o seu corazón a Deus. Cando expresamos como nos sentimos nas nosas oracións, podemos ver as cousas con perspectiva (ver o parágrafo 16).


17. a) Que podemos aprender da oración do profeta Xonás? (Xonás 2:2, 3 [2:1, 2, TNM]) b) Como poden axudarnos algunhas ideas dos Salmos cando pasamos por dificultades? (Mira a nota).

17 Le Xonás 2:2, 3 (2:1, 2, TNM). O profeta Xonás fixo esta oración desde o interior dun gran peixe. Aínda que desobedecera a Xehová, estaba seguro de que el o escoitaría. Na súa oración, o profeta usou moitas expresións que encontramos nos Salmos.d Probablemente coñecía ben estas pasaxes. Así que recordalas e meditar nelas aseguroulle que Xehová lle axudaría. De maneira parecida, se intentamos memorizar algúns versículos da Biblia, poderemos recordalos e farannos sentir mellor cando lle oremos a Xehová en momentos difíciles.

SIGUE ACERCÁNDOTE A XEHOVÁ EN ORACIÓN

18, 19. Se ás veces nos custa expresar con palabras o que sentimos nas nosas oracións, que nos asegura Romanos 8:26, 27? Pon un exemplo.

18 Le Romanos 8:26, 27. Ás veces podemos estar tan preocupados que non sabemos expresar con palabras como nos sentimos. Pero nestes casos temos quen nos axude, pois o espírito santo de Deus suplica por nós. En que sentido? Mediante o seu espírito, Xehová fixo que se rexistrasen moitas oracións na súa Palabra. Cando non sexamos capaces de expresar claramente os nosos pensamentos, Xehová quizais acepte algunhas ideas expresadas nesas oracións coma se as dixésemos nós, e pode ser que as responda.

19 Isto axudou moito a unha irmá rusa chamada Yelena. Ela foi arrestada por orar e ler a Biblia, e isto fixo que estivese tan estresada que lle custaba seguir orando. Ela conta: “Entón recordei que cando me sinto superada e xa non sei que dicirlle a Xehová en oración, para el as oracións de servos seus do pasado [...] son coma se as fixese eu. [...] Isto axudoume moito durante esta época extremadamente difícil”.

20. Como podemos preparar a nosa mente para orar cando esteamos estresados?

20 Cando estamos estresados, pódesenos facer difícil concentrarnos mentres oramos. Para preparar a nosa mente podemos escoitar as gravacións en audio dos Salmos. Tamén podemos intentar escribir como nos sentimos, igual que fixo o rei David (Sal. 18:1 [18, encabezamento, TNM]; 34:1 [34, encabezamento, TNM]; 142:1 [142, encabezamento, TNM]). Por suposto, non hai normas establecidas sobre como debemos prepararnos para orar (Sal. 141:2). Fai o que vexas que te funciona mellor a ti.

21. Por que podemos orar con todo o noso corazón?

21 Chéganos ó corazón ver que Xehová comprende os nosos sentimentos antes de que digamos nada (Sal. 139:4). Aínda así, encántalle que lle digamos como nos sentimos e canto confiamos nel. Así que non dubides en orarlle ó teu Pai celestial. Aprende das oracións rexistradas na súa Palabra. Óralle con todo o teu corazón. E comparte con el o que che fai feliz e o que che pon triste. Como el é o teu Amigo verdadeiro, sempre estará aí para ti!

QUE RESPONDERÍAS?

  • Que pode axudarche a abrirlle o teu corazón a Xehová cando oras?

  • Que podes poñer en práctica para que as túas oracións sexan máis significativas?

  • Como che pode axudar meditar nalgunhas oracións sinceras que aparecen na Biblia?

CANCIÓN sjj 45 O sentir do meu corazón

a Analiza o subtema “Algunhas cualidades impresionantes de Xehová” que aparece en Textos bíblicos para a nosa vida baixo o tema “Xehová”.

b En xeral, as oracións que se fan en público en nome da congregación son bastante curtas.

c Na súa oración, Ana usou expresións similares ás que aparecen nos escritos de Moisés. Está claro que ela dedicaba tempo a meditar nas Escrituras (Deut. 4:35; 8:18; 32:4, 39; 1 Sam. 2:2, 6, 7). Séculos despois, María, a nai de Xesús, utilizou palabras parecidas ás que usou Ana (Luc. 1:46-55).

d Por exemplo, compara Xonás 2:4-10 (2:3-9, TNM) co Salmo 69:2 (69:1, TNM); 16:10; 30:4 (30:3, TNM); 142:3, 4 (142:2, 3, TNM); 143:4, 5; 18:7 (18:6, TNM); e 3:9 (3:8, TNM). Está é a orde que usou Xonás na súa oración.

    Publicacións en galego (1993-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir