BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w25 decembro páxs. 20-25
  • Como planificar unha voda que honre a Xehová

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Como planificar unha voda que honre a Xehová
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • POR QUE HONRAR A XEHOVÁ?
  • COMO PODEDES HONRAR A XEHOVÁ?
  • COMO EVITAR E SUPERAR OS RETOS
  • Como son as vodas das testemuñas de Xehová?
    Preguntas frecuentes sobre as testemuñas de Xehová
  • Que ter en conta ó planificar unha voda
    Vida e actividades cristiás. Caderno de estudo (2019)
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
w25 decembro páxs. 20-25

ARTIGO DE ESTUDO 51

CANCIÓN sjj 132 Xa somos un

Como planificar unha voda que honre a Xehová

“Facédeo todo de maneira apropiada e ordenada” (1 COR. 14:40).

OBXECTIVO

Ver como as parellas cristiás poden honrar a Xehová na súa voda.

1, 2. Que espera Xehová da vosa voda?

ESTADES comprometidos para casar? Se é así, felicidades! Posiblemente esteades moi ocupados planeando a vosa voda. Para Xehová tamén é moi importante. El quere que desfrutedes dese díaa e que teñades unha bonita vida xuntos (Prov. 5:18; Cant. 3:11).

2 É moi importante que a vosa voda lle dea honra a Xehová. Por que? E como podedes conseguilo? Aínda que este artigo se centra principalmente nas parellas que están preparando a súa voda, os principios que analizaremos poden axudarnos a todos a honrar a Xehová se imos a unha voda ou se os noivos nos piden a nosa opinión sobre os plans que están facendo para ela.

POR QUE HONRAR A XEHOVÁ?

3. Que debería ter en conta unha parella cando planifica a súa voda, e por que?

3 As parellas que estean planificando unha voda cristiá deben facelo seguindo os principios que Xehová nos deixou na súa Palabra. Por que? Porque é o Creador do matrimonio. El organizou a primeira voda da historia, a de Adán e Eva (Xén. 1:28; 2:24). Polo tanto, a maneira de pensar de Deus debe ser o máis importante para quen prepara un día tan especial coma este.

4. Que motivo teñen as parellas para honrar a Xehová o día da súa voda?

4 Hai unha razón moi importante pola que tedes que ter en conta a maneira de pensar de Xehová o día da vosa voda: el é o voso Pai celestial e o voso mellor amigo (Heb. 12:9). Seguro que queredes que iso siga sendo así e que non pase nada ese día, ou calquera outro día, que poida ferilo (Sal. 25:14). Se pensades en todo o que Xehová fixo e fará por vós, non credes que merece que o honredes na vosa voda? (Sal. 116:12).

COMO PODEDES HONRAR A XEHOVÁ?

5. Como pode axudarlles a Biblia ás parellas a planificar a súa voda?

5 A Biblia non dá unha lista de normas sobre as vodas cristiás, tanto da cerimonia coma do banquete. Así que as parellas poden organizar a súa voda segundo as súas circunstancias, cultura ou gustos persoais. Os cristiáns verdadeiros tamén deben respectar os requisitos legais do goberno para o matrimonio (Mat. 22:21). Sen importar o que a parella decida sobre a súa voda, se a organizan seguindo os principios da Biblia honrarán a Xehová e farano feliz. Así que, que principios deberiades ter en conta?

6. Por que é importante que as parellas cumpran cos requisitos legais para casar?

6 Cumpride cos requisitos legais (Rom. 13:1, 2). Na maioría dos países, as parellas teñen que cumprir con certos requisitos legais antes de casar. Os noivos deben informarse para saber cales hai onde viven. Se non sabedes como facelo, podedes pedirlles axuda ós anciáns.b

7. Cal é o ambiente apropiado para unha voda?

7 Creade o ambiente apropiado (1 Cor. 10:31, 32). Esforzádevos porque na vosa voda se reflicta o froito do espírito de Deus en vez do espírito do mundo (Gál. 5:19-26). Como o noivo será o cabeza da nova familia, ten a responsabilidade de asegurarse de que a voda sexa un acontecemento feliz e digno. Como pode conseguilo? Un discurso de voda baseado na Biblia, presentado de maneira respectuosa e amorosa, axuda a entender a quen o escoita que o matrimonio é un regalo de Xehová. Tamén axudará a que os que asistan á voda comprendan a importancia e seriedade que ten. Por esta mesma razón, a maioría das parellas cristiás deciden facer a cerimonia nun Salón do Reino, se é posible. Se vos gustaría usar un Salón do Reino, debedes enviar unha petición por escrito ó corpo de anciáns o antes posible.

8. Se tedes un banquete na vosa voda, como podedes asegurarvos de que honre a Xehová? (Romanos 13:13).

8 Le Romanos 13:13. Se decidides ter un banquete, como podedes evitar que reflicta o espírito do mundo? A palabra grega traducida como “festas descontroladas” refírese a xuntanzas onde a xente bebía alcohol de máis e onde a música duraba ata ben entrada a noite (mira a nota de estudo “fiestas descontroladas” en Romanos 13:13, nwtsty-S). Se decidides poñer alcohol na vosa voda, pensade con antelación no que podedes facer para asegurarvos de que ninguén beba de máis.c Se hai música, asegurádevos de que non estea tan alta como para que os invitados teñan que falar entre eles berrando. Revisade con coidado o tipo de música e as letras para que ninguén se sinta ofendido.

9. Que debería ter en conta unha parella sobre o entretemento no seu banquete?

9 Dirá alguén unhas breves palabras, poñerase unha presentación, un vídeo ou haberá outro tipo de entretemento no voso banquete? Estas cousas poden darlle un toque especial ó día. Aínda así, asegurádevos de que o que se comparta sexa positivo (Filip. 4:8). Preguntádevos: “Será respectuoso cos demais? Mostrará respecto polo matrimonio?”. E sobre todo pensade: “Daralle honra a Xehová?”. Aínda que pode estar ben algo de humor, ninguén debería dicir nada que non sexa apropiado, como facer referencias sexuais (Ef. 5:3). Se algún familiar ou amigo vai dicir unhas palabras, asegurádevos de que saiba que tipo de cousas non queredes que inclúa.

10. Por que debería unha parella ser modesta ó planificar a súa voda? (1 Xoán 2:15-17).

10 Sede modestos (le 1 Xoán 2:15-17). Xehová valora cando os seus adoradores se esforzan por honralo a el en vez de por atraer demasiada atención cara a eles mesmos. Así que os cristiáns modestos evitarán ostentar e gastar unha cantidade excesiva de diñeiro. Cales son algúns beneficios de facer unha voda sinxela en vez de extravagante? Fíxate no exemplo de Mike, un irmán de Noruega. El di: “Non nos endebedamos e puidemos seguir servindo como pioneiros. A nosa voda foi sinxela pero preciosa, nunca a esqueceremos”. Tabitha, unha irmá da India, conta: “Evitamos moito estrés. Ó facela sinxela, tiñamos menos que planear e menos sobre o que discutir”.

Serie de imaxes: Irmáns e irmás desfrutando de vodas arredor do mundo. 1. Unha noiva e un noivo sentados ante un irmán que lles está dando o seu discurso de voda nun Salón do Reino. 2. Unha parella felicitando a unha noiva e un noivo nun banquete ó aire libre. 3. Unha noiva e un noivo collendo comida xunto cos invitados. 4. Unha noiva e un noivo escoitando a un irmán que lles está dando o seu discurso de voda ó aire libre.

Independentemente de onde vivamos, as vodas cristiás poden ser modestas, bonitas e memorables (ver os parágrafos 10 e 11).


11. Como poden os noivos mostrar modestia coa súa vestimenta e aspecto? (Ver tamén as imaxes).

11 Xa decidistes que vos ides poñer? Seguro que queredes ir o mellor posible. Incluso en tempos bíblicos, os noivos pensaban con coidado na súa vestimenta e aspecto (Is. 61:10). Está claro que o que levaredes á vosa voda será un pouco diferente ó que vos poñedes noutras ocasións, pero non debería ser menos modesto (1 Tim. 2:9). Non deixedes que a roupa ou calquera outra cousa material se converta no máis importante da vosa voda (1 Ped. 3:3, 4).

12. Por que debería unha parella asegurarse de non incluír na súa voda calquera costume común na súa zona que non estea de acordo coa Biblia?

12 Rexeitade os costumes que non estean de acordo coa Biblia (Apoc. 18:4). No mundo actual, as vodas a miúdo teñen costumes que están relacionados coa relixión falsa, co espiritismo e coa superstición. Xehová advírtenos claramente de manternos lonxe destas cousas impuras (2 Cor. 6:14-17). Se hai algúns costumes ou tradicións na vosa zona das que non estades seguros de se Xehová as acepta, investigade sobre elas para encontrar información e principios bíblicos que vos poidan axudar a tomar unha boa decisión sobre que incluír na vosa voda.

13. Como poden os noivos imitar o punto de vista que ten Xehová sobre recibir regalos?

13 É común na vosa zona que os invitados lles dean un regalo ós noivos? O tipo de regalo que algúns invitados dean pode depender de cantos cartos teñan. Por suposto, ós cristiáns anímasenos a dar, e somos felices ó facelo (Prov. 11:25; Feit. 20:35). Aínda así, non queremos que os nosos invitados se sintan obrigados a darnos algo nin queremos que pensen que non apreciaremos un regalo que non sexa caro. Imitamos a Xehová ó esforzarnos por ver coma el os regalos, deixando que os demais dean segundo o que poidan e que o fagan de corazón (2 Cor. 9:7).

COMO EVITAR E SUPERAR OS RETOS

14. A que retos poden enfrontarse os noivos?

14 Pode que vos encontredes con retos ó intentar planificar a vosa voda dunha maneira que lle dea honra a Xehová. Por exemplo, quizais se vos faga difícil planificar unha voda sinxela. Charlie, das Illas Salomón, di: “É moi difícil decidir a quen invitar ó banquete. Temos moitos amigos e na nosa cultura todo o mundo espera ser invitado!”. Tabitha, de quen xa falamos antes, conta: “Onde vivo, o normal é ter un banquete moi grande. Ós nosos pais levoulles tempo aceptar a nosa decisión de invitar só a unhas 100 persoas”. Sarah, da India, comenta: “Hai xente que lle dá moito valor ó status social. Os meus primos tiveron unha voda moi cara, así que eu sentín a presión de ter unha aínda máis luxosa”. Que vos pode axudar a superar estes e outros problemas?

15. Por que deberiades orar a miúdo sobre os plans para a voda?

15 Orade a miúdo sobre os vosos plans para a voda. Podedes contarlle a Xehová en oración calquera problema que teñades ou como vos sentides (Filip. 4:6, 7 e a nota de estudo “en cualquier situación”, nwtsty-S). Podedes pedirlle que vos axude a tomar boas decisións, a manter a calma cando vos sintades estresados e a ser valentes se o que decidides é diferente do que outros esperaban (1 Ped. 5:7). A vosa confianza en Xehová crecerá cando vexades como responde as vosas oracións. Tabitha, citada antes, di: “O meu prometido mais eu estabamos preocupados por non poñernos de acordo entre nós e coa nosa familia. Así que cada vez que tiñamos que falar dos plans da voda, empezabamos cunha oración. Sentimos de verdade a axuda de Xehová e desfrutamos dun ambiente pacífico”.

16, 17. Como pode axudar a boa comunicación cando se planea unha voda?

16 Comunicádevos de maneira clara e con tacto (Prov. 15:22). Como parella, teredes que tomar moitas decisións sobre a vosa voda. Isto inclúe escoller a data, o presuposto, a lista de invitados e moitas outras cousas. Antes de tomar unha decisión, repasade xuntos as opcións e analizade os principios bíblicos que aplican e calquera consello que vos dean irmáns maduros e de experiencia. Cando faledes das vosas preferencias, sede amables, razoables e adaptables. Se algúns familiares cos que tedes máis relación, coma os vosos pais, teñen algunhas peticións razoables, intentade facer o que vos piden. Esta é unha ocasión especial para eles tamén. Se non podedes facelo, explicádelles as vosas razóns con tacto (Col. 4:6). Deixádelles claro ós vosos familiares que o voso obxectivo principal é ter unha voda feliz que honre a Xehová.

17 Explicarlles as vosas decisións ós vosos pais pode ser especialmente difícil se non están na verdade, pero podedes conseguilo. Santhosh, un irmán da India, conta: “As nosas familias querían que incluísemos varios rituais hindús. [...] Á miña prometida e a min levounos moito tempo explicarlles as nosas decisións. Estivemos de acordo en facer o que eles querían cando sentiamos que podiamos facelo sen desagradarlle a Xehová. Por exemplo, cambiamos o menú do banquete para poñer algo que lles gustase e non se cantou nin se bailou porque non estaban acostumados a iso”.

18. Que vos axudará a asegurarvos de que todo saia ben o día da voda? (1 Corintios 14:40). (Ver tamén a imaxe).

18 Planificade todo ben. Se sodes ben organizados, probablemente estaredes menos estresados o día da vosa voda (le 1 Corintios 14:40). Wayne, de Taiwán, di: “Uns poucos días antes da voda, tivemos unha pequena reunión con aqueles que se ofreceran a axudarnos. Falamos do que se faría no día e practicamos algunhas partes da voda para asegurarnos de que todo saíse ben”. Para mostrarlles respecto ós vosos invitados, facede todo o que poidades por cumprir co horario.

Unha parella de prometidos falando sobre os preparativos da voda xunto con algúns amigos que lles van axudar. O irmán sostendo unha tableta para mostrarlles o plan de repartición das mesas no banquete.

Podedes asegurarvos de que as cousas saian ben cunha boa planificación antes da voda (ver o parágrafo 18).


19. Que pode axudarvos a manter o control do que suceda durante o banquete?

19 Evitaredes moitos problemas se pensades no que pode pasar durante a voda e en que facer neses casos (Prov. 22:3). Por exemplo, se na vosa zona é común que apareza no banquete xente que non estaba invitada, pensade en que podedes facer para que iso non pase. Asegurádevos de que tódolos familiares que non sexan testemuñas saiban que poden esperar, e explicádelles o voso punto de vista sobre algúns costumes das vodas. Poderiades compartir con eles o artigo de jw.org “Como son as vodas das testemuñas de Xehová?”. Para poder controlar mellor o que pase, pensade en ter un irmán maduro como “director do banquete” (Xoán 2:8). Se lle comunicades os plans da voda, el poderá axudarvos a que sexa digna e a que todo vaia segundo o que tiñades planeado.

20. Que debería recordar unha parella sobre a súa voda?

20 Pode que vos sintades un pouco estresados cando pensedes en todo o que tedes que planificar. Aínda así, recordade que a voda é só un día. É o comezo dunha marabillosa vida servindo xuntos a Xehová. Facede o que poidades para que sexa unha voda sinxela e digna. Confiade en Xehová porque coa súa guía conseguiredes organizar unha voda que recordaredes con cariño e alegría e sen nada do que arrepentirvos (Sal. 37:3, 4).

QUE RESPONDERÍAS?

  • Porque deberían as parellas honrar a Xehová o día da súa voda?

  • Como pode unha parella asegurarse de que a súa voda sexa divertida e digna?

  • Que beneficios ten para unha parella facer unha voda sinxela?

CANCIÓN sjj 107 Imitemos o amor de Xehová

a IDEA IMPORTANTE: En moitas culturas, nas vodas hai unha cerimonia onde a parella intercambia os seus votos ante Deus, e é posible que despois haxa un banquete ou convite. Nos lugares onde isto non é común, é importante que aínda así a parella respecte os principios bíblicos nese día.

b Para máis información sobre como os cristiáns ven os requisitos legais para casar, mira o artigo “Bodas honorables a la vista de Dios y los hombres” da revista La Atalaya do 15 de outubro de 2006.

c Mira o vídeo Debería poñer alcohol? en jw.org.

    Publicacións en galego (1993-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir