Primeira Carta de Pedro
5 Eu, que tamén son ancián e testemuña dos sufrimentos do Cristo, e que tamén recibirei a gloria que será revelada, suplícolles* ós anciáns que hai entre vós: 2 pastoreade o rabaño de Deus que tedes ó voso coidado, servindo como superintendentes*, pero non o fagades por obrigación, senón de boa gana diante de Deus. Ademais, non o fagades porque queredes conseguir ganancias deshonestas, senón de todo corazón. 3 Tampouco o fagades actuando coma se fósedes amos dos que son a herdanza de Deus, senón chegando a ser exemplos para o rabaño. 4 E cando o pastor principal apareza, vós recibiredes a gloriosa recompensa* que non se bota a perder.
5 Da mesma maneira, vós, os homes máis novos, respectade a autoridade dos* homes máis vellos*. Pero todos vós vestídevos de humildade ó tratar uns cos outros, porque Deus ponse en contra dos arrogantes pero móstralles bondade inmerecida ós humildes.
6 Polo tanto, humilládevos baixo a poderosa man de Deus, para que el vos engrandeza cando sexa o momento, 7 mentres botades sobre el tódalas vosas inquietudes*, porque el preocúpase por vós. 8 Mantede o bo xuízo e estade alerta*! O voso inimigo, o Demo*, anda arredor de vós coma un león que ruxe, intentando devorar a alguén*. 9 Pero poñédevos en contra do Demo, firmes na fe, sabendo que tódolos irmáns* arredor do mundo están pasando polos mesmos sufrimentos ca vós. 10 Agora ben, despois de que sufrades durante un pouco de tempo, o Deus de toda bondade inmerecida, que vos chamou á súa gloria eterna porque estades unidos a Cristo, terminará a vosa preparación*. El faravos firmes, el faravos fortes, el poñeravos sobre un fundamento sólido. 11 Que del sexa o poder para sempre. Amén.
12 Por medio de Silvano*, a quen considero un irmán fiel, escribinvos esta pequena carta para animarvos e para asegurarvos que esta é a verdadeira bondade inmerecida de Deus. Mantédevos firmes nela. 13 Mándavos saúdos a que está en Babilonia (que foi escollida coma vós) e tamén Marcos, o meu fillo. 14 Saudádevos uns ós outros con cariño*.
Que todos vós, que sodes discípulos de Cristo, teñades paz.