Segunda Carta ós Corintios
4 Por iso, como temos este ministerio pola misericordia que se nos mostrou, non nos rendemos. 2 En vez diso, xa renunciamos ás cousas vergonzosas que se fan ás escondidas e non actuamos con astucia* nin manipulamos* a palabra de Deus. Todo o contrario, damos a coñecer a verdade e así recomendámonos diante de Deus como un bo exemplo para tódalas conciencias humanas. 3 Se as boas noticias que anunciamos están tapadas cun veo, están ocultas para os que van camiño á destrución, 4 para os que non son crentes. A eles o deus deste sistema* cegoulles a mente para que non brille sobre eles a luz das gloriosas boas noticias acerca do Cristo, que é a imaxe de Deus. 5 Porque non predicamos sobre nós, senón que predicamos que Xesucristo é Señor e que nós somos os vosos escravos debido a Xesús. 6 Porque Deus é quen dixo: “Que a luz brille no medio da escuridade”. E el brillou sobre os nosos corazóns para iluminalos co glorioso coñecemento de Deus por medio do rostro de Cristo.
7 Pero temos este tesouro en recipientes de barro, para que o poder que vai máis alá do normal veña de Deus e non de nós. 8 Sufrimos presión de tódalas maneiras posibles, pero non ata o punto de non poder movernos. Estamos desconcertados, pero non sen saída*. 9 Somos perseguidos, pero non se nos deixa abandonados. Derríbasenos, pero non se nos destrúe. 10 Aguantamos constantemente estar expostos igual ca Xesús ó perigo de morrer, para que a nosa vida sexa coma a del*. 11 Porque na nosa vida enfrontámonos constantemente cara a cara coa morte por ser seguidores de Xesús, para que a nosa vida sexa coma a del*. 12 Así que, aínda que temos que enfrontarnos á morte, facémolo para que vós teñades vida*.
13 Agora ben, nós temos a mesma fe* sobre a que se escribiu: “Tiven fe e por iso falei”. Polo tanto, nós tamén temos fe e por iso falamos. 14 Porque sabemos que quen resucitou* a Xesús tamén nos vai resucitar* a nós para estar con Xesús e levarnos ante el* xunto con vós. 15 Todo isto é para o voso ben, para que a abundante bondade inmerecida aumente aínda máis, porque hai moitas máis persoas dando grazas para a gloria de Deus.
16 Así que non nos rendemos. Aínda que a persoa que somos por fóra se vai desgastando, non hai dúbida de que a persoa que somos por dentro se vai renovando cada día. 17 Porque aínda que as dificultades* son momentáneas e pequenas, producen en nós unha gloria dunha grandeza* cada vez máis extraordinaria, unha gloria eterna. 18 Mentres tanto, mantemos a vista fixa nas cousas que non se ven, e non nas cousas que se ven. Porque as cousas que se ven son temporais, pero as que non se ven son eternas.