BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w25 novembro páxs. 16-21
  • Xesús é o noso Sumo Sacerdote compasivo

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Xesús é o noso Sumo Sacerdote compasivo
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • O QUERIDO FILLO DE DEUS VÉN Á TERRA
  • XESÚS MOSTROU COMPAIXÓN POLAS PERSOAS
  • IMITANDO O NOSO SUMO SACERDOTE HOXE EN DÍA
  • O NOSO SUMO SACERDOTE PODE AXUDARCHE
  • Que nos ensina o rescate?
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Que aprendemos dos últimos 40 días que Xesús estivo na Terra?
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Sexamos humildes e aceptemos que hai cousas que non sabemos
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Xehová cura “os corazóns quebrados”
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
Ver máis
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
w25 novembro páxs. 16-21

ARTIGO DE ESTUDO 46

CANCIÓN sn 84 “Pois quero”

Xesús é o noso Sumo Sacerdote compasivo

“Non temos un sumo sacerdote que non se poida compadecer das nosas debilidades” (HEB. 4:15).

OBXECTIVO

Ver como a empatía e a compaixón de Xesús convérteno no mellor Sumo Sacerdote e como nos axuda hoxe.

1, 2. a) Por que enviou Xehová o seu Fillo á terra? b) Que veremos neste artigo? (Hebreos 5:7-9).

HAI UNS 2000 anos Xehová Deus enviou ó seu Fillo máis querido á terra. Por que? Un dos motivos foi liberar os humanos do pecado e da morte e eliminar tódolos problemas que causou Satanás (Xoán 3:16; 1 Xoán 3:8). Xehová tamén sabía que a vida como humano prepararía máis a Xesús para converterse nun Sumo Sacerdote que demostrase empatía e compaixón. Xesús empezou a cumprir esa función despois do seu bautismo no 29 n. e.a

2 Neste artigo veremos como lle axudou a Xesús vivir como humano para chegar a ser un Sumo Sacerdote compasivo. Canto mellor comprendamos como foi perfeccionado Xesús para esa función, máis fácil nos será estar cerca de Xehová e orarlle, sobre todo se estamos desanimados por culpa dos nosos pecados ou debilidades (le Hebreos 5:7-9).

O QUERIDO FILLO DE DEUS VÉN Á TERRA

3, 4. Que cambios importantes viviu Xesús cando veu á terra?

3 Moitos tivemos que vivir algunha vez un cambio na nosa vida, como o de mudarse lonxe do noso querido fogar e deixar atrás familiares e amigos. É moi difícil facer cambios coma eses, pero ningún humano tivo que facer nada comparado co que fixo Xesús. No ceo, el foi o primeiro anxo e o máis importante, contaba co amor de Xehová e sempre estaba moi feliz porque traballaba directamente con el (Sal. 16:11; Prov. 8:30). Aínda así, Filipenses 2:7 di que el “deixou todo o que tiña” no ceo voluntariamente para vivir entre seres humanos imperfectos na terra.

4 Pensemos tamén nos primeiros anos da vida de Xesús na terra. El naceu nunha familia pobre. Sabémolo porque seus pais só podían ofrecer dous paxaros pequenos como sacrificio no templo despois de que el nacese (Lev. 12:8; Luc. 2:24). Cando o malvado rei Herodes soubo do seu nacemento, intentou matalo. Para salvar a vida de Xesús, a súa familia refuxiouse en Exipto por un tempo (Mat. 2:13, 15). Que cambio tan grande respecto á vida que tiña no ceo!

5. Que viu Xesús na terra, e como o preparou isto para o seu papel como Sumo Sacerdote? (Ver tamén a imaxe).

5 Mentres estivo na terra, Xesús viu cantas persoas sufrían ó seu arredor. Sen dúbida, tamén soubo o que é perder a seres queridos na morte, como parece ser o caso de seu pai adoptivo, Xosé. Durante o seu ministerio tamén estivo con persoas con lepra, que eran cegas, que estaba paralíticas e con pais que perderan os seus fillos na morte, e sentiu moita compaixón por eles (Mat. 9:2, 6; 15:30; 20:34; Mar. 1:40, 41; Luc. 7:13). É certo que Xesús xa vira a xente sufrir cando estaba no ceo, pero agora, como un home na terra, podía ver o sufrimento das persoas cunha nova perspectiva (Is. 53:4). O que Xesús viviu na terra permitiulle comprender os sentimentos, as frustracións e a dor que sofre a humanidade. E coma o resto dos humanos, tamén se sentiu cansado, angustiado e triste.

Xesús rodeado dun grupo de persoas que lle piden que os cure. Acercándose de maneira compasiva, el colle os brazos dun home maior enfermo.

A Xesús preocupábanlle moito os sentimentos e sufrimentos dos que tiña ó seu arredor (ver o parágrafo 5).


XESÚS MOSTROU COMPAIXÓN POLAS PERSOAS

6. Que nos ensinan as comparacións do profeta Isaías sobre a empatía e a compaixón que ten Xesús? (Isaías 42:3, TNM).

6 Durante o seu ministerio, Xesús demostrou moita empatía cos débiles e cos que eran tratados mal por outros. Ó facelo, estaba cumprindo unha profecía. Nas Escrituras Hebreas, ós ricos e fortes ás veces compáraselles cun campo ben regado ou cunha árbore alta e forte (Sal. 92:13 [92:12, TNM]; Is. 61:3; Xer. 31:12). Pero ós indefensos e ós que son tratados de maneira inxusta compáraselles cunha cana quebrada e cunha mecha dunha lámpada que apenas arde (le Isaías 42:3, TNM; Mat. 12:20). Baixo inspiración, o profeta Isaías usou estas comparacións para ilustrar o amor e a compaixón que Xesús lle mostra á xente que é desprezada por outros.

7, 8. Como cumpriu Xesús a profecía de Isaías?

7 Mateo, un dos escritores dos Evanxeos, mostrou que Xesús cumpriu a profecía de Isaías cando escribiu: “Non romperá a cana que está partida nin apagará a mecha que apenas arde”. Algúns dos milagres que fixo Xesús beneficiaron a aqueles que eran tratados mal por outros e que non tiñan ningunha esperanza de que a súa vida fose a mellor. Entre eles había un home que estaba cheo de lepra. Que esperanza tería el de ser curado e de volver a desfrutar de estar coa súa familia e amigos? (Luc. 5:12, 13). Tamén había un home xordo que ademais non era capaz de falar ben. Pensa en como se sentiría ó ver a outros tendo unha conversación animada que el non era capaz de seguir (Mar. 7:32, 33). Pero iso non era todo.

8 Nos días de Xesús, moitos xudeus crían que os que estaban enfermos ou tiñan unha discapacidade estaban sendo castigados polos seus pecados ou polos dos seus pais (Xoán 9:2). Por culpa desta crenza errónea, a miúdo tratábanos mal e seguro que se sentían moi desanimados. Pero, cumprindo a profecía de Isaías, Xesús curounos fisicamente e reavivou a súa esperanza en Deus. De que nos fai estar seguros isto?

9. Como destaca Hebreos 4:15, 16 que o noso Sumo Sacerdote celestial é realmente compasivo cos seres humanos imperfectos?

9 Le Hebreos 4:15, 16. Podemos estar seguros de que Xesús sempre sentirá compaixón por nós. Que significa isto? A unha persoa compasiva conmóvenlle o sufrimento e as emocións doutra persoa. A palabra grega traducida como “compadecer” significa sentir as experiencias e emocións doutra persoa (mira tamén Hebreos 10:34, onde Paulo usa o mesmo verbo grego). Os relatos dos milagres de Xesús demostran canto lle afectaba ver sufrir a outros. El non curaba as persoas simplemente porque pensase que debía facelo, senón porque se preocupaba por elas e quería axudarlles. Por exemplo, cando curou o home con lepra, puido telo curado milagrosamente desde lonxe pero, en vez diso, quixo tocalo. Quizais foi a primeira vez despois de moitos anos que aquela persoa sentía que alguén o tocaba! Ademais, foi considerado co home xordo e levouno lonxe do ruído da xente para curalo en privado. E cando un fariseo estaba menosprezando a muller arrepentida que lavou os pés de Xesús coas súas lágrimas e que llos secou co pelo, Xesús defendeuna con firmeza (Mat. 8:3; Mar. 7:33; Luc. 7:44). El non evitou os enfermos nin os que cometeran pecados graves. Todo o contrario, invitounos a ir onda el e demostroulles o seu amor. Podemos estar seguros de que será igual de compasivo con nós.

IMITANDO O NOSO SUMO SACERDOTE HOXE EN DÍA

10. Que cousas temos hoxe para axudar ás persoas xordas e ás cegas? (Ver tamén as imaxes).

10 Como fieis seguidores de Xesús, esforzámonos por imitar o seu amor e compaixón polos demais (1 Ped. 2:21; 3:8). Aínda que non podemos curar as persoas xordas ou cegas, si que lles podemos axudar espiritualmente. Por exemplo, agora están dispoñibles publicacións bíblicas en máis de 100 linguaxes de signos diferentes. Tamén están en braille en máis de 60 idiomas, e hai audiodescricións para os nosos vídeos en máis de 100 idiomas. Estas axudas permiten que as persoas xordas e cegas poidan achegarse a Xehová e ó seu Fillo.

Serie de imaxes: 1. Irmáns e irmás cantando en linguaxe de signos unha canción do Reino nunha reunión. 2. Unha irmá cega le a Biblia en braille.

As nosas publicacións baseadas na Biblia están dispoñibles en máis de 1000 idiomas (ver os parágrafos 10 e 11).

Esquerda: Máis de 100 linguaxes de signos

Dereita: Máis de 60 idiomas en braille

(ver o parágrafo 10).


11. Como demostra a organización de Xehová a mesma compaixón que tivo Xesús por todo tipo de persoas? (Feitos 2:5-7, 33). (Ver tamén as imaxes).

11 A organización de Xehová esfórzase moito por axudar a todo tipo de persoas. Recordemos que despois da súa resurrección, Xesús derramou espírito santo para que tódolos que estaban na Festa de Pentecostés puidesen escoitar as boas noticias cada un “no seu propio idioma” (le Feitos 2:5-7, 33). Seguindo a súa guía, a organización prepara publicacións baseadas na Biblia en máis de 1000 idiomas, algúns dos cales só falan unhas poucas persoas. Por exemplo, algunhas linguas amerindias teñen relativamente poucos falantes en América do Norte e do Sur. Aínda así, hai publicacións dispoñibles en máis de 160 destes idiomas para que o maior número de persoas posible poida coñecer as boas noticias. As nosas publicacións tamén están dispoñibles en máis de 20 idiomas romanís. Miles de persoas que falan estes idiomas responderon á verdade.

Serie de imaxes: 1. Unha irmá amerindia sorrindo mentres ten ben cerca dela unha Biblia no seu idioma. 2. Unha irmá romaní e a súa filla desfrutando dun evento teocrático.

Esquerda: Máis de 160 idiomas amerindios

Dereita: Máis de 20 idiomas romanís

(ver o parágrafo 11).


12. Que máis fai a organización de Xehová polas persoas hoxe en día?

12 Ademais de esforzarse para que as persoas coñezan as boas noticias, a organización de Xehová tamén axuda ás vítimas de desastres naturais. É por iso que miles de voluntarios se fan dispoñibles para axudar ós irmáns que o necesitan. A organización tamén se encarga de que teñan lugares de reunión sinxelos para que poidan xuntarse para aprender máis sobre canto os quere Deus.

O NOSO SUMO SACERDOTE PODE AXUDARCHE

13. De que maneiras nos axuda Xesús?

13 Como Xesús é o noso pastor excelente, asegúrase de que teñamos todo o que necesitemos para manternos cerca de Xehová (Xoán 10:14; Ef. 4:7). Ás veces, as circunstancias da vida poden facernos sentir coma unha cana quebrada ou coma unha mecha que apenas arde. Poida que nos desanimemos por culpa dunha enfermidade grave, por algo que fixemos mal ou porque tivemos unha discusión con alguén da congregación. É posible que nos sexa difícil pensar na esperanza que temos para o futuro e que só nos centremos nos nosos problemas e nas cousas polas que sufrimos agora. Pero recorda que Xesús ve polo que estás pasando e comprende os teus sentimentos máis profundos. Como sente compaixón por ti, quere axudarche. Por exemplo, pode usar o espírito santo para darche forzas cando sintas que xa non podes máis (Xoán 16:7; Tito 3:6). Ademais, Xesús tamén pode usar “homes como regalos” e a outros irmáns para animarte, apoiarte e axudarche (Ef. 4:8).

14. Que podemos facer cando nos sintamos desanimados?

14 Se sentes que a túa chama é moi débil ou que o teu espírito está quebrado, medita no papel de Xesús coma o noso Sumo Sacerdote. Recorda que Xehová non só o mandou á terra para dar a súa vida como rescate, senón tamén para axudarlle a comprender mellor os problemas ós que nos enfrontamos os humanos imperfectos. Cando nos desanimemos polos nosos pecados ou debilidades, Xesús estará listo e disposto a axudarnos “xusto no momento” necesario (Heb. 4:15, 16).

15. Que lle axudou a un irmán a volver á congregación?

15 Xesús tamén guía o seu pobo para que lles axuden a volver ós que se afastaron de Xehová (Mat. 18:12, 13). Vexamos a experiencia de Stéfano.b Despois de 12 anos de ser sacado da congregación, decidiu ir a unha reunión. El dixo: “Non foi fácil para min, pero quería servir a Xehová de novo cos meus irmáns e irmás. [...] Os anciáns que se reuniron comigo fixéronme sentir benvido. Ás veces, sentíame moi triste por ter deixado a Xehová e quería tirar a toalla, pero os anciáns recordáronme que Xehová e Xesús non querían que me rendese. Cando me readmitiron, toda a congregación nos deu a benvida con moito cariño a min e á miña familia. Co tempo, a miña muller aceptou un curso da Biblia e hoxe servimos xuntos a Xehová”. Que feliz se ten que sentir o noso amoroso Sumo Sacerdote cando ve que todos na congregación axudan a que os arrepentidos volvan!

16. Por que agradeces ter un Sumo Sacerdote tan compasivo?

16 Durante a súa vida na terra, Xesús axudou a moitas persoas xusto cando o necesitaban. Hoxe podemos estar completamente seguros de que el tamén nos vai axudar cando o necesitemos. E pronto, no novo mundo, axudaranos a ter unha vida completamente libre do pecado e da imperfección. Que agradecidos lle estamos ó noso Deus Xehová por querernos tanto e darnos o seu Fillo como o noso Sumo Sacerdote compasivo!

QUE RESPONDERÍAS?

  • Como lle axudou a Xesús vivir como humano a converterse no mellor Sumo Sacerdote?

  • Como cumpriu Xesús a profecía de Isaías 42:3 (TNM)?

  • Como nos axuda hoxe o noso Sumo Sacerdote?

CANCIÓN sjj 13 Cristo é o noso exemplo

a Para saber máis sobre como o papel de Xesús como Sumo Sacerdote substituíu á figura do sumo sacerdote xudeu, mira o artigo “Valora o privilexio de adorar a Xehová no seu templo espiritual” da revista A Atalaia de outubro de 2023, páxina 26, parágrafos 7 ó 9.

b Cambiouse este nome.

    Publicacións en galego (1993-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir