ARTIGO DE ESTUDO 45
CANCIÓN sjj 111 Os motivos da miña ledicia
Como manter a alegría mentres coidas dos teus seres queridos
“Os que entre bágoas sementan, entre cantares recollen” (SAL. 126:5).
OBXECTIVO
Ver algúns consellos que lle poden axudar a manter a alegría a quen coida dalgún amigo ou familiar que está enfermo ou que é maior.
1, 2. Que sente Xehová polos que coidan de alguén? (Proverbios 19:17, TNM). (Ver tamén as imaxes).
UN IRMÁN de Corea chamado Jin-yeol di: “A miña muller mais eu levamos casados máis de 32 anos. [...] Levo coidando dela os últimos 5 anos xa que ten párkinson e apenas pode moverse. Quéroa moito e gústame coidala. Cada noite durmimos dándonos a man, ela na súa cama adaptada e eu na miña ó seu lado”.
2 Tes que coidar de alguén a quen queres como o teu pai, a túa parella, o teu fillo ou un amigo? Se é así, seguro que che fai feliz axudarlle porque o queres. E ó facelo tamén demostras canto amas a Xehová (1 Tim. 5:4, 8; Sant. 1:27). Pero non sempre é fácil coidar de alguén. A miúdo enfróntaste a problemas que pasan desapercibidos para os demais. Ás veces pode que sintas que ninguén se dá conta de que estás sufrindo. Quizais sorrís cando estás con outros, pero non podes deixar de chorar cando estás só (Sal. 6:7 [6:6, TNM]). Aínda que os demais non saiban como te sentes, Xehová sempre o saberá e o comprenderá (compara con Éxodo 3:7). El está ó tanto de tódalas cousas que non podes facer por estar coidando do teu ser querido, de todo o que te esforzas e de cando choras, e quérete moitísimo (Sal. 56:9 [56:8, TNM]; 126:5). Xehová considera que está en débeda contigo e promete que te recompensará (le Proverbios 19:17, TNM).
Coidas de alguén a quen queres? (Ver o parágrafo 2).
3. A que dificultades tiveron que facerlles fronte Abrahán e Sara para coidar de Térah?
3 Na Biblia fálase de homes e mulleres que coidaron doutros. Pensa no exemplo de Abrahán e Sara. Cando marcharon de Ur, Térah, seu pai, viaxou con eles uns 960 quilómetros ata Harán aínda que xa tiña arredor de 200 anos (Xén. 11:31, 32). Sen dúbida, Abrahán e Sara querían moito a Térah, pero imaxina o difícil que tivo que ser coidar del, sobre todo mentres viaxaban. Probablemente o facían en camelos e burros, algo que tiña que ser moi difícil para Térah pola súa idade. É moi posible que ás veces Abrahán e Sara se sentisen moi cansados, pero seguro que Xehová lles deu as forzas que necesitaban. Da mesma forma que o fixo con eles, Deus darache a axuda que necesitas para seguir coidando do teu ser querido (Sal. 55:23 [55:22, TNM]).
4. Que veremos neste artigo?
4 Serache máis fácil coidar de alguén se te mantés alegre (Prov. 15:13). Unha persoa alegre pode seguir sendo feliz sen importar cales sexan as súas circunstancias (Sant. 1:2, 3). Como podes conseguilo? Unha maneira é que sigas pedíndolle a Xehová que che axude a encontrar motivos para ter unha actitude positiva. Neste artigo falaremos desta e doutras cousas que podes facer para manter a alegría e tamén sobre como che poden axudar outros. Pero primeiro imos analizar por que é importante que manteñas a túa alegría mentres coidas de alguén e por que pode ser difícil.
POR QUE PODE SER DIFÍCIL MANTER A ALEGRÍA
5. Por que necesitan manter a alegría as persoas que coidan de alguén?
5 Se quen coida doutros perde a alegría, será moi probable que perda as forzas (Prov. 24:10). E se está cansado, é posible que sexa menos amable coa persoa da que coida do que lle gustaría. Que problemas poden facer que os coidadores perdan a alegría?
6. Por que pode ser moi esgotador coidar de alguén?
6 Coidar de alguén pode ser moi esgotador. Unha irmá chamada Leah conta: “Coidar de alguén cansa emocionalmente, incluso nun día bo. Ó final do día a miúdo sinto que non me quedan forzas. Ás veces non teño nin o ánimo suficiente para responder unha mensaxe”. Para outros é difícil durmir o suficiente ou tomarse un descanso aínda que o necesiten moito. Unha irmá chamada Inés di: “Non durmo ben. Moitas noites levántome cada dúas horas para atender á miña sogra. E o meu marido mais eu levamos anos sen coller unhas vacacións”. Algúns non poden nin sequera pasar tempo cos amigos ou facer certas cousas no seu servizo a Xehová porque teñen que coidar do seu ser querido todo o día. Por iso, quizais se sintan sós e atrapados na súa situación.
7. Por que pode sentir culpa ou que se lle parte o corazón quen coida de alguén?
7 Coidar de alguén pode facerte sentir moi culpable ou partirche o corazón. Unha irmá chamada Jéssica conta: “Moitas veces penso que debería facer máis por meu pai e sinto que son unha egoísta se me tomo un descanso”. A algúns preocúpalles non estar facendo o suficiente. Quizais ás veces sintan que xa non poden máis. Ou pode ser que digan ou fagan algo pouco amable porque están cansados. Todo isto pode facer que se sintan moi mal (Sant. 3:2). A algúns párteselles o corazón ó ver como se vai apagando esa persoa tan activa e saudable que unha vez coñeceron. Unha irmá chamada Bárbara conta: “Un dos retos máis grandes para min é ver como a persoa que tanto quero se vai deteriorando pouco a pouco cada día”.
8. Conta unha experiencia de canto poden significar unhas palabras de agradecemento para alguén que coida doutra persoa.
8 Coidar de alguén pode facerte sentir menosprezado. Por que? Porque seguramente poucas veces che dean as grazas polo teu duro traballo e sacrificios. Pero cando alguén si que o fai, anímate moito (1 Tes. 5:18). Unha irmá chamada Melissa di: “Ás veces choro de frustración, pero cando as persoas das que coido me din: ‘Graciñas por todo o que fas por min’, síntome moi feliz! Comentarios coma eses axúdanme a levantarme ó día seguinte lista e con ganas de seguir coidando deles”. Un irmán chamado Ahmadu e a súa muller coidan dunha sobriña que vive con eles e que sofre ataques epilépticos. El explica como se sente cando a súa sobriña lles mostra agradecemento: “Aínda que non entenda tódolos sacrificios que facemos por coidala, fainos moi felices cando nolo agradece ou cando intenta escribir a palabra: ‘Quérovos’”.
COMO MANTER A ALEGRÍA
9. Como alguén que coida dunha persoa pode ser modesto?
9 Sé modesto (Prov. 11:2). Todos temos unha cantidade limitada de tempo e enerxías, así que terás que poñer límites ó que podes facer e ás veces terás que dicir que non. E iso está ben, porque estarás sendo modesto! Por outro lado, se outros se ofrecen a axudarche, sé agradecido e acepta a súa axuda. Un irmán chamado Jay di: “Só podemos facer cada día ata onde nos cheguen o tempo e as enerxías. Non pasar dese límite axúdanos a ser felices”.
10. Cando coidas de alguén, que é importante que comprendas? (Proverbios 19:11).
10 Usa discernimento (le Proverbios 19:11). Quen usa discernimento intenta comprender por que unha persoa actúa de certa maneira. Se o fas, poderás manter a calma cando che diga ou faga algo pouco amable. Algunhas enfermidades provocan que as persoas fagan cousas que normalmente non farían (Ecl. 7:7). Por exemplo, unha persoa que antes falaba e actuaba con amabilidade agora pode comezar a discutir por todo, ser esixente, crítico ou caprichoso. Se coidas de alguén que ten unha enfermidade grave, quizais che axude aprender máis sobre o que lle pasa. Comprender mellor a súa enfermidade axudarache a ver que ese é o motivo polo que fai cousas pouco amables e non porque queira ser así (Prov. 14:29).
11. Para que é importante que aparten tempo cada día as persoas que coidan doutros? (Salmo 132:4, 5).
11 Dedica tempo a fortalecer a túa amizade con Xehová. Ás veces terás que deixar a un lado algunhas actividades para coidar das “cousas máis importantes” (Filip. 1:10). Por exemplo, necesitas tempo para facer máis forte a túa relación con Xehová. David era un rei moi ocupado, pero a súa adoración a Deus era o máis importante na súa vida (le Salmo 132:4, 5). Do mesmo xeito, tes que apartar tempo cada día para ler a Biblia e para orar, aínda que teñas moito que facer. Unha irmá chamada Elisha di: “Cando lle oro a Xehová, leo os salmos e medito nestas palabras tan animadoras síntome en calma e feliz. A oración é o meu salvavidas. Durante o día pídolle a Xehová moitas veces que me axude a estar en calma”.
12. Por que teñen que sacar tempo para coidar da súa saúde as persoas que coidan doutros?
12 Aparta tempo para coidar da túa saúde física. Ás persoas moi ocupadas, coma os coidadores, pode facérselles difícil manter unha dieta saudable porque teñen pouco tempo para comprar produtos frescos e para preparar comidas nutritivas. Unha boa dieta e un bo programa de exercicio son esenciais para a túa saúde física e mental. Así que intenta usar ben o pouco tempo que tes comendo cousas saudables e facendo exercicio regularmente (Ef. 5:15, 16). Ademais, intenta durmir o suficiente (Ecl. 4:6). Hai estudos que indican que durmir pode axudar a eliminar toxinas do noso cerebro. O artigo “El impacto del sueño en el estrés”, publicado por Banner Health, di que durmir o suficiente pode reducir a ansiedade e axudarnos a xestionar o estrés. Tamén tes que facer cousas que che gusten (Ecl. 8:15). Unha irmá explica o que lle axuda a manterse feliz. Ela conta: “Cando vai bo tempo, aproveito para estar fóra e desfrutar do sol. E, polo menos unha vez ó mes, fago algo divertido cunha amiga”.
13. Por que é bo rir? (Proverbios 17:22, TNM).
13 Mantén un bo sentido do humor (le Proverbios 17:22, TNM; Ecl. 3:1, 4). Rir é bo para a túa saúde física e mental. Cando estás coidando de alguén, os plans poucas veces saen como pensabas. Se intentas ver con humor as situacións frustrantes, é probable que che resulte máis fácil soportalas. E rir coa persoa que coidas pode fortalecer a vosa relación.
14. Como che pode axudar falar cun amigo no que confías?
14 Fala cun amigo no que confíes. Por moito que te esforces por manterte feliz, ás veces sentiraste superado. Neses momentos pode axudarche dicirlle como te sentes a un bo amigo, alguén que non che faga sentir mal polo que lle contes (Prov. 17:17). Que te escoite e te anime coas súas palabras pode ser xusto o que necesites para manter a alegría (Prov. 12:25).
15. Como pode facerche máis feliz falar do Paraíso?
15 Imaxina como será a vosa vida xuntos no Paraíso. Intenta recordar que o teu papel como coidador é temporal, e que non é un traballo que Xehová quixese para os humanos (2 Cor. 4:16-18). A “vida que realmente é vida” aínda está por vir (1 Tim. 6:19). Pode facervos moi felices a ti e ó teu ser querido falar sobre o que queredes facer xuntos no Paraíso (Is. 33:24; 65:21). Unha irmá chamada Heather di: “A miúdo dígolles ás persoas das que coido que pronto coseremos, correremos, andaremos en bicicleta, faremos pan e cociñaremos xuntos para os nosos seres queridos que resucitaron. Despois de facer isto, dámoslle grazas a Xehová pola nosa esperanza”.
COMO PODEN AXUDAR OUTROS
16. Como podemos axudar a quen coida de alguén na nosa congregación? (Ver tamén a imaxe).
16 Axuda a quen coida de alguén a que teña tempo para el mesmo. Os irmáns da congregación podemos axudar ofrecéndonos a pasar tempo cos seres queridos dos coidadores. Desta maneira permitirémoslles a estes irmáns descansar e ter tempo para atender os seus asuntos persoais (Gál. 6:2). Algúns publicadores crearon un horario semanal para isto. Unha irmá chamada Natalya, que coida do seu home que non pode camiñar, conta: “Un irmán da congregación vén unha ou dúas veces á semana para pasar tempo co meu marido. Van predicar, falan e incluso ven películas xuntos. O meu home valora moito estes momentos e a min axúdame a ter tempo para as miñas cousas, como ir dar un paseo”. Nalgúns casos, para que o coidador poida durmir ben, ata poderías ofrecerte para quedar co seu ser querido pola noite.
Na túa congregación, como podes axudar a quen coida de alguén? (Ver o parágrafo 16).a
17. Como podemos axudar a quen coida de alguén durante as reunións de congregación?
17 Axuda a quen coida de alguén durante as reunións de congregación. Os coidadores poden atender pouco ás reunións de congregación e congresos porque están moi ocupados coidando do seu ser querido. Se estamos na súa congregación, podemos ofrecernos a sentarnos con quen necesita coidados durante algunhas reunións ou parte delas. Se a persoa non pode saír da casa, ofrezámonos para ir alí e conectarnos con ela á reunión para que o coidador poida asistir presencialmente.
18. Que máis podes facer por quen coida de alguén?
18 Felicita e ora por quen coida de alguén. Os anciáns deben dedicar tempo regularmente a animar os que coidan de alguén (Prov. 27:23). E todos nós debemos seguir dicíndolles que os queremos e que valoramos o que fan. Tamén podemos pedirlle a Xehová que lles siga dando forzas e lles axude a manter a alegría (2 Cor. 1:11).
19. Que esperamos con moitas ganas que suceda?
19 Pronto, Xehová secará tódalas lágrimas de dor dos nosos ollos. Xa non haberá enfermidades nin existirá a morte (Apoc. 21:3, 4). “O coxo saltará coma un corzo” (Is. 35:5, 6). As tristes consecuencias da idade e a dor de coidar dun ser querido enfermo formarán parte das “cousas do pasado [que] non serán recordadas” (Is. 65:17, TNM). E agora, mentres esperamos a que se cumpra a nosa marabillosa esperanza, podemos estar totalmente seguros de que Xehová sempre nos axudará. Se seguimos pedíndolle forzas, el axudaranos a “aguantar todo con paciencia e felicidade” (Col. 1:11).
CANCIÓN sjj 155 Ledicia sen final
a DESCRICIÓN DA IMAXE: Dúas rapazas da congregación visitan a unha irmá maior para que quen coida dela teña tempo para dar un paseo.