TEMA DE PORTADA | QUE PODE FACER O REINO DE DEUS POR TI?
Por que é importante para Xesús o Reino de Deus
Mentres estivo na Terra, Xesús falou de moitos temas. Por exemplo, ensinoulles ós seus discípulos a orar e explicoulles como agradarlle a Deus e como ser felices (Mateo 6:5-13; Marcos 12:17; Lucas 11:28). Pero do tema que máis falaba, e do que máis lle gustaba falar, era do Reino de Deus (Lucas 6:45).
Como vimos no artigo anterior, Xesús centrou a súa vida en predicar e anunciar “a Boa Nova do Reino de Deus” (Lucas 8:1). Esforzouse moito e percorreu a pé centos de quilómetros por todo Israel para falarlle á xente deste goberno. Os catro Evanxeos falan do seu ministerio e conteñen máis de cen referencias ó Reino de Deus, a maioría feitas por Xesús. Aínda así, probablemente non sexan máis ca unha pequena mostra de todo o que dixo sobre este Reino (Xoán 21:25).
Por que era tan importante para el o Reino de Deus cando estaba na Terra? Por un lado, porque Deus o escollera para ser o Rei (Isaías 9:5 [9:6, TNM]; Lucas 22:28-30). Pero o obxectivo de Xesús non era obter poder ou gloria (Mateo 11:29; Marcos 10:17, 18). Tiña razóns máis importantes para falar do Reino. El sabía, e sabe, que ese goberno lles vai facer moito ben ás persoas que máis quere: o seu Pai e os seus discípulos fieis.a
QUE FARÁ O REINO POLO PAI DE XESÚS
Xesús quérelle moitísimo ó seu Pai celestial (Proverbios 8:30; Xoán 14:31). Admira as súas fermosas calidades, como o amor, a compaixón e a xustiza (Deuteronomio 32:4; Isaías 49:15; 1 Xoán 4:8). Ben seguro aborrece as mentiras que se dixeron sobre el, como que a Deus non lle importa o sufrimento das persoas ou, aínda peor, que o causa. Esa é unha das principais razóns polas que Xesús puxo tanto empeño en anunciar “a Boa Nova do Reino”, porque sabía que o Reino lle ensinaría á xente a verdade sobre o seu Pai (Mateo 4:23; 6:9, 10). Como o vai facer?
Por medio do Reino, Xehová vai facer grandes cambios para o ben da humanidade. Por exemplo, “enxugará tódalas bágoas” dos ollos das persoas que lle sexan fieis e tamén eliminará a causa desas bágoas, porque “a morte xa non existirá máis. Nin haberá máis loito nin pranto nin dor” (Apocalipse 21:3, 4). Mediante o seu Reino, Xehová vai eliminar para sempre o noso sufrimento.b
Por iso, non é de estrañar que Xesús quixese falarlle á xente do Reino de Deus, xa que ese Reino vai demostrar que o seu Pai é un Deus compasivo e poderoso (Santiago 5:11). Pero Xesús tamén sabía que o Reino lles vai facer ben a outras persoas que el quere: as persoas que obedecen a Deus.
QUE FARÁ O REINO POLAS PERSOAS QUE OBEDECEN A DEUS
Antes de vir á Terra, Xesús vivía co seu Pai no ceo. Axudoulle a crear todo o que existe: as incontables estrelas e galaxias que hai no Universo, o noso fermoso planeta e os animais e plantas que nel viven (Colosenses 1:15, 16). Pero, de toda a creación, a quen Xesús máis quería era ós humanos (Proverbios 8:31).
Ese amor foi unha das características do ministerio de Xesús. Dende o principio, deixou claro que viñera á Terra “para proclamárlle-la Boa Nova” ós que tiñan necesidade (Lucas 4:18). Pero non só falaba, senón tamén facía constantemente cousas que demostraban o cariño que lles tiña ós humanos. Por exemplo, cando unha multitude se xuntou para escoitalo, “El, conmovido, curou a tódolos enfermos” (Mateo 14:14). Doutra volta, un home que padecía unha enfermidade moi dolorosa díxolle: “Se queres, pódesme limpar”. Motivado polo amor e a compaixón, díxolle: “Quero, queda limpo”, e deseguido curouno (Lucas 5:12, 13). E cando viu que a súa amiga María choraba pola morte do seu irmán Lázaro, “apretóuselle o corazón”, sentiuse “profundamente conmovido” e “botouse a chorar” (Xoán 11:32-36). Logo, fixo algo espectacular: a pesar de que Lázaro xa levaba catro días morto, devolveulle a vida! (Xoán 11:38-44).
Aínda así, Xesús sabía que o efecto dos seus milagres sería temporal. Antes ou despois, as persoas ás que curara volverían enfermar, e os que resucitara volverían morrer. Pero tamén sabía que o Reino de Deus solucionaría de xeito permanente tódolos problemas. Por iso non só fixo milagres, senón que se dedicou en corpo e alma a anunciar “a Boa Nova do Reino” (Mateo 9:35). Os seus milagres foron unha pequena mostra do que pronto fará o Reino en toda a Terra. Imos ver que promete a Biblia para o futuro.
Desaparecerán as enfermidades
“Entón abriranse os ollos dos cegos, e os oídos dos xordos destaparanse. Entón o coxo saltará coma un corzo e a lingua do mudo cantará xubilosa”. Ademais, “ningún habitante dirá: ‘Estou enfermo’” (Isaías 33:24, TNM; 35:5, 6).
Desaparecerá a morte
“Os xustos herdarán a terra e habitarán nela para sempre” (Salmo 37:29; cursiva nosa).
“O meu Señor, Deus dos Exércitos, destruirá a morte para sempre, enxugará as bágoas de tódalas caras” (Isaías 25:8).
Os mortos resucitarán
“Tódolos que están nos sepulcros escoitarán a súa voz; e sairán” (Xoán 5:28, 29).
“Haberá resurrección” (Feitos 24:15).
Todo o mundo terá traballo e vivenda
“Construirán casas e habitaranas e plantarán viñas e comerán os seus froitos. Non construirán para que outro habite, nin plantarán para que outro coma, [...] os meus elixidos disfrutarán da obra das súas mans” (Isaías 65:21, 22).
Non haberá máis guerras
“Contén a guerra en tódolos confíns” (Salmo 46:10 [46:9, TNM]).
“Non levantará un pobo contra outro a espada, nin aprenderán de novo a face-la guerra” (Isaías 2:4).
Haberá comida para todos
“O agro dá os seus froitos, bendinos o noso Deus” (Salmo 67:7 [67:6, TNM]).
“Abundará o trigo nos campos, nos montes ondularán coma no Líbano os froitos” (Salmo 72:16).
Deixará de haber pobreza
“O pobre non será esquecido eternamente” (Salmo 9:19 [9:18, TNM]).
“El librará ó pobre que suplica, ó aflixido que está sen axuda. Terá piedade dos febles e indixentes, salvará a vida dos pobres” (Salmo 72:12, 13).
Ó ver estas promesas, entendes por que era tan importante o Reino de Deus para Xesús? Cando estivo na Terra, faloulles deste Reino a tódolos que quixeron escoitalo porque sabía que é a única solución ós nosos problemas.
Que che parecen estas promesas de Deus? Se che gustaron, como podes aprender máis sobre ese Reino? E que podes facer para desfrutar do que logrará? O seguinte artigo responderá estas preguntas.
a Se dicimos que Xesús “sabe”, en presente, é porque resucitou e volveu ó ceo. Dende entón, o Reino aínda se volveu máis importante para el (Lucas 24:51).
b Se queres saber por que Deus permite o sufrimento, consulta o capítulo 11 do libro Que ensina realmente a Biblia? publicado polas Testemuñas de Xehová e dispoñible en www.jw.org.